Resolva as sús dúbidas
Sufraxio activo e censo electoral
Quen pode votar nestas eleccións?
O “dereito de sufraxio activo” é dereito ao voto e o “dereito de sufraxio pasivo” é o dereito a presentarse como candidato e ser votado.
Nas eleccións a Cortes Xerais poden votar todos os españois maiores de idade inscritos no censo electoral (tanto residentes en España como residentes no estranxeiro).
Así e todo, non poderán votar:
- Os condenados por sentenza xudicial firme a pena de privación do dereito de sufraxio.
- Os declarados incapaces por sentenza xudicial firme, sempre que a mencionada sentenza declare expresamente a incapacidade para o exercicio do dereito de sufraxio.
- Os internados nun hospital psiquiátrico con autorización xudicial, durante o período que dure o internamento e sempre que na autorización o xuíz declare expresamente a incapacidade para o exercicio do dereito de sufraxio.
É obrigatorio votar?
Non. Ninguén pode ser obrigado nin coaccionado baixo ningún pretexto no exercicio do seu dereito de sufraxio, nin a revelar o seu voto.
O voto (o exercicio do dereito de sufraxio) é universal, libre, igual, directo e secreto.
- Universal, porque todos os maiores de idade en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos poden exercitalo.
- Libre, porque ninguén pode ser obrigado a votar.
- Igual, porque todos os votos teñen o mesmo valor.
- Directo, porque mediante o noso voto desígnase á aquelas persoas que queremos que nos representen nos asuntos públicos.
- Segredo, porque ninguén pode ser obrigado a revelar o sentido do seu voto.
Que é o censo electoral?
O censo electoral é unha base de datos que contén a inscrición dos que reúnen os requisitos para votar e non están privados definitiva o temporalmente, do dereito de sufraxio.
O censo electoral é único e permanente, e a súa actualización é mensual.
O censo electoral no caso das eleccións a Cortes Xerais está composto por:
- Censo de Electores Residentes en España (CER)
- Censo de Electores Residentes - Ausentes que viven no estranxeiro (CERA)
A inscrición no censo electoral é obrigatoria para poder votar.
Quen elabora o censo electoral?
O censo electoral é elaborado pola Oficina do Censo Electoral, órgano encadrado no Instituto Nacional de Estatística (Ministerio de Economía e Competitividade), que exerce as súas competencias baixo a dirección e supervisión da Xunta Electoral Central.
Os Concellos, as Oficinas Consulares de España no estranxeiro, e as Seccións Consulares das Misións Diplomáticas tramitan de oficio a inscrición dos electores e a Oficina do Censo Electoral é o órgano encargado da formación do censo electoral.
Para a elaboración do censo, a Oficina:
- Coordina o proceso de elaboración do censo electoral e con tal fin pode dirixir instrucións aos Concellos e Consulados, así como aos responsables do Rexistro Civil e do Rexistro de Penados e Rebeldes.
- Supervisa o proceso de elaboración do censo electoral e a tal efecto pode inspeccionar os Concellos e Consulados.
- Controla e revisa de oficio as altas e baixas tramitadas polos órganos competentes e elabora un ficheiro nacional de electores.
- Elimina as inscricións múltiples dun mesmo elector que non teñan sido detectadas polos Concellos e Consulados.
Que censo se utilizará o 20 de decembro?
O censo que se utiliza en cada proceso electoral é o fechado o día primeiro do segundo mes anterior ao da data da convocatoria.
No caso das Eleccións do 20 de decembro, o censo será o fechado a 1 de agosto de 2015.
Así e todo, a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral contempla un período de rectificación xa convocadas as eleccións.
Onde e cando se pode consultar o censo e a Mesa electoral?
Os Concellos e Consulados expoñerán as listaxes electorais vixentes dos seus respectivos municipios do 2 ao 9 de novembro.
Ademais, a Oficina do Censo Electoral remitirá a todos os electores unha tarxeta censual cos datos actualizados da súa inscrición no censo electoral e da Sección e Mesa na que lles corresponde votar e comunicará igualmente aos electores afectados as modificacións de Seccións, Locais ou Mesas electorais.
Así mesmo, poderase acceder á consulta dos datos de Locais e Mesas electorais por Internet, a través da páxina web do INE (www.ine.es) sen necesidade de dispoñer de certificado dixital.
Para as consultas aos datos de inscrición individuais de cada elector, que incluirán tamén os da Mesa e Local onde lle corresponde votar, será necesaria a utilización dun certificado dixital e poderase acceder a través da páxina web do INE (www.ine.es) dende o día da publicación da convocatoria.
Se os meus datos están mal, que debo facer?
Se durante o período de exposición das listaxes (do 2 ao 9 de novembro), calquera persoa observa que está incluído ou excluído indebidamente do censo electoral, pode presentar unha reclamación perante a Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral.
Esta, no prazo de tres días, resolve as reclamacións e ordena as rectificacións, que haberán de ser exposta ao público o 13 de novembro. Ademais, tamén notificará a resolución adoptada a cada un dos reclamantes, Concellos e Consulados correspondentes.
Os electores que cambiaron de enderezo ou voten por primeira vez, deben comprobar especialmente se os seus datos son correctos