Como votar
Outros procedemientos de votación
Persoal embarcado
O persoal dos buques da Armada, mariña mercante ou flota pesqueira de altura, abandeirados en España, que teña de permanecer embarcado dende a convocatoria das eleccións ata a súa celebración e que durante este período toque portos, previamente coñecidos, no territorio nacional, poderá exercitar o seu dereito ao sufraxio electoral da forma seguinte:
A través do servizo de radiotelegrafía, correo electrónico, telefax ou por calquera outro medio que poida habilitarse a estes efectos, poderase solicitar da Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral onde o interesado estea inscrito, o certificado de inscrición no censo.
Na mensaxe farase constar os datos seguintes:
- Nome e dous apelidos do solicitante.
- Número do documento nacional de identidade.
- Data, provincia e municipio de nacemento.
- Municipio de residencia no que está incluído no censo electoral.
- Nome do buque no que se atopa embarcado.
- Porto ou portos nos que teña prevista a súa arribada o buque, con indicación das datas concretas en que esta se teña de producir.
No caso de que poida recibir a documentación electoral por medio doutro buque, indicarase na radio mensaxe o armador, consignatario ou buque onde debe ser enviada. A efectos de solicitude do voto por correo, os servizos de radiotelegrafía dos buques terán a consideración de dependencias delegadas do servizo de Correos e os Comandantes e Capitáns ou Oficial no que expresamente deleguen a de persoal encargado da recepción da solicitude.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición do interesado, considerará a todos os efectos como recibida a solicitude e procederá a remitir a documentación pertinente ao porto ou, no seu caso, armador, consignatario ou buque que o elector houbese designado xa o seu nome.
Recibida polo elector esta documentación, procederá a remitir por correo certificado e urxente, dende calquera dos portos no que o buque atraque, a documentación electoral, á Mesa electoral na que lle corresponda votar.
Persoal das forzas armadas que estea cumprindo misións no exterior
Para o exercicio do dereito do voto por correo do persoal das Forzas Armadas destacado fóra do territorio nacional, en operacións vinculadas coa seguridade e defensa de España e dos seus aliados, no marco de organizacións internacionais das que España forme parte, así como para contribuír ao mantemento da paz, a estabilidade e seguridade e apoiar a axuda humanitaria, dende a data da publicación da convocatoria e ata a súa celebración seguirá o seguinte procedemento:
O Comandante do buque ou o Xefe de Unidade remitirá a relación do persoal que desexa exercer o seu dereito de sufraxio ao Director Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a través do Xefe do Estado Maior da Defensa e dos Xefes de Estado Maior dos Exércitos e a Armada.
Por cada solicitante farase constar:
- Nome e dous apelidos.
- Número do documento nacional de identidade.
- Data, municipio e provincia de nacemento.
Municipio de residencia no que está incluído no censo electoral.
O Director Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a partir da data da publicación da convocatoria no boletín oficial correspondente e antes do décimo día anterior ao da votación, dará traslado desta relación á Oficina do Censo Electoral que as remitirá ás súas correspondentes Delegacións Provinciais.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición do interesado, considerará a todos os efectos a solicitude como recibida e procederá a remitir a documentación correspondente á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa para que, polo procedemento máis urxente posible, a faga chegar ao destinatario.
O elector procederá a exercer o seu dereito ao voto unha vez recibida a documentación á que fai referencia o punto anterior. Dos votos emitidos farase cargo o Comandante do buque ou Xefe da Unidade, que os custodiará, garantindo a súa seguridade, integridade e segredo, ata que sexan recollidos polo encargado do seu transporte a territorio nacional. A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa fará chegar os votos recibidos á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, antes do segundo día previo ao da celebración das eleccións, quen os remitirá con carácter urxente á Mesa electoral correspondente.
Internos en centros penais
Os internos en Centros Penais que non estean privados do dereito de sufraxio, votan por correo, seguindo o seguinte procedemento:
En todos os Centros Penais expoñeranse perante a poboación interna as normas electorais que regulan o voto por correo, e se organizarán sesións informativas de explicación e aclaración do procedemento de votación.
Para iso, o Director de cada Centro Penal -ou a persoa en quen este delegue- solicitará nos tres primeiros días dende a publicación da convocatoria á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, que un empregado deste servizo se desprace nunha data determinada ao Centro, provisto dos impresos de solicitude de certificado para o voto por correo que puideran ser necesarios para que, alí mesmo, sexan cumprimentados polos internos que queiran exercer o seu dereito ao voto.
Se algún dos reclusos carecera de DNI, bastará co Documento de Identidade Interior que teñen todos os internos sempre e cando nel apareza a fotografía do titular.
A Oficina do Censo Electoral deberá remitir ao Centro Penal en que se atope o recluso, sobres e papeletas suficientes que lle serán entregadas persoalmente polo empregado de Correos ao elector.
O elector elixirá a papeleta correspondente, introduciraa no sobre (ou non incluirá papeleta ningunha se o que desexa é votar en branco), e este, noutro sobre que irá dirixido á Mesa electoral que corresponder.
O empregado de Correos fará chegar estes sobres ás correspondentes Mesas electorais o día da votación.