O local electoral

O local electoral

O  local electoral

O exterior do local

Os locais electorais onde teña lugar o acto de votación deberán reunir as condicións necesarias para iso.

Serán preferentemente de titularidade pública e deberán ser accesibles ás persoas con discapacidade.

Naqueles locais nos que exerzan o seu dereito de sufraxio persoas cegas ou con discapacidade visual que solicitasen facer uso do procedemento de voto accesible, deberá existir un espazo concreto, accesible e adecuado que garanta a privacidade do elector e que se atope o máis preto posible da mesa na que lle corresponda exercer o seu dereito de sufraxio.

O local electoral ha de ter as condicións adecuadas para celebrar a votación. Debe haber mesas e cadeiras suficientes para os membros da mesa, luz apropiada, material de escritorio e letreiros de sinalización.

Permanecerá aberto de maneira ininterrompida entre as 9:00 e as 20:00 horas.

Presidente ou presidenta e vogais

Durante toda a xornada electoral, a mesa deberá de contar coa presenza, cando menos, de dous dos seus compoñentes.

O presidente ou presidenta debe ter o título de Bacharel, FP ou Graduado Escolar. É a máxima autoridade dentro do local electoral. Pode solicitar axuda das forzas e corpos de seguridade.

O presidente ou presidenta e os vogais son designados por sorteo público entre a totalidade das persoas censadas na sección correspondente, que sexan menores de 70 anos e que saiban ler e escribir.

Os cargos de presidente ou presidenta e vocal son obrigatorios, aínda que a partir dos 65 anos poderán manifestar a súa renuncia no prazo de sete días desde o seu nomeamento.

Teñen dereito a unha redución de 5 horas da súa xornada laboral ao día seguinte da elección.
Reciben unha dieta de 65 euros.

Están protexidos pola Seguridade Social durante toda a xornada.

Interventores ou interventoras.

Son os representantes das candidaturas ante unha mesa electoral. Desempeñan a súa función só ante a mesa na que están acreditados. Participan nas deliberacións da mesa con voz pero sen voto.
Os interventores ou interventoras de cada candidatura acreditados perante a mesa poden substituírse entre si, poden formular reclamacións ou protestas ou pediren certificacións.

Poden ostentar emblemas ou adhesivos do partido ao que representan sen que iso supoña propaganda electoral.

Votan na mesa ante a que están acreditados, aínda que non estean incluídos no censo electoral dela, a condición de que figuren inscritos no censo da circunscrición correspondente a esa mesa. En caso contrario só poderán votar por correo na mesa en cuxo censo figuren inscritos.

Apoderados ou apoderadas

Son representantes dun partido en todos os actos e operacións electorais.

Poden acceder libremente a todos os locais electorais, examinar o desenvolvemento da votación e o escrutinio e formular queixas e reclamacións.

Poden levar emblemas ou adhesivos do partido ao que representan sen que iso supoña propaganda electoral.

Exercerán o seu dereito ao voto na mesa na que se atopen censados.

Representantes da administración

Son as persoas designadas pola administración para recoller a información relativa á apertura das mesas, datos de participación e resultados electorais.

Esta información é transmitida ao organismo encargado de realizar o escrutinio provisional (Ministerio do Interior) para a súa difusión aos cidadáns unha vez totalizados os datos.

Ofrecen asistencia á mesa electoral sempre con carácter auxiliar e non forman parte dela nin poden participar nas súas deliberacións.

Urnas

En cada mesa electoral haberá unha urna para cada un dos procesos convocados.
Deben estar claramente identificadas. Para iso fixarase o sobre de votación correspondente ao proceso para celebrar na parte dianteira e traseira. Deben estar pechadas e precintadas.
En caso de rotura ou deterioración do precinto a presidencia da mesa, se non puidese obter oportunamente outra urna da xunta electoral de zona, deberá asegurar o seu peche con calquera medio ao seu alcance.

Manual de persoas que compoñen a mesa

Coa notificación da designación como presidente ou presidenta e vogal das mesas entregarase un manual de instrucións para as persoas que compoñen as mesas electorais, supervisado pola xunta electoral central e aprobado por acordo do Consello de Ministros.

Lista do censo electoral da mesa

Entre a documentación electoral, cada mesa conta cunha lista dos electores e electoras censados na mesma.

Contará así mesmo cunha lista do rueiro da sección electoral á que pertence a mesa e o rango alfabético de iniciais do primeiro apelido dos electores e electoras que contén, para a súa exposición pública no local electoral.

Outra documentación electoral
  • Acta de constitución.
  • Actas de escrutinio.
  • Actas de sesión.
  • Lista numerada de votantes.
  • Recibo de entrega da documentación electoral.
  • Certificados de votación.
  • Talóns de interventores.
Cabina de votación e mesa auxiliar

A cabina deberá estar na mesma habitación na que se desenvolva a votación e nun lugar intermedio entre a entrada e a mesa.

No seu interior (nos compartimentos) e nunha mesa auxiliar que se situará preto dela, colocaranse as papeletas.

Sobres e papeletas electorais

Durante toda a xornada debe haber un número suficiente de sobres e de papeletas de todas as candidaturas que se presentan.

A presidencia deberá interromper a votación se advirte a ausencia de papeletas dalgunha candidatura, e retomala cando llas fornezan.

Electores e electoras

Os españois e españolas maiores de idade inscritos no censo electoral de residentes en España e que non estean privados do dereito de sufraxio poderán votar nestas eleccións.

Os españois e españolas inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (CERA) tamén poden votar, pero o seu voto non chega á mesa electoral, senón ás xuntas electorais provinciais encargadas do seu escrutinio.

A identificación do elector ante a mesa realízase mediante DNI, pasaporte ou permiso de conducir (con fotografía).