Procedementos de votación e accesibilidade
 
Voto presencial.
Os locais electorais e as mesas electorais deberán ser accesibles e dispoñerán dun espazo accesible e adecuado, situado o máis preto posible da mesa electoral na que lle corresponda votar ao elector. Nese lugar daranse as condicións de privacidade necesarias para que o elector poida elixir a súa opción de voto en segredo.
Os membros das mesas electorais velarán por que os electores con discapacidade poidan exercer o seu dereito de voto coa maior autonomía posible.
Calquera queixa ou solicitude sobre accesibilidade, durante o período electoral, se pode enviar á Xunta Electoral de Zona competente.
O artigo 87 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral establece que:
- os electores que non saiban ler ou que, por discapacidade, non poidan por si mesmos elixir a papeleta, colocala dentro do sobre, entregala ao Presidente da mesa ou introducila na urna poden servirse para estas operacións dunha persoa da súa confianza;
- se regulará un procedemento de votación para as persoas cegas ou con discapacidade visual, que se aplicará, en todo caso, ás eleccións ao Congreso dos Deputados e ao Senado, ás eleccións ao Parlamento Europeo e aos supostos de referendo. Este procedemento regulouse en 2007 e utilizouse por primeira vez nas Eleccións a Cortes Xerais 2008.
Ligazóns:
Voto por correo para persoas con problemas de mobilidade: gratuidade da certificación médica e do poder notarial.
A solicitude de voto por correo, no caso de que un elector ou electora non poida presentala de maneira persoal na Oficina de Correos por causa de enfermidade ou discapacidade (que deberá acreditarse por medio de certificación médica oficial e gratuíta) poderá ser efectuada no seu nome por outra persoa autorizada, notarial ou consularmente, mediante documento que se estenderá individualmente en relación con cada elector e sen que no mesmo poidan incluírse varios electores, nin unha mesma persoa representar a máis dun elector.
A Xunta Electoral competente comprobará, en cada caso, a concorrencia de todas estas circunstancias.
O procedemento é o seguinte:
Os interesados han de contactar cun notario que actuará de maneira gratuíta (
Consello Xeral do Notariado) e lles entregará o certificado médico oficial e gratuíto a que se refire o artigo 72.c) da LOREG.
O notario desprazarase ao domicilio do elector, xa sexa un hospital, residencia de anciáns ou o domicilio dun familiar. Posteriormente, seguirase o mesmo procedemento que para o voto por correo ordinario.
É dicir, o representante ou apoderado poderá ir –dentro do prazo de solicitude do voto por correo: do 3 de maio ao 16 de xuño– persoalmente, co seu D.N.I. e o poder notarial, a calquera Oficina de Correos e solicitará o impreso para votar por correo.
Os servizos de Correos remitirán toda a documentación á Oficina do Censo Electoral, que anota nas Listas do Censo que se solicitou votar por correo –de modo que XA NON POIDA VOTAR PERSOALMENTE– e remite ao apoderado por correo certificado ao domicilio que lle indicara, ou no seu defecto ao que figure no censo, a documentación seguinte:
- Unha papeleta de cada unha das formacións políticas que se presenten ás eleccións;
- Un sobre de votación, no que se introducirá a papeleta correspondente.
- certificado de inscrición no censo electoral;
- un sobre no que figurará a dirección da mesa onde lle correspondería votar;
- unha folla explicativa.
Esta documentación tamén debe ser recollida persoalmente polo apoderado, previa acreditación da súa identidade. Se non estivese no seu domicilio, terá que ir persoalmente a recollela á Oficina de Correos correspondente.
Máis información:
- Artigos 72, 87 e 118 1. b) da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do réxime electoral xeral
- Artigos 1 e 8 do Real Decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.
- O Real Decreto 1612/2007, do 7 de decembro, regula ese procedemento de voto accesible que facilita ás persoas con discapacidade visual o exercicio do dereito de sufraxio.
- Real Decreto 422/2011, do 25 de marzo, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais.
- Real Decreto 557/1993, do 16 de abril, sobre actuación notarial no procedemento de emisión de voto por correo.
- Instrución do 26 de abril de 1993, da Xunta Electoral Central, sobre certificado médico oficial e gratuíto a que se refire o artigo 72.c) da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, na redacción dada pola Lei Orgánica 6/1992, do 2 de novembro.
Procedimiento de votación accesible para electores con discapacidad visual (documentación complementaria en braille)
Guía explicativa do Kit de Voto Accesible (en todas as linguas cooficiais)
En que consiste este procedemento?
