Accesibilidade do proceso electoral
Procedementos de votación e accesibilidade
Voto presencial e voto por correo: condicións de accesibilidade.
Voto presencial.
Os locais electorais, e as mesas electorais, deberán ser accesibles e dispoñerán dun espazo, accesible e adecuado, situado o máis preto posible da mesa electoral na que lle corresponda votar ao elector. Nese lugar daranse as condicións de intimidade necesarias para que o elector poda elixir a súa opción de voto en secreto.
Os membros das mesas electorais velarán para que os electores con discapacidade podan exercer o seu dereito de voto coa maior autonomía posible.
Calquera queixa ou solicitude sobre accesibilidade, durante o período electoral, pódese enviar á Xunta Electoral de Zona competente.
O artigo 87 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral establece que:
os electores que non saiban ler ou que, por discapacidade, non poidan por si mesmos elixir a papeleta, colocala dentro do sobre, entregala ao Presidente da Mesa ou introducila na urna, poden servirse para estas operacións dunha persoa da súa confianza;
que se regulará un procedemento de votación para as persoas cegas ou con discapacidade visual, que se aplicará, en todo caso, ás eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado, ás eleccións ao Parlamento Europeo e aos supostos de referendo. Este procedemento regulouse en 2007 e utilizouse por primeira vez nas Eleccións a Cortes Xerais 2008.
Enlaces:
Voto por correo para persoas con problemas de mobilidade: gratuidade da Certificación médica e do poder Notarial.
A solicitude de voto por correo, en caso de que un elector ou electora non poida presentar esa solicitude de maneira persoal na Oficina de Correos por causa de enfermidade ou discapacidade (que deberá acreditarse por medio de certificación médica oficial e gratuíta) poderá ser efectuada no seu nome por outra persoa autorizada, no notario ou no consulado, mediante documento que se estenderá individualmente en relación con cada elector e sen que no mesmo poda incluírse a varios electores, nin unha mesma persoa representar a máis dun elector.
A Xunta Electoral competente comprobará, en cada caso, a concorrencia de todas estas circunstancias.
O procedemento é o seguinte:
Os interesados han contactar cun Notario que actuará, de maneira gratuíta (Consello Xeral do Notariado: http://www.notariado.org/ ) e entregaranlle o certificado médico oficial e gratuíto ao que se referir o artigo 72.c) da LOREG.
O Notario desprazarase ao enderezo do elector, xa sexa un hospital, residencia de anciáns, ou o enderezo dun familiar. Posteriormente, seguirase o mesmo procedemento que para o voto por correo ordinario.
É dicir: O representante ou apoderado poderá ir —dentro do prazo de solicitude do voto por correo: do 27 de outubro ao 10 de decembro— persoalmente, co seu D.N.I. e o poder notarial, a calquera Oficina de Correos e solicitará o formulario para votar por correo.
Os servizos de Correos remitirán toda a documentación á Oficina do Censo Electoral, que anota nas Listaxes do Censo que se solicitou votar por correo -de modo que XA NON PODA VOTAR PERSOALMENTE- e remite ao apoderado por correo certificado ao enderezo que lle teña indicado ou, no seu defecto, ao que figure no Censo, a seguinte documentación:
- Unha papeleta de cada unha das formacións políticas que se presente ás Eleccións;
- Un sobre de votación, no que se introducirá a papeleta correspondente.
- o certificado de inscrición no censo electoral;
- un sobre no que figurará o enderezo da Mesa onde lle correspondería votar;
- unha folla explicativa.
Esta documentación tamén debe ser recollida persoalmente polo apoderado, previa acreditación da súa identidade. Se non estivese no seu enderezo, terá que ir persoalmente a recollela á Oficina de Correos correspondente.
Máis información:
- Artigos 72, 87 e 118 1. b) da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do réxime electoral xeral.
- Artigos 1 e 8 do Real Decreto 605/1999, de 16 de abril, de regulación adicional dos procesos electorais.
- O Real Decreto 1612/2007, de 7 de decembro, regula ese procedemento de voto accesible que facilita ás persoas con discapacidade visual o exercicio do dereito de sufraxio.
- Real Decreto 422/2011, de 25 de marzo, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais.
- Real Decreto 557/1993, de 16 de abril, sobre actuación notarial no procedemento de emisión de voto por correo.
- Instrución de 26 de abril de 1993, da Xunta Electoral Central, sobre certificado médico oficial e gratuíto ao que se referir o artigo 72.c) da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, na redacción dada pola Lei Orgánica 6/1992, de 2 de novembro.
