Recomendaciones generales: las personas con discapacidad y la jornada electoral
1. Actúe con naturalidade e respecto.
As persoas con discapacidade son persoas autónomas e independentes e como tales han de ser tratadas.
Non ha de presupoñerse que unha persoa, polo mero feito de ter unha discapacidade, necesita axuda. Se o ámbito é accesible, as persoas con discapacidade adóitanse manexar sen dificultade.
Guíese en todo caso polo sentido común e polo principio de igualdade e non discriminación.
2. Pregunte antes de axudar.
Pregunte se é necesaria a súa axuda só se o elector ou a electora con discapacidade parecen necesitala. E se esa persoa a acepta, antes de actuar, pregúntelle de que modo concreto pode vostede axudarlle.
Diríxase directamente á persoa con discapacidade, non ao seu acompañante (Ex. Persoa da súa confianza, intérprete de lingua de signos etc.), se é o caso.
3. Utilice o sentido común.
Por exemplo, parta da idea de que unha persoa en cadeira de rodas é unha persoa sentada, e ante unha persoa sentada o habitual é agacharse para estar á súa altura, ou sentar nunha cadeira diante dela.
Se ante unha incidencia concreta exposta por unha persoa con discapacidade non sabe como actuar, contacte co Responsable da Administración do local electoral ou coa Xunta Electoral de Zona.
Se se forma unha cola á hora de votar recoméndase que os electores con discapacidade teñan preferencia para emitir o seu voto.
Os cans guía, e os cans de asistencia para persoas con discapacidade, serán sempre admitidos; non poderán ser separados da persoa que os necesita e non serán molestados nin distraídos.
4. Sexa cauto co contacto físico.
Algunhas persoas con discapacidade dependen dos seus brazos para manter o equilibrio. Tomalas do brazo, mesmo se a súa intención é axudar, podería facerlles perder o equilibrio, ou asustalas, porque non esperaban ese contacto.
Evite tocar as cadeiras de rodas ou, se é o caso, o bastón: as persoas con discapacidade consideran que estes elementos son parte do seu espazo persoal.
5. O acceso ao local electoral e o itinerario ata a mesa electoral: acompañamento e información.
A petición dos electores/as electoras con discapacidade, só cando o soliciten, na entrada ao local electoral, o representante da Administración ou os membros das Forzas e Corpos de Seguridade poderán acompañarlles no itinerario ata a mesa electoral correspondente, sen empuxar ou tocar, se é o caso, a cadeira de rodas a menos que a persoa con discapacidade o solicite.
Se se trata dunha persoa con discapacidade visual, pódeselle ofrecer que se suxeite ao noso brazo. Neste caso, adaptaremos o noso paso ao da persoa con discapacidade visual e tendo en conta as características do medio polo que nos despracemos, para que camiñe comodamente.
Para atender as eventuais demandas de información, e orientación, expostas polas persoas con discapacidade, tanto sobre o acceso ao local electoral como sobre o desprazamento polo interior do local electoral para chegar ata a mesa electoral, han de terse en conta as pautas especificadas no seguinte apartado.
6. Pautas para facilitar a comunicación: comuníquese con claridade.
En relación coas persoas xordas ou con discapacidade auditiva é recomendable: falar de fronte, non mover a cabeza; evitar falarlles cando esteamos de costas, agachados ou escribindo, non gritar, vocalizar con normalidade, é dicir, falarlles co ritmo normal de calquera conversación sen ter obxectos na boca, nin obstaculizando a visión clara do rostro e, se é necesario, pode axudarse da escritura, de xestos naturais ou chamar a atención cun lixeiro contacto no brazo; o lugar debe dispoñer de boa iluminación e a persoa xorda ou con discapacidade auditiva non deberá estar de fronte ao sol, estar a contraluz dificulta a visibilidade do rostro.
Non se comunique con palabras soltas, pois poden inducir a erro. As persoas xordas necesitan o contido íntegro dunha frase para entender o contexto.
Cando a interacción sexa cunha persoa con discapacidade visual, evite o uso de indicacións xenéricas como "aquí", "alí", "isto"... Nestes casos é preferible empregar expresións máis orientadoras, como: "á súa esquerda", "detrás de vostede". No caso de que se desexe dar información sobre un obxecto, pódese conducir, previo aviso, a man da persoa con discapacidade visual cara ao obxecto sobre o que lle está dando información, e indicarlle de que se trata.
Se estamos a falar cunha persoa con discapacidade visual, avisarémoslle se imos ausentarnos, xa que, pola contra, pode seguir dirixíndose a nós pensando que aínda permanecemos ao seu lado. Do mesmo xeito, se regresamos, é conveniente indicarllo.
Verifique que a persoa con discapacidade comprendeu o que trata de comunicarlle.
7. Persoas con discapacidade que son membros de mesa electoral.
Como se sinalou anteriormente, é posible que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva (usuaria de lingua de signos) fose designada membro de mesa electoral. Para iso, pode contar cun servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos, previa solicitude á Xunta Electoral competente, seguindo o procedemento descrito no apartado II desta guía.
Igualmente, no caso de que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva se comunicase por lingua oral, teranse en conta as pautas de comunicación sinaladas no apartado 6. É posible que un membro de mesa electoral utilice un medio de apoio á comunicación oral: o bucle de indución magnética é un "produto de apoio", un dispositivo do tamaño dun folio que só necesita conectarse á rede eléctrica.
Máis información:
infoelectoral@interior.es
www.infoelectoral.mir.es
http://www.interior.gob.es/
060