O procedemento de voto accesible ten por obxecto poñer a disposición dos electores cegos ou con discapacidade visual grave que saiban braille, e que o solicitaran en tempo e forma, un kit/maletín de votación accesible o día das eleccións na súa mesa electoral.
As papeletas e os sobres de votación utilizados neste procedemento non están en braille: só están en braille as etiquetas e a documentación complementaria que se inclúen no kit/maletín, en prol do segredo do voto.
Ese maletín/kit de votación accesible contén: papeletas e sobres de votación normalizados (é dicir, sobres e papeletas idénticos aos que utiliza o resto de electores para as Eleccións ao Congreso e ao Senado) e unha documentación complementaria en braille (guía explicativa en braille, adhesivos en braille e tinta que identifican contidos, listaxe en braille de candidatos/as ao Senado...) que permite ao elector usuario de braille a identificación da opción de voto desexada con plena autonomía e coa garantía do segredo do sufraxio.
IMPORTANTE: A normativa electoral establece que calquera elector que solicite o voto por correo xa non pode exercer o voto de maneira presencial na mesa electoral o día das eleccións. O procedemento de votación accesible, ao ser
votación presencial na mesa electoral, é incompatible co procedemento de voto por correo. No seu momento, cando se elaborou o proxecto de real decreto sobre este procedemento, contouse cos informes técnicos correspondentes nos que constaba que os tempos necesarios par a fabricación dos kits de voto accesible, que require a tradución ao braille das candidaturas e, no caso do Senado, tamén de todos os/as candidatos/as, fan imposible a súa remisión aos domicilios dos solicitantes nos prazos do voto por correo establecidos pola normativa electoral.
Quen pode solicitar o procedemento de votación accesible no teléfono gratuíto 900 150 000?
Os electores cegos ou con discapacidade visual grave inscritos no Censo Electoral que saiban utilizar o sistema braille e teñan recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, ou sexan afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois, poden solicitar o maletín/kit de votación accesible que se lles entregará na mesa electoral o día da celebración das Eleccións a Cortes Xerais 2016, segundo establece a normativa en vigor.
Para solicitar o kit de votación accesible, estes electores han de comunicalo á Administración Xeral do Estado a través do teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000 do 3 ao 30 de maio, ambos os días incluídos. No teléfono 900 150 000 os electores poderán tamén solicitar información sobre o procedemento. Horario de atención (excepto festivos de ámbito estatal): ata o 16 de xuño: de L a V de 9:00 a 17:30 e sábados de 9:00 a 14:00, a partir do 16 de xuño: de L a V de 8:00 - 15:00 e sábados de 8:00 a 14:00
Que datos hai que dar para solicitar por teléfono o voto accesible?
Os electores que soliciten o procedemento de votación accesible deberán facilitar, dentro de prazo (desde o 3 de maio ata o 30 de maio), a través do teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000, os datos seguintes:
- Nome e apelidos
- Data de nacemento
- Número do Documento Nacional de Identidade (DNI)
- Domicilio
- Teléfono de contacto
Ademais, deberán manifestar que cumpren cos requisitos seguintes:
- que saben ler en braille e
- que teñen recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou que son afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).
A Administración poderá requirir en calquera momento a verificación destes datos.
De acordo coa normativa en vigor en materia de protección de datos de carácter persoal, no seu día creouse e deu de alta na Axencia Española de Protección de Datos o ficheiro Voto accesible.
Que información se pode pedir no teléfono gratuíto?
No teléfono gratuíto os electores poderán facer consultas, desde o día 3 de maio ata o día das eleccións, sobre cuestións relacionadas co:
- Procedemento de voto accesible regulado no Real Decreto 1612/2007, do 7 de decembro.
- Proceso electoral.
- As candidaturas proclamadas: Eleccións ao Congreso dos Deputados e Eleccións ao Senado.
Cal é o contido do kit de votación accesible Eleccións a Cortes Xerais?
a) Material de votación estándar ou normalizado.
- Un sobre de votación estándar para as Eleccións ao Congreso dos Deputados.
- Un sobre de votación estándar para as Eleccións ao Senado.
- Unha papeleta electoral estándar correspondente a cada unha das candidaturas proclamadas para as Eleccións ao Congreso dos Deputados.
- Unha papeleta electoral estándar para as Eleccións ao Senado.
b) Documentación complementaria en braille.
