Información xeral sobre as Mesas electorais

O día das eleccións

O día das eleccións
 

O Presidente ou Presidenta, os vogais e os suplentes reúnense ás 8:00 h. no lugar fixado para a votación.

Se o Presidente ou Presidenta non acudiu, substitúelle o seu primeiro suplente. En caso de fallar tamén este, substitúelle o segundo suplente e, se este tampouco acudiu, toma posesión como Presidente ou Presidenta o primeiro vogal ou o segundo vogal, por esta orde. De igual modo, os vogais que non acudiron ou que toman posesión como Presidente ou Presidenta son substituídos polos seus suplentes.

Non pode constituírse a mesa sen a presenza dun Presidente ou Presidenta e dous vogais. No caso de que non poida constituírse a mesa, estenderase unha declaración dos feitos e enviarase por correo certificado á Xunta Electoral de Zona, a quen xa se comunicou antes esta circunstancia telegráfica ou telefonicamente.

A Xunta, nese caso, designará libremente ás persoas que haxan de constituír a mesa electoral, podendo mesmo ordenar que forme parte dela algún dos electores que se atopen presentes no local.

Se, a pesar do indicado, non puidese constituírse a mesa unha hora despois da legalmente establecida para o comezo da votación, comunicarase á Xunta Electoral de Zona, que convocará para unha nova votación na mesa dentro dos dous días seguintes.

Constituída a mesa e levantada a súa acta de constitución, non procede dar posesión ao vogal que se presenta tarde para o desempeño das súas funcións e que foi substituído polo suplente. Unha vez constituída a mesa electoral, os suplentes que non a tivesen que integrar quedan exentos de calquera obrigación ao respecto.

O Presidente ou Presidenta da mesa electoral é a autoridade en materia de orde pública dentro do local electoral; ten autoridade exclusiva para conservar a orde, asegurar a liberdade dos electores e manter a observancia da Lei.

Para estes efectos as forzas de policía destinadas a protexer os locais electorais prestarán á Presidencia da mesa, dentro e fóra deles, o auxilio que requira.

Nin nos locais electorais nin nas súas inmediacións se poderá realizar propaganda electoral de ningún xénero. A Presidencia da mesa tomará a este respecto as medidas que estime convenientes.

Desenvolvemento da votación
 

Pódese pechar un local electoral antes da hora prevista?
Si, sempre que votasen todos os electores censados na mesa.

Dentro do local electoral pode haber carteis ou propaganda electoral o día da votación?
Non pode haber carteis nin propaganda electoral dentro dos locais electorais o día da votación.

Se os hai, o Presidente ou Presidenta (ou na súa falta a Xunta Electoral de Zona) deberá ordenar á Policía a súa retirada.

Non se considerarán propaganda electoral os emblemas ou símbolos que leven os interventores ou apoderados para a súa identificación.

Que facer se se produce algún incidente de orde pública?
O Presidente ou Presidenta teñen, dentro do local electoral, a autoridade exclusiva no que concirne ao mantemento da orde pública. Para iso poderán requirir a intervención das Forzas e Corpos de Seguridade, se é necesario.

Os incidentes que xurdan, e o nome e apelidos de quen os provocase, reflectiranse na acta de sesión.

Como se identifica o elector ou electora ante a mesa?
A identificación realízase mediante:

  • Documento nacional de identidade (DNI).
  • Pasaporte (con fotografía).
  • Permiso (carné) de conducir (con fotografía).
Non importa que estes documentos estean caducados, pero deben ser os orixinais; non valen fotocopias.

Se a pesar de mostrar estes documentos, aparecen dúbidas sobre a identidade do elector ou electora, a mesa, tendo en conta os documentos achegados e o testemuño que poidan presentar os electores presentes, decidirá por maioría dos seus membros.

Que sucede se o elector ou electora non figura na lista do censo?
Nese caso, só poderá votar na mesa se presenta algún destes documentos:
  • SENTENZA XUDICIAL que recoñeza o dereito do votante para estar inscrito no censo da mesa.
  • CERTIFICACIÓN CENSUAL ESPECÍFICA DE ALTA, expedida pola Delegación Provincial da Oficina do Censo electoral, que o habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto.
Será válido para a votación tanto o orixinal da certificación censual específica como a recibida por fax a través do concello respectivo.

As certificacións censuais específicas deben terse en conta na lista numerada de votantes, para despois computalas debidamente nas actas de escrutinio e sesión.

Como votan as persoas con discapacidade?
Os electores que non saiban ler, ou que por discapacidade estean impedidos para elixir a papeleta ou colocala dentro do sobre e para entregala ao Presidente ou Presidenta da mesa, poden servirse para estas operacións dunha persoa da súa confianza.

Cando votan os membros da mesa e os interventores?
Finalizada a votación, e introducidos na urna os sobres que conteñan as papeletas de voto remitidas por correo, votan os membros da mesa e os interventores acreditados ante ela. O Presidente ou Presidenta introducirá os sobres na urna.

Na lista numerada de votantes hase de indicar a Sección e mesa electoral dos interventores que non figuren no seu censo.

