Quen fai que

Quen fai que

Quen fai que?

A organización dun proceso electoral esixe o traballo coordinado de moitas persoas nun período moi breve de tempo.

De maneira moi xeral, e segundo a función que teñen encomendada, podemos distinguir os grupos seguintes:

Órganos que velan pola transparencia do proceso electoral
  • Órganos encargados da xestión electoral
  • Candidaturas nun proceso electoral
  • Suxeitos que deciden o proceso electoral
  • Axentes que informan sobre o proceso electoral
  • Axentes de seguridade
  • Outros suxeitos intervenientes
 
Órganos que velan pola transparencia do proceso electoral

A administración electoral

A administración electoral vela pola transparencia e obxectividade do proceso e do principio de igualdade. Está composta polas xuntas electorais e as mesas electorais.

A Xunta Electoral Central é o órgano superior da administración electoral e é o único permanente dela, que ten entre outras competencias:

Dirixir e supervisar a actuación da Oficina do Censo Electoral.

Cursar instrucións ás xuntas electorais provinciais e resolver as súas consultas, unificando criterios.
Resolver as queixas, reclamacións e recursos que se lle dirixan.

Velar polo cumprimento das normas relativas ás contas e aos gastos electorais por parte das candidaturas

Exercer potestade disciplinaria sobre todas as persoas que interveñan con carácter oficial nas operacións electorais.

Aprobar, a proposta da administración das comunidades autónomas, os modelos de actas, etc.
Está composta por 13 membros (maxistrados do Tribunal Supremo e catedráticos de dereito ou de ciencias políticas e socioloxía en activo)

Xuntas electorais provinciais (XEP) e xuntas electorais de zona (XEZ)

Correspóndelles, dentro do seu ámbito territorial, resolver as queixas e reclamacións que lles dirixan de acordo coa LOREG.

As XEP e XEZ constitúense para cada proceso electoral, e compóñense de cinco membros.
Existe unha XEP en cada provincia.

Nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla, as XEZ acumulan as funcións das XEP.

As XEZ existen en cada partido xudicial e garanten a existencia en cada mesa electoral dos medios necesarios para que poidan celebrarse as eleccións convocadas.

Para as eleccións xerais as xuntas electorais competentes en relación coa presentación e proclamación de candidatos son as XEP

Mesas electorais

Constitúense só para o día das eleccións.

Están formadas por cidadáns e cidadás elixidos por sorteo entre os censados na sección correspondente.

A mesa é única aínda que coincida a celebración de varias eleccións.

Cada mesa está composta por 1 presidente ou presidenta e 2 vogais.

Correspóndelle á mesa entre outras funcións:

Comprobar que o local electoral reúne as condicións necesarias para poder celebrar o acto de votación e observar se o material electoral mostra algunha deficiencia.

Presidir a votación e facer gardar a orde no local electoral para que se desenvolva sen ningún tipo de incidentes.

O inicio e peche da votación así como o escrutinio e finalmente a entrega da documentación electoral ao xulgado de primeira instancia ou de paz e a Correos.
 
Órganos encargados da xestión electoral

Ministerio do interior. Dirección Xeral de Política Interior

Correspóndelle a organización xeral dos procesos electorais de ámbito estatal (eleccións europeas, xerais, municipais e referendos) e as tarefas de coordinación da intervención doutros organismos nesta xestión.

Entre as súas competencias atópanse as seguintes:
  • As relacións coa administración electoral e, en particular, coa Xunta Electoral Central.
  • A xestión das relacións cos órganos competentes das comunidades autónomas en materia electoral.
  • A coordinación coas unidades dependentes doutros ministerios con competencia en materia electoral.
  • Información provisional sobre os resultados.
  • O rexistro de partidos políticos.
  • O financiamento público dos partidos políticos (subvencións estatais anuais e subvencións por gastos electorais) nos termos establecidos na lexislación vixente.
  • Coordinación da loxística electoral.
Oficina do censo electoral Ministerio de Economía e Competitividade

É o órgano encargado da formación e actualización do censo electoral. Está encadrada no Instituto Nacional de Estatística e exerce as súas competencias baixo a dirección e supervisión da Xunta Electoral Central.