- Unha guía explicativa en tinta e en braille sobre como utilizar a documentación contida no kit/maletín.
- Una cartolina perforada dentro da cal estará a papeleta electoral estándar correspondente ás Eleccións ao Senado.
- Unha listaxe, en braille, cos nomes dos candidatos e candidatas ao Senado.
- Un sobre grande que incluirá un sobre pequeno (tamaño cuartilla) por cada candidatura que concorra ás Eleccións ao Congreso dos Deputados. Cada un deses sobres pequenos terá pegada unha etiqueta na que constará, en tinta e en braille, a denominación da candidatura cuxa papeleta electoral (estándar, non en braille) está dentro do sobre.
O sobre grande irá identificado cunha etiqueta que terá o seguinte texto rotulado en braille e impreso en tinta: “Eleccións ao Congreso dos Deputados”.
Cada un dos sobres de tamaño cuartilla antes citados conterá a papeleta normalizada de votación correspondente a unha candidatura proclamada. Co fin de que o elector poida coñecer o contido de cada sobre, adherirase en cada un deles unha etiqueta que, en braille e tamén en tinta, especificará o nome e as siglas da candidatura cuxa papeleta estea dentro do sobre.
Quen garante que as traducións ao braille son correctas?
Os textos en braille incluídos no maletín/kit de voto accesible son supervisados pola Comisión Braille Española, que emite os correspondentes certificados, e o correcto funcionamento do procedemento de voto accesible é supervisado pola Administración Electoral (Xuntas Electorais e Mesas Electorais).
Nas Eleccións a Cortes Xerais, que se lles entrega na mesa electoral aos electores que solicitaron por teléfono a utilización do procedemento de votación accesible?
O día das eleccións o elector ou electora identificarase ante o Presidente da mesa electoral correspondente ou, se é o caso, ante os seus vogais, comunicaralle/s que solicitou en tempo e forma o kit de votación accesible e facilitará o seu número de DNI.
Os membros da mesa electoral contarán cunha listaxe de solicitudes de votación accesible na que constará unicamente o DNI do elector ou electora que reclama o seu kit de votación accesible e os datos sobre a Provincia/Municipio/Distrito/ Sección/Mesa e dirección do local electoral correspondente.
Os membros da mesa electoral lle entregarán ao elector ou electora o maletín/kit de votación accesible só se consta na listaxe citada.
Instrucións para o uso da documentación contida no maletín/kit de votación accesible.
A. Preparación do voto.
Unha vez entregado o kit de votación accesible, vostede pode solicitar que os membros da mesa electoral lle faciliten o acceso a un espazo, situado o máis preto posible da mesa electoral, para que vostede poida manexar alí a documentación contida no kit de votación accesible con garantías de privacidade. Tamén pode levar o kit de votación accesible fóra do local electoral e regresar máis tarde para emitir o seu voto.
Para as Eleccións ao Senado, marque cun bolígrafo ou lapis a súa opción de voto nas casas da cartolina en braille dentro da cal está a papeleta do Senado.
Nesa cartolina, cada candidatura está identificada cun número. Busque ese número na listaxe en braille de candidaturas e así poderá saber a denominación da candidatura, así como os nomes dos respectivos candidatos e candidatas ao Senado. Unha vez seleccionados os candidatos aos que desexe outorgar o seu voto, extraia a papeleta estándar da cartolina e introdúzaa no sobre de votación correspondente ás “Eleccións ao Senado”.
No caso da Elección ao Congreso dos Deputados, abra o sobre grande que indica en braille “Eleccións ao Congreso dos Deputados”. Seleccione, de entre os sobres pequenos que hai dentro, o que lle indique en braille que contén a papeleta correspondente á candidatura á que vostede desexa outorgar o seu voto, extraia esa papeleta e introdúzaa no sobre de votación correspondente ás “Eleccións ao Congreso dos Deputados”.
B. Votación.
A continuación diríxase a votar á mesa electoral, onde deberá mostrar ao seu Presidente ou Presidenta un dos documentos seguintes para identificarse:
- O Documento Nacional de Identidade (DNI). Non serve o resgardo do DNI en trámite, posto que nel non aparece a fotografía do elector ou electora.
- O Pasaporte (con fotografía).
Non importa que estes documentos estean caducados, pero deben ser os orixinais, non valen fotocopias.
C. Material sobrante.
Despois da votación, recoméndase ao elector ou electora que leve consigo o maletín/kit de votación accesible, xunto con todo o material sobrante, a fin de asegurar o segredo do voto emitido.