1. Actúe con naturalidade e respecto.
As persoas con discapacidade son persoas autónomas e independentes e deben de ser tratadas como tales.
Non se deberá de prexulgar que unha persoa, polo simple feito de ter unha discapacidade, precise de axuda. Se a contorna é accesible, as persoas con discapacidade adoitan manexarse sen dificultade.
Guíese, en todo caso, polo sentido común e polo principio de igualdade e non discriminación.
2. Pregunte antes de axudar.
Pregunte se é necesaria a súa axuda só se o elector ou a electora con discapacidade semellan precisar dela. E se a persoa a acepta, antes de actuar, pregúntelle de que modo concreto pode vostede axudarlle.
Diríxase directamente á persoa con discapacidade, non a quen a acompañe (Ex. Persoa da súa confianza, intérprete de lingua de signos, etc.), no seu caso.
3. Utilice o sentido común.
Por exemplo, parta da idea de que unha persoa en cadeira de rodas é unha persoa sentada, e perante unha persoa sentada o habitual é agacharse para estar á altura dela, ou sentar nunha cadeira en fronte dela.
Se perante unha incidencia concreta comunicada por unha persoa con discapacidade non sabe como actuar, contacte co Responsable da Administración do local electoral ou coa Xunta Electoral de Zona.
Se se forma unha fila á hora de votar recoméndase que as persoas con discapacidade teñan preferencia para emitiren o seu voto.
Os cans-guía e os cans de asistencia para persoas con discapacidade, serán sempre admitidos, non poderán ser separados da persoa que precisa deles, e non serán molestados, nin distraídos.
4. Sexa prudente co contacto físico.
Algunhas persoas con discapacidade dependen dos seus brazos para manteren o equilibrio. Tomalas polo brazo, mesmo se a súa intención é axudar, podería facer que perdan o equilibrio, ou asustalas, porque non agardaban ese contacto.
Evite tocar as cadeiras de rodas ou, no seu caso, o bastón: as persoas con discapacidade consideran que estes elementos son parte do seu espazo persoal.
5. O acceso ao local electoral e o itinerario ata a Mesa electoral: acompañamento e información.
A pedido dos electores e as electoras con discapacidade, só cando o soliciten, na entrada do local electoral, o representante da Administración ou as Forzas e Corpos de Seguridade poderán acompañalos no itinerario ata a Mesa electoral correspondente, sen empurrar ou tocar, no seu caso, a cadeira de rodas a menos que a persoa con discapacidade o solicite.
Se se trata dunha persoa con discapacidade visual, pódeselle ofrecer que se suxeite ao noso brazo. Neste caso, adaptaremos o noso paso ao da persoa con discapacidade visual e tendo en conta as características do medio polo que nos despracemos, para que camiñe comodamente.
Para atender as eventuais demandas de información, e orientación, formuladas polas persoas con discapacidade, tanto sobre o acceso ao local electoral como sobre o desprazamento polo interior do local electoral para chegar ata a mesa electoral, deberán de se ter en conta as pautas especificadas no seguinte apartado.
6. Pautas para facilitar a comunicación: comuníquese con claridade.
En relación coas persoas xordas, ou con discapacidade auditiva, é recomendable: falar de fronte, non mover a cabeza, evitar falarlles cando esteamos de costas, agachados ou escribindo, non berrar, vocalizar de forma normal, é dicir, falarlles co ritmo normal de calquera conversa sen ter obxectos na boca, nin obstaculizando a visión clara do rostro e, se fose preciso, pode botar man da escritura, de xestos naturais ou chamar a atención cun lixeiro contacto no brazo; o lugar debe dispor de boa iluminación e a persoa xorda ou con discapacidade auditiva non deberá de estar de fronte ao sol, a contraluz dificulta a visibilidade do rostro.
Non se comunique con palabras soltas, pode inducir a erro. As persoas xordas precisan do contido íntegro dunha frase para comprenderen o contexto.
Cando a interacción sexa cunha persoas con discapacidade visual, evite o uso de indicacións xenéricas como “aquí”, “alí”, “isto”... nestes casos, é preferible botar man de expresións máis orientativas, como: “á súa esquerda”, “detrás súa”. No caso de que se desexe dar información sobre un obxecto, pódese conducir, previo aviso, a man da persoa con discapacidade visual cara ao obxecto sobre o que lle está a dar información, e indicarlle de que se trata.
Se estivermos a falar cunha persoa con discapacidade visual, avisarémola se nos ausentarmos xa que, do contrario, pode seguir dirixíndose a nós pensando que aínda permanecemos ao seu carón. Do mesmo modo, se regresamos, convén indicarllo.
Verifique que a persoa con discapacidade comprendeu o que trata de lle comunicar.
7. Persoas con discapacidade que forman parte da Mesa electoral.
Como se sinalou anteriormente, é posible que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva (usuaria de lingua de signos) teña sido designada para formar parte da Mesa electoral. Para iso, pode contar cun servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos, previa solicitude á Xunta electoral competente, seguindo o procedemento descrito no apartado correspondente desta guía.
Igualmente, no caso de que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva se comunique por lingua oral, teranse en conta as pautas de comunicación sinaladas no apartado 6. É posible que unha persoa que forme parte da Mesa electoral utilice un medio de apoio á comunicación oral: o bucle de indución magnética. É un “produto de apoio”, un dispositivo do tamaño dun folio que só precisa de se conectar á rede eléctrica.