Procedemento de votación accesible para electores con discapacidade visual (documentación adicional en braille).
Guía explicativa do Conxunto de Voto Accesible (en todas as linguas cooficiais).
Quen pode solicitar o procedemento de votación accesible?
Os electores cegos ou con discapacidade visual grave inscritos no Censo Electoral que saiban utilizar o sistema braille e teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, ou sexan afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois, poden solicitar o maletín/conxunto de votación accesible que se lles entregará na Mesa electoral o día da celebración das Eleccións a Cortes Xerais 2015 (20 de decembro), segundo establece a normativa en vigor.
Para solicitar o conxunto de votación accesible estes electores han comunicalo á Administración Xeral do Estado a través do teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000 dende o mesmo día da convocatoria das eleccións, o 27 de outubro, ata o día 23 de novembro, ambos incluídos. (Horario atención: L-V de 09:00 a 17:30 e sábados de 09:00 a 14:00. Agás festivos de ámbito estatal.)
IMPORTANTE:
O procedemento de votación accesible, ao ser votación presencial na Mesa electoral, é incompatible co procedemento de voto por correo. A normativa electoral establece que se se solicitar o voto por correo xa non se pode exercer o voto de maneira presencial na Mesa electoral o día das eleccións.
En que consiste este procedemento?
O procedemento de voto accesible ten por obxecto poñer a disposición dos electores cegos ou con discapacidade visual grave que saiban braille, e que o teñan solicitado en tempo e forma, un conxunto/maletín de votación accesible o día das Eleccións na súa Mesa electoral.
IMPORTANTE: As papeletas e os sobres de votación utilizados neste procedemento non están en braille: só están en braille as etiquetas e a documentación adicional que se inclúen no conxunto/maletín, en aras do segredo do voto.
Ese maletín/conxunto de votación accesible conten: papeletas e sobres de votación normalizados (é dicir, sobres e papeletas idénticos aos que utilizan o resto de electores para as Eleccións ao Congreso e ao Senado) e unha documentación adicional en braille (guía explicativa en braille, adhesivos en braille e tinta que identifican contidos, listado en braille de candidatos/as ao Senado…) que permite ao elector usuario de braille a identificación da opción de voto desexada con plena autonomía e coa garantía do segredo do sufraxio.
Como se solicita o conxunto de votación accesible?
Os electores con discapacidade visual que desexen utilizar o sistema de voto accesible nas Eleccións a Cortes Xerais deben comunicalo chamando ao teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000. O prazo de solicitude iníciase o 27 de outubro e remata o día 23 de novembro, ambos días incluídos.
O horario de atención telefónica será: de luns a venres de 09:00 a 17:30 -agás festivos de ámbito estatal- e os sábados de 09:00 a 14:00
Que datos hai que dar para solicitar por teléfono o voto accesible?
Os electores que soliciten o procedemento de votación accesible deberán facilitar, dentro de prazo, a través do Teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000, os seguintes datos:
- Nome e apelidos
- Data de nacemento
- Número do Documento Nacional de Identidade (DNI)
- Enderezo
- eléfono de contacto
Ademais, deberán manifestar que cumpren cos requisitos seguintes:
- Que saben ler en braille.
- Que teñen recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou que son afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).
A Administración poderá requirir en calquera momento a verificación destes datos.
Segundo a normativa en vigor en materia de protección de datos de carácter persoal no seu día creouse e deuse de alta na Axencia Española de Protección de datos o ficheiro Voto accesible.
Que información se pode pedir no teléfono gratuíto?
No teléfono gratuíto, ademais de poder solicitar o conxunto de votación accesible, os electores poderán facer consultas, dende o día 27 de outubro ata o día 20 de decembro, ambos incluídos, sobre cuestións relacionadas con:
- O procedemento de voto accesible regulado no Real Decreto 1612/2007, de 7 de decembro.
- O proceso electoral.
- As candidaturas proclamadas: Eleccións ao Congreso dos Deputados e Eleccións ao Senado.
Cal é contido do conxunto de votación accesible Eleccións a Cortes Xerais?
a) Material de votación estándar ou normalizado.
- Un sobre de votación estándar para as Eleccións ao Congreso dos Deputados.
- Un sobre de votación estándar para as Eleccións ao Senado.
- Unha papeleta electoral estándar correspondente a cada unha das candidaturas proclamadas para as Eleccións ao Congreso dos Deputados.
- Unha papeleta electoral estándar para as Eleccións ao Senado.
b) Documentación adicional en braille.
