As agrupacións de electores son formacións políticas que se constitúen co aval dun número variable de firmas de electores e só e exclusivamente para poder presentar candidatura nun proceso electoral concreto e determinado.
Non teñen, por tanto, vocación de permanencia ou natureza de asociación e non necesitan inscribirse no Rexistro de Partidos Políticos.
Cada agrupación de electores é autónoma e independente de calquera outra. O seu ámbito espacial de actuación é a circunscrición electoral -sen que caiban candidaturas colectivas, nin que abarquen máis dunha circunscrición, nin federacións ou coalicións entre elas- e o seu ámbito temporal de validez é o proceso electoral concreto para o que se constituíu, sen que poida estenderse máis alá.
Para presentar candidaturas ás eleccións Xerais, as agrupacións de electores necesitan, polo menos, as firmas do 1% dos inscritos no censo electoral da circunscrición na que se presenten. Ningún elector poderá prestar a súa firma a máis dunha candidatura.
Artigo 169.3 Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.