Para o correcto desenvolvemento do proceso electoral tamén é fundamental a participación dun operador postal.
A Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, Sociedade Anónima, ten a condición de operador designado polo Estado para a prestación do servizo postal universal e o Goberno pódelle impoñer unhas obrigacións de servizo público, cando sexa necesario para salvagardar o normal desenvolvemento dos procesos electorais (artigo 22.5 da Lei 43/2010).
Esta imposición realízase nos últimos procesos mediante acordo do Consello de Ministros.
As obrigacións que se impoñen nestes acordos son aquelas actuacións que han de levarse a cabo unha vez convocado o proceso e que resultan especialmente transcendentais para o seu desenvolvemento, pola urxencia e características dos envíos e pola relevancia que implica a custodia da documentación electoral.
Estas obrigacións e actuacións refírense a:
O voto por correo de electores e electoras residentes en España, dos residentes ausentes e os temporalmente ausentes.
O voto do persoal embarcado, do persoal das Forzas Armadas embarcado ou en situacións excepcionais vinculadas á defensa nacional.
O voto dos internos e internas en centros penitenciarios.
Os envíos realizados pola Oficina do Censo Electoral.
Os envíos de propaganda electoral que realizan os partidos políticos.
A recollida da documentación electoral nas mesas electorais.
A imposición destas obrigacións debe ser obxecto de compensación; é dicir, aqueles intervenientes no proceso electoral que utilicen os servizos postais non deben asumir directamente ningún custo. O que non quere dicir que non teñan custo, xa que é o orzamento electoral o que o asume.