- Unha guía explicativa en tinta e en braille sobre de que xeito utilizar a documentación contida no conxunto/maletín.
- Un modelo perforado dentro do que estará a papeleta electoral estándar correspondente ás Eleccións ao Senado.
- Unha listaxe, en braille, cos nomes dos candidatos e candidatas ao Senado.
- Un sobre grande que incluirá un sobre pequeno (tamaño cuartilla) por cada candidatura que concorra ás Eleccións ao Congreso dos Deputados. Cada un deses sobres pequenos terá pegada unha etiqueta na que constará, en tinta e en braille, a denominación da candidatura cuxa papeleta electoral (estándar, non en braille) está dentro do sobre.
O sobre grande irá identificado cunha etiqueta que terá o seguinte texto rotulado en braille e formulario en tinta: “Eleccións ao Congreso dos Deputados”
Cada un dos devanditos sobres de tamaño cuartilla incluirá a papeleta normalizada de votación correspondente a unha candidatura proclamada. Co fin de que o elector poda coñecer o contido de cada sobre, adherirase en cada un deles un adhesivo que, en braille e tamén en tinta, especificará o nome e o acrónimo da candidatura cuxa papeleta estea dentro do sobre.
Quen garante que as traducións ao braille son correctas?
Os textos en braille incluídos no maletín/conxunto de voto accesible son supervisados pola Comisión Braille Española, que emite os correspondentes certificados, e o correcto funcionamento do procedemento de voto accesible é supervisado pola Administración Electoral (Xuntas Electorais e Mesas Electorais).
Nas Eleccións a Cortes Xerais, que se lles entrega na Mesa electoral aos electores que solicitarán por teléfono a utilización do procedemento de votación accesible
O día das Eleccións o elector ou electora identificarase ante o Presidente da Mesa electoral correspondente ou, no su caso, ante os vogais da mesma, comunicando que solicitou en tempo e forma o conxunto de votación accesible e facilitando o seu número de DNI.
Os membros da Mesa electoral contarán cunha listaxe de solicitudes de votación accesible no que constará unicamente o DNI do elector ou electora que reclama o seu conxunto de votación accesible e os datos sobre a Provincia/Municipio/Distrito/Sección/Mesa e enderezo do local electoral correspondente.
Os membros da Mesa electoral entregarán ao elector ou electora o maletín/conxunto de votación accesible só se constar na devandita listaxe.
Instrucións para o uso da documentación contida no maletín/conxunto de votación accesible
A. Preparación do voto.
Unha vez lle teña sido entregado o conxunto de votación accesible pode vostede solicitar que os membros da Mesa electoral lle faciliten o acceso a un espazo, situado o máis preto posible da Mesa electoral, para que vostede poda manexar alí a documentación contida no conxunto de votación accesible con garantías de intimidade. Tamén pode levar o conxunto de votación accesible fóra do local electoral e tornar máis tarde a emitir o seu voto.
Para as Eleccións ao Senado, marque cun bolígrafo ou lapis a súa opción de voto nos cadros do modelo en Braille dentro do que está a papeleta do Senado.
Nese modelo, cada candidatura está identificada cun número. Procure ese número na listaxe en Braille de candidaturas e así poderá saber a denominación da candidatura así como os nomes dos candidatos e candidatas ao Senado correspondentes a esa candidatura. Unha vez seleccionados os candidatos aos que desexe outorgar o su voto, extraia a papeleta estándar do modelo e introdúzaa no sobre de votación correspondente ás “Eleccións ao Senado”.
No caso da Elección ao Congreso dos Deputados, abra o sobre grande que indica en braille “Eleccións ao Congreso dos Deputados”. Seleccione, de entre os sobres pequenos que hai dentro, o que lle indique en Braille que contén a papeleta correspondente á candidatura á que vostede desexa outorgar o seu voto, extraia esa papeleta e introdúzaa no sobre de votación correspondente ás “Eleccións ao Congreso dos Deputados”
B. Votación.
A continuación diríxase a votar á Mesa electoral onde deberá amosar ao Presidente ou Presidenta da Mesa electoral un dos seguintes documentos para identificarse:
O Documento Nacional de Identidade (DNI). Non serve o resgardo en trámite, posto que nel non aparece a fotografía do elector ou electora.
O Pasaporte (con fotografía).
Non importa que estes documentos estean caducados, pero deben ser os orixinais, non valen fotocopias.
C. Material sobrante.
Despois da votación, recoméndase ao elector ou electora que se leve consigo o maletín/conxunto de votación accesible, xunto con todo o material sobrante, co fin de asegurar o segredo do voto emitido.