Ten unha estrutura provincial, organízase en delegacións provinciais e encárgase de coordinar, supervisar, controlar e revisar o proceso de elaboración do censo electoral.

Ademais, con ocasión de cada proceso electoral, ocúpase de:
  • Obter as listas electorais para a súa exposición ao público e para as mesas electorais.
  • Resolver reclamacións de electores.
  • Determinar as seccións, mesas e locais electorais.
  • Entregar copias do censo electoral ás candidaturas proclamadas.
  • Enviar as tarxetas censuais aos electores.
  • Expedir certificacións censuais específicas e certificados de inscrición no censo.
  • Difusión de datos censuais.
  • Envío da documentación para o voto por correo nacional.
  • Envío da documentación para o voto por correo desde o estranxeiro (CERA e ERTA)
Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación

É o encargado (xunto a Correos e a Oficina do Censo Electoral) de facer efectivo o exercicio do dereito de sufraxio dos españois no estranxeiro.

As oficinas e seccións consulares encárganse da tramitación das solicitudes da documentación electoral daqueles españois e españolas que residan temporalmente no exterior.

Os españois e españolas que residan permanentemente no exterior poden depositar o seu voto en urna na oficina ou sección consular onde estean adscritos ou remitilo a aquelas por correo.

Correos e Telégrafos

Como operador designado polo Goberno para prestar o servizo postal universal tamén participa no desenvolvemento correcto do proceso electoral.

Fundamentalmente, Correos encárgase de realizar todos os envíos electorais, tanto os que realiza a Oficina do Censo Electoral dirixidos aos electores e electoras, como os que realizan estes. Todos estes envíos son gratuítos para os electores e electoras, sen prexuízo de que o Estado, a través do orzamento electoral, deba compensar a Correos pola súa intervención no proceso electoral. Esta compensación inclúe tamén a que corresponde aos envíos de propaganda electoral que realizan os partidos políticos.

Delegacións e Subdelegacións do Goberno

Realizan importantes funcións electorais no seu respectivo ámbito territorial, en estreita colaboración co Ministerio do Interior, a Administración Local e a Autonómica, no seu caso, entre as que se atopan tarefas de seguridade, loxística electoral, custodia e distribución do material electoral, recollida e remisión da información relativa ao seguimento da xornada e ao escrutinio provisional dos resultados.

Concellos

Son os encargados da xestión do proceso electoral a escala local, en colaboración coas Delegacións e Subdelegacións do Goberno e coas Delegacións Provinciais da Oficina do Censo Electoral.
 
Candidaturas nun proceso electoral

Quen pode presentar candidaturas nun proceso electoral?

Partidos políticos e federacións

Son asociacións de carácter privado inscritas como tales no Rexistro de Partidos Políticos dependente do Ministerio do Interior

Coalicións electorais

Formacións de carácter temporal, constituídas por partidos e/ou federacións, cuxa finalidade é a de presentar candidaturas nun proceso electoral concreto.

Non existe un rexistro específico de coalicións electorais. A súa creación debe comunicarse unicamente á Xunta Electoral correspondente ao ámbito de actuación da coalición.

Han de constituírse expresamente para cada proceso, ou para varios convocados na mesma data, e extínguense unha vez celebrados.

Agrupacións de electores.

Son formacións políticas que se constitúen co aval dun número variable de sinaturas de electores e electoras da circunscrición correspondente, e só e exclusivamente para poder presentar candidatura nun proceso electoral concreto e determinado.

Non teñen vocación algunha de permanencia e, de feito, se queren presentarse noutro proceso electoral, ha de procederse á nova recollida das firmas.
 
Suxeitos que deciden o proceso electoral

Os electores e electoras

Son electores ou electoras a Cortes Xerais os españois e españolas maiores de idade inscritos no censo electoral de residentes en España e no estranxeiro e que non se atopen privados do seu dereito de sufraxio.

