Información para membros de mesa
Información xeral sobre as Mesas electorais
As Mesas electorais forman parte da Administración electoral, xunto coas Xuntas electorais.
Á Mesa electoral correspóndelle presidir o acto da votación, controlar o desenvolvemento da votación e realizar o reconto e o escrutinio.
A Mesa electoral está integrada por un Presidente ou Presidenta e dous vogais.
O nomeamento dos integrantes da Mesa electoral é competencia de cada Concello, e elíxese polo Pleno Municipal mediante sorteo público utilizando calquera procedemento aleatorio ou mecanismo ao azar. Non hai obxección para que o referido sorteo poida realizarse perante a Xunta de Goberno Local, en caso de que o Pleno do Concello teña delegado nela esa competencia, sempre que se leve a cabo nunha sesión pública.
Este sorteo realízase entre a totalidade de persoas censadas na Sección que teñan menos de 70 anos e saiban ler e escribir, se ben a partir dos sesenta e cinco anos de idade poderase manifestar a renuncia no prazo de sete días. Quedarán excluídos quen alcancen a maioría de idade no prazo comprendido entre a formación das listaxes de electores e a votación.
O Presidente ou Presidenta deberá ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grao ou, subsidiariamente, o de Graduado Escolar ou equivalente.
Se designarán dous suplentes por cada membro da Mesa electoral (dous por cada un dos vogais, e outros dous suplentes para o Presidente ou Presidenta da Mesa).
Para as eleccións do 20 de decembro os sorteos realízanse entre os días 21 a 25 de novembro.
Aos designados polo Pleno Municipal notifícaselles a súa condición de membros de Mesa durante os tres días seguintes ao sorteo, é dicir entre o 21 a 28 de novembro, aínda que se se producir máis tarde, o retraso non será causa de invalidación da designación.
Xunto coa notificación seralles proporcionado un Manual de instrucións para os Membros das Mesas Electorais.
A designación como membro de Mesa para un proceso electoral non supón a continuidade da designación para o seguinte, aínda que nada impide que, en virtude do sorteo, se poida ser designado membro de Mesa electoral en procesos consecutivos.