Como votar
Voto por correo dende España
Como se vota por correo dende España?
Unha vez convocadas as eleccións, e ata o día 10 de decembro, data na que finaliza o prazo para solicitar o voto por correo, os electores poderán acudir a calquera oficina de Correos e solicitar o impreso para votar por correo.
Debidamente cumprimentado, entregarano persoalmente en calquera oficina de Correos, acreditando a súa identificación perante o empregado da referida oficina coa presentación do seu DNI, pasaporte ou carné de conducir (xa que inclúen fotografía do titular e sinatura; en ningún caso fotocopia), que así llo requirirá para a comprobación da súa sinatura.
Lembre: o prazo para poder solicitar o voto por correo finaliza o día 10 de decembro (ampliado o prazo ata o 11 de decembro).
Os servizos de Correos remiten a solicitude debidamente cumprimentada á Oficina do Censo Electoral, que fai a anotación correspondente nas listas do censo. Polo tanto, o elector que solicita o voto por correo, unha vez que foi admitida a súa solicitude, XA NON PODE VOTAR PERSOALMENTE.
A continuación a Oficina do Censo Electoral envía por correo certificado ao enderezo indicado polo elector no impreso de solicitude un sobre coa seguinte documentación:
- papeletas e sobre de votación.
- o certificado de inscrición no censo.
- un sobre no que figurará a dirección da Mesa onde lle correspondería votar.
- unha folla explicativa.
Esta documentación tamén debe ser recollida persoalmente polo elector, previa credencial da súa identidade. Se non estivese no seu enderezo, terá que ir persoalmente a recollela á Oficina de Correos.
O elector deberá seleccionar a súa opción de voto:
- Para a elección de deputados, introducirá a papeleta coa candidatura elixida dentro do sobre de votación de cor branca.
- Para a elección de senadores, marcará o/os candidatos da súa elección atendendo ás instrucións que se recollen na propia papeleta. Despois meterá esta papeleta no sobre de votación de cor sepia.
A continuación, introducirá no sobre dirixido á Mesa electoral o seguinte:
- Sobre de votación coas papeletas.
- O certificado de inscrición no censo.
Ten ata o día 16 de decembro (ampliado o prazo ata o 18 de decembro), para remitir este sobre por correo certificado. Este envío é gratuíto para o elector, xa que será o Ministerio do Interior a través do orzamento electoral o que se fará cargo de compensar ao operador postal por estes envíos.
Debe terse en conta que non é necesario que o elector acuda persoalmente á Oficina de Correos a certificar o sobre de votación, se non que poderá facelo outra persoa no seu nome (Acordo JEC 10 maio 1995).
O servizo de Correos conservará ata o día da votación toda a correspondencia dirixida ás Mesas electorais e trasladaraa ás devanditas Mesas ás nove da mañá.
Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse no mencionado día, ata as vinte horas do mesmo. O servizo de Correos levará un rexistro de toda a documentación recibida, que estará a disposición das Xuntas Electorais.
Os sobres recibidos despois das vinte horas do día fixado para a votación remitiranse á Xunta Electoral de Zona (e destruíranse).
Como se mesturan os votos recibidos por correo cos que se depositaron persoalmente na urna?
O 20 de decembro, ás 20 horas, unha vez que teña votado o último elector na Mesa electoral, procederase a introducir na urna respectiva os sobres que conteñan as papeletas do voto remitido por correo.
Para iso, deben seguirse os seguintes pasos:
- Abrir, dun nun, os sobres remitidos ao Presidente da Mesa e comprobar que conteñen o certificado de inscrición no censo do elector e o sobre ou sobres de voto por correo.
- Comprobar que o elector está inscrito no censo da Mesa.
- Introducir na urna o sobre ou sobres de votación.
- Anotar ao elector na listaxe numerada de votantes (os vogais anotarán o nome do elector na listaxe numerada de votantes).