Como se desenvolve a xornada electoral para as persoas que integran as mesas?
Persoas que integran as mesas
Reunión no local electoral
Ás 8 da mañá deben de estar presentes no local electoral todas as persoas que integran a mesa e os seus suplentes.
Estes últimos, unha vez constituída a mesa, se non tiveron que substituír a ningún titular quedan exentos das súas obrigacións e poden abandonar o local electoral.
Que acontece se non presentan as persoas titulares nin as suplentes?
Se non se presenta o presidente ou presidenta nin os seus suplentes asumirá a presidencia o primeiro ou segundo vogal, que deberá de ser substituído na súa calidade de vogal por outro dos suplentes.
Se non pode constituírse a mesa antes das 10 da mañá, por non contar coas 3 persoas que esixe a lei, debe comunicarse a situación á xunta electoral de zona.
Que ocorre entón?
A xunta electoral de zona convocará unha nova votación dentro dos dous días seguintes. A convocatoria fixarase na porta do local electoral e a xunta electoral nomeará novos membros de mesa.
As persoas que integran a mesa poderán encontrar axuda no representante da Administración que desde primeira hora da mañá se encontrará no local.
Comprobación do material electoral
As persoas que integran a mesa comprobarán que se dispón do seguinte material:
Urnas de votación claramente identificadas. Para iso fixarase o sobre de votación correspondente ao proceso na súa parte dianteira e traseira. Deben estar pechadas e precintadas. En caso de rotura ou deterioración do precinto, a presidencia da mesa, se non puidese obter outra urna, deberá asegurar o peche con calquera medio ao seu alcance.
Cabina de votación. Nun lugar intermedio entre a entrada e a mesa.
Sobres e papeletas. Debe haber un número suficiente de todas as candidaturas que se presentan a cada elección durante toda a xornada.
Lista do censo de electores e electoras correspondente á mesa.
Actas de constitución, escrutinio e sesión.
Lista numerada de votantes. Anotarase nela en que proceso ou procesos vota cada persoa.
Certificados de votación para entregar aos electores e electoras que o solicitaren.
Copia dos nomeamentos (credenciais) dos interventores e interventoras que actúen perante a mesa.
Copia dos nomeamentos (credenciais) dos electores e electoras inscritos no censo da mesa que actúen como interventores ou interventoras noutra mesa.
Xogo de sobres e recibos de entrega dos mesmos.
Se a mesa non dispón dalgún destes elementos debe comunicalo inmediatamente á xunta electoral de zona para que proceda ao seu envío.
Comprobación de que o local electoral reúna as condicións adecuadas para celebrar a votación. Mesas, cadeiras, luz apropiada...
Recepción das credenciais dos interventores
Só poden actuar ante a mesa un máximo de dous interventores ou interventoras por cada candidatura.
Indicaráselles que quedan recoñecidos pola mesa.
Incluirase o seu nome na acta de constitución da mesa.
Devolveránselles os nomeamentos.
Confección da acta de constitución da mesa electoral
É única para todas as eleccións que se celebren.
Poden solicitar unha copia os e as representantes de candidaturas, apoderados e apoderadas ou interventores e interventoras.
Só debe entregarse unha copia por candidatura.
A presidencia anunciará o comezo da votación coas palabras “empeza a votación”.
Os electores e electoras achegaranse á mesa de un en un.
Os e as vogais e os interventores ou interventoras comprobarán a súa identidade mediante o DNI, pasaporte ou permiso de conducir. Aceptaranse estes documentos mesmo que estean caducados, pero deberán de ser orixinais, en caso ningún fotocopias.
O elector ou electora entregará o sobre de votación pechado á presidencia, quen sen ocultalo en ningún momento e á vista do público dirá en voz alta o nome do votante e, engadindo “vota”, entregará de novo o sobre ao elector ou electora, que será quen o introduza na urna.
Que ocorre se o elector ou electora non está na lista do censo?
Poderá votar na mesa se:
Trátase dos interventores ou interventoras acreditados perante a mesa, sempre que estean inscritos nesa circunscrición.
Presenta algún dos seguintes documentos:
Sentenza xudicial que recoñeza o seu dereito para estar inscrito no censo da mesa.
Certificación censual específica, expedida pola delegación provincial da oficina do censo electoral, que lle habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto nesa mesa.
Se unha persoa solicitou o voto por correo, non pode votar presencialmente na mesa (aparecerá unha letra “C” á beira do seu nome na lista do censo, ou figurará nunha “relación de electores da mesa que solicitaron o voto por correo”)
Anotación dos votantes na lista numerada de votantes, co seu nome e apelidos e na orde no que emitisen o voto.
A votación pode interromperse ou suspenderse:
Interrupción da votación de menos de 1 hora:
Debe interromperse cando a mesa advirta a ausencia de papeletas dalgunha candidatura e non poida suplila mediante papeletas subministradas polos interventores/as ou apoderados/as da correspondente candidatura.
