Sabes que ocorrerá co teu voto o día das eleccións?
O percorrido do voto
O día das eleccións, os electores e electoras poden votar de forma presencial na mesa que lles corresponda, entre as 9 da mañá e as 8 da tarde.
Ás 8 da tarde o presidente ou presidenta da mesa electoral anuncia en voz alta que vai terminar a votación e, a continuación:
Permitirá votar aos electores e electoras que estean dentro do local electoral ou no acceso ao mesmo.
Introducirá na urna os sobres de votación remitidos por correo.
Votará el mesmo, os vogais e os interventores acreditados ante esa mesa e non permitirá que vote ninguén máis.
O escrutinio dos votos
Termina a votación e comeza o escrutinio dos votos, comezando polas eleccións ao Congreso dos Deputados.
O presidente ou presidenta abre a urna e vai sacando os sobres de un en un.
Le en voz alta a candidatura votada. Mostra a papeleta a vogais, apoderados e interventores.
Recóntase o número de votos obtidos por cada candidatura e o presidente anuncia:
Número de electores/as censados.
Número de votantes.
Número de votos nulos.
Número de votos en branco.
Número de votos por candidatura.
Resólvense posibles protestas e reclamacións.
Destrúense todas as papeletas de votación, excepto as consideradas como votos nulos e as que foron obxecto dalgunha reclamación.
Estas papeletas asinaranse e incluiranse na documentación electoral que a mesa debe entregar no xulgado de primeira instancia ou de paz.
Esténdese o acta de escrutinio e con ela faise o seguinte:
O orixinal colócase na entrada do local electoral.
Entrégase unha copia a:
Representante da administración.
Representantes das candidaturas.
Apoderados/as.
Interventores/as.
De igual xeito procédese co escrutinio das eleccións ao Senado, aínda que en lugar de candidaturas o presidente ou presidenta dá lectura ao nome dos candidatos que figuran marcados cunha cruz.
Esténdese a acta da sesión e repártense as copias aos representantes das candidaturas, apoderados/as e interventores/as que o solicitaren.
O destino final da documentación
A documentación electoral distribúese en 3 sobres: Sobre 1:
Orixinal da acta de constitución da mesa.
Orixinal da acta da sesión e documentación a que faga referencia: listas do censo electoral, lista numerada de votantes, papeletas nulas e obxecto de protesta...
Sobres 2 e 3:
Copia da acta de constitución da mesa.
Copia das actas da sesión.
Os sobres 1 e 2 serán entregados persoalmente polo presidente ou presidenta e os/as vogais e interventores/as que o desexaren na sede do xulgado de primeira instancia ou de paz, en cuxa demarcación estea situada a mesa.
A forza pública acompañará, e se fose necesario facilitará, o desprazamento destas persoas.
Nas dez horas seguintes á recepción da última documentación, o xuíz ou a xuíza desprazarase persoalmente á sede da xunta electoral de zona, onde fará entrega, baixo recibo detallado do sobre 1.
O sobre 2 quedará arquivado no xulgado de primeira instancia ou de paz correspondente. Poderá ser reclamado polas xuntas electorais nas operacións de escrutinio xeral e polos tribunais competentes nos procesos contencioso-electorais.
O sobre 3 será entregado por un ou unha vogal da mesa electoral ao representante de Correos que acudirá á mesa para recollelo.
Unha vez entregado este sobre finalizan as funcións do vogal que permanecera no local electoral para estes efectos.