Información para membros de mesa
Seguridade Social
Con independencia da súa condición individual (xa sexa traballador, pensionista, desempregado…), toda persoa que sexa designada para desempeñar funcións como membro (tanto titular como suplente) dunha Mesa electoral con motivo da celebración dun proceso electoral, está especialmente protexida polo sistema da Seguridade Social.
Están protexidas de todos os riscos que se deriven da súa condición de membro, titular ou suplente, dunha Mesa electoral e teñan relación directa co desempeño das súas funcións, incluído o accidente “in itinere”, tendo as lesións que puideran sufrir, a consideración de accidente de traballo.
As prestacións ás que se ten dereito son as seguintes:
- Asistencia sanitaria.
- Prestacións complementarias.
- Prestacións económicas.
- Servizos Sociais.
No caso de ser necesaria a asistencia sanitaria, o propio afectado ou, no seu defecto, os seus familiares ou os restantes membros da Mesa, comunicarán á Delegación ou Sub Delegación do Goberno, á maior urxencia posible, os seguintes datos:
- Datos persoais da persoa afectada.
- Mesa na que ostentaba a condición de membro.
- Accidente e lugar en que se produciu.
- Centro no que foi atendido.
A Dirección Xeral de Política Interior, en comunicación cos Delegados e Subdelegados do Goberno, encargarase de realizar as xestións oportunas coa Dirección Xeral do Instituto Nacional da Seguridade Social coa fin de que se axilice e facilite a protección a dispensar.
En canto ao resto de prestacións distintas da asistencia sanitaria (prestacións complementarias, prestacións económicas e Servizos Sociais), tamén estas serán postas en coñecemento da Delegación ou Sub Delegación do Goberno correspondente.