Neste caso a presidencia da mesa comunicará por teléfono tal feito á xunta electoral de zona que, inmediatamente, fornecerá novas papeletas.
A interrupción non pode durar máis dunha hora e a votación prorrogarase tanto tempo como estivese interrompida.
Suspensión da votación máis de 1 hora:
Pode suspenderse por interrupción superior a unha hora, ou ben por calquera motivo que faga imposible o acto de votación.
A presidencia, antes de tomar a decisión de suspender a votación, debe recabar o parecer de todas as persoas que integran a mesa e, se as circunstancias o permiten, debe consultar a xunta electoral de zona.
Unha vez tomada a decisión de suspender a votación, que se reflectirá en escrito razoado, a presidencia ordenará a destrución de todas as papeletas depositadas ata o momento nas urnas e enviará inmediatamente unha copia do citado escrito á xunta electoral provincial, xa sexa en man ou por correo certificado.
Suspendida a votación nunha mesa, a xunta electoral de zona convocará novas eleccións nesa mesa dentro dos dous días seguintes.
A presidencia anunciará en voz alta que vai concluír a votación. Acto seguido introducirá as papeletas de voto remitidas por correo.
A continuación, procédese ao voto das persoas que integran a mesa e interventores ou interventoras.
Sinatura da lista numerada de votante polos/polas vogais e interventores/as.
Escrutinio
Aberta a urna, a presidencia extraerá un a un os sobres, abriraos e lerá as papeletas en voz alta.
A presidencia mostrará cada papeleta, unha vez lida, a vogais, interventores/as e apoderados/as.
A mesa comprobará que o número de sobres coincide co de votantes anotados na lista numerada de votantes.
A presidencia preguntará se hai algunha protesta ou reclamación.
Destrución das papeletas de votación en presenza dos asistentes, pero non deben destruírse as seguintes papeletas:
Aquelas ás que se negou validez.
Aquelas que fosen obxecto dalgunha reclamación.
Coas papeletas que non se destrúan debe facerse o seguinte:
As persoas que integran a mesa porán a súa sinatura nelas.
Uniranse á acta de sesión (unha vez que se redacte, rematado o escrutinio).
Incluiranse na documentación electoral (no sobre nº 1)
Anuncio dos resultados da votación con indicación dos datos seguintes:
Electores censados
Certificacións censuais achegadas e de sentenzas, se é o caso.
Número de votantes.
Número de votos nulos.
Número de votos en branco.
Número de votos obtidos por cada candidatura
Cubrir a acta de escrutinio.
Será asinada por quen preside a mesa, os/as vogais e os/as interventores das candidaturas. O orixinal colocarase na entrada do local.
Entregar copias ás seguintes persoas e pola orde seguinte:
En primeiro lugar ao/á representante da administración.
Despois aos/ás representantes da candidatura, interventores/as, apoderados/as ou candidatos/as que o solicitaren.
Só debe entregarse unha copia da acta por cada candidatura.
Acta de sesión.
Asinar as actas por quen presida a mesa, os/as vogais e os/as interventores das candidaturas.
Entregar copias aos/as representantes das candidaturas, apoderados/as, interventores/as e candidatos/as que o solicitaren.
Preparación e entrega da documentación electoral
Distribuír a documentación electoral en tres sobres
Sobre 1:
Acta de constitución da mesa
Acta de sesión.
Documentos aos que se faga referencia na acta de sesión:
Lista numerada de votantes.
Papeletas nulas ou que fosen obxecto de reclamación.
Copias das credenciais dos interventores ou interventoras, ou as propias credenciais se non se recibiron as copias.
Solicitudes de reintegro de gastos do voto por correo, se é o caso.
Sobres 2 e 3:
Copia da acta de constitución da mesa.
Copia da acta de sesión.
Pechar os sobres e asinalos. As persoas que integran a mesa e os interventores ou interventoras porán as súas sinaturas neles, de forma que as mesmas crucen as solapas.
Entregar os sobres 1 e 2 no xulgado de primeira instancia ou de paz. Poderá ser acompañado por un ou unha vogal e os interventores ou interventoras que o desexaren.
As forzas e corpos de seguridade acompañarán, e se fose preciso facilitarán, o desprazamento destas persoas.
O xuíz ou xuíza asinará o correspondente recibo (que debe atoparse entre a documentación da mesa)
Entregados os sobres 1 e 2 finalizan as funcións das persoas que integran a mesa que acudiron ao xulgado.
Entregar o sobre número 3.
Un ou unha vogal debe permanecer no local ata que se efectúe a entrega ao servizo de correos, que asinará o correspondente recibo (que debe constar entre a documentación da mesa).
Entregado o sobre 3 finalizan as funcións da persoa integrante da mesa que permaneceu no local electoral.