Os votantes

Os electores e electoras convértense en votantes desde o momento en que votan. En España o voto é voluntario. Ninguén pode ser obrigado nin coaccionado a votar.

A diferenza entre número de electores e electoras e votantes representa o índice de participación, dato moi importante para avaliar correctamente o proceso electoral.
 
Axentes que informan sobre o proceso electoral

Ministerio do Interior (Dirección Xeral de Política Interior)

Informa sobre o proceso e sobre os resultados provisionais, principalmente a través das campañas institucionais, da súa páxina web e das redes de prensa que, xunto coa Secretaría de Estado de Comunicación, se ofrecen durante a fin de semana electoral.

Medios de comunicación

Os medios (televisións públicas e privadas, radios, prensa escrita, xornais dixitais, etc.) emiten as campañas institucionais que elabora o Ministerio do Interior e organizan amplos despregamentos para informar sobre o proceso electoral, as actividades das formacións políticas que concorren, o operativo electoral e os resultados electorais.
 
Axentes de seguridade
Quen vela pola seguridade do proceso?
  • FORZAS E CORPOS DE SEGURIDADE DO ESTADO
  • CORPOS DE SEGURIDADE AUTONÓMICOS
  • POLICÍA LOCAL
Outros suxeitos intervenientes

REPRESENTANTES DA ADMINISTRACIÓN

Son as persoas designadas polos Delegados e Subdelegados do Goberno para ofrecer, durante toda a xornada electoral, a asistencia necesaria á mesa electoral, sempre con carácter auxiliar e baixo a súa autoridade.

As súas funcións comprenden:

A recollida e transmisión dos datos relativos á suficiencia do material electoral e incidencias que se produzan na apertura e constitución das mesas.

Recollida e transmisión de datos relativos ao comezo da votación e aos datos de participación nos momentos fixados polo Goberno para ofrecer publicamente esta información.

Recollida dunha copia da acta de escrutinio da mesa electoral e a transmisión dos datos nela incluídos. Ademais custodiará dita copia para a súa entrega á Delegación ou Subdelegación do Goberno.

SECRETARIOS DOS CONCELLOS

Son os delegados e delegadas da Xunta Electoral de Zona e actúan baixo a estrita dependencia da mesma.

Colaboran en loxística electoral e na supervisión dos locais electorais para que o día da xornada electoral teñan cubertas as súas necesidades.

MINISTERIO DE DEFENSA

Participa no proceso electoral garantindo o voto do persoal das Forzas Armadas que estea a cumprir misións no exterior.

SECRETARÍA XERAL DE INSTITUCIÓNS PENAIS

Participa no proceso electoral facilitando o voto dos internos e internas, que non estean privados do exercicio do dereito de sufraxio, nos centros penitenciarios.

APODERADOS/AS E INTERVENTORES/AS

Son persoas designadas polos partidos políticos para actuar o día da votación nos locais electorais.
Poden ostentar emblemas ou adhesivos da entidade política á que representan, pero só para se identificar como interventores/as ou apoderados/as desa candidatura e sen que iso constitúa propaganda electoral.

APODERADO/A: Persoa maior de idade, en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos, que representa un partido político en todos os actos e operacións electorais. Pode acceder libremente a todos os locais electorais, examinar o desenvolvemento da votación e do escrutinio en calquera mesa, formular reclamacións e pedir certificacións. Non vota na mesa se non figura no censo da mesma.

INTERVENTOR/A: É representante da candidatura ante unha mesa electoral. Desempeña a súa función só ante a mesa na que se acredita. Participa nas deliberacións da mesa con voz pero sen voto. Os interventores/as de cada candidatura acreditados ante a mesa poden substituírse entre si. Pode formular reclamacións ou protestas e pedir certificacións. Votan na mesa ante a que se acreditaron mesmo que non estean incluídos no censo da mesma, sempre e cando figuren inscritos no censo da circunscrición correspondente a esa mesa. En caso contrario só poderán votar por correo na mesa en cuxo censo estean inscritos.