Que sucede se durante a xornada electoral faltan sobres ou papeletas?
Cando a mesa advirta a ausencia de papeletas dalgunha candidatura, os interventores ou apoderados da correspondente candidatura poderán fornecelas.

Se non é posible, o Presidente ou Presidenta da mesa deberá interromper a votación e comunicalo á Xunta Electoral de Zona, para que esta as forneza inmediatamente.

A interrupción non pode durar máis dunha hora; a votación prorrogarase tanto tempo como estivese interrompida.

Que ocorre se se interrompe a votación durante máis dunha hora?
A regra xeral é que a interrupción da votación non debe durar máis dunha hora. Con todo, se a mesa acorda continuar a votación ante unha interrupción levemente superior a unha hora (coa consecuente prórroga durante o tempo que esta estivese interrompida), non pode entenderse como unha irregularidade que invalide a elección.

Agora ben, se a interrupción é substancialmente superior a unha hora, deberá ser a Xunta Electoral de Zona a que valore se se renova a votación ou ha de suspenderse.

Cando e quen suspende a votación? Interrupción da votación durante máis dunha hora ou circunstancia que faga imposible o acto da votación
A suspensión da votación deberá ser ordenada pola Presidencia da mesa nos casos seguintes:
  • Interrupción superior a unha hora.
  • Cando por calquera motivo sexa imposible o acto da votación.
É conveniente que antes de adoptar esta decisión, a Presidencia solicite o parecer de todos os membros da mesa e, se as circunstancias o permiten, consulte por teléfono á Xunta Electoral de Zona.

Que ocorre cando se suspende a votación?
En caso de suspensión da votación, o Presidente ou Presidenta deberá facelo constar así en escrito razoado, que deberá unirse ao expediente electoral.

Enviarase inmediatamente unha copia, en man ou por correo certificado, á Xunta Electoral de Zona, para que esta comprobe a certeza e suficiencia dos motivos e declare ou esixa as responsabilidades que resulten.

No caso de suspensión da votación, non se teñen en conta os votos xa emitidos nin se realiza o seu escrutinio. O Presidente ou Presidenta ordena inmediatamente a destrución das papeletas depositadas na urna e fai constar este aspecto no escrito antes mencionado.

Suspendida a votación nunha mesa electoral, a Xunta Electoral de Zona convocará novas eleccións na mesa dentro dos dous días seguintes.

Pode votar o elector que acredite o seu dereito mediante sentenza e non figure na listas do censo electoral?
Si. O Presidente ou Presidenta da mesa poderá admitir o seu voto sempre que ademais acredite que o seu domicilio se corresponde coa mesa á que vai votar.

Un elector pode ser representado por outra persoa?
Nunca. O acto de votar ten carácter persoal e intransferible. No caso dunha persoa con algún tipo de discapacidade si pode acompañarse por unha persoa da súa confianza en todo o proceso, desde a elección da papeleta ata a entrega do sobre de votación ao Presidente ou Presidenta da mesa.

Que ocorre se un elector que votou por correo non consta que solicitase a documentación para votar por este sistema?
O voto non poderá ser aberto nin introducirse na urna, pero deberá conservarse para o caso de posibles reclamacións ou recursos.

Pódese suspender a votación dun elector que votou por correo e faleceu posteriormente?
Si, a condición de que se presente ante a mesa o certificado de defunción correspondente a fin de que non sexa introducido o seu voto na urna.

Que facer no caso de que os sobres co voto por correo cheguen á mesa no momento en que se atopan votando os interventores ou posteriormente?
Neste caso, estes votos NON poden computarse.

Quen pode informar ao elector da forma de emitir o voto?
Os membros da mesa son os únicos que poden facilitar esta información ao elector que o solicite.

Pode haber policías no interior dun local electoral?
Si, cando acudan a requirimento do Presidente ou Presidenta da mesa.

Poden levar os interventores e apoderados emblemas ou adhesivos dalgunha coalición ou partido?
Si, sempre que se limiten unicamente a recoller as siglas do partido ou coalición.

Poden presentar reclamacións os interventores e apoderados?
Si, e deben incorporarse á acta de sesión, pero iso non significa que a mesa participe desa reclamación.

Debe a mesa entregar aos apoderados, aínda que non se presentaron no momento de constitución da mesa, copia da acta de escrutinio?
Si, a mesa ten a obrigación de expedirlles de maneira inmediata e gratuíta unha copia da acta de escrutinio.

Debe a mesa entregar aos representantes dos partidos unha copia da lista numerada de votantes?
Non, nunca, porque iso podería atentar contra os dereitos constitucionalmente protexidos dos votantes.

Poden os medios de comunicación realizar actividades informativas nos locais electorais?
Deben realizarse normalmente desde o exterior do local electoral, aínda que poden emitir imaxes do desenvolvemento da votación no interior, para o que necesitarán acreditación ante a mesa. A gravación de imaxes non deberá en ningún caso interferir no desenvolvemento da votación.

Votos válidos, votos en branco e votos nulos
 

Cando un voto é válido?
Os votos depositados na urna coas esixencias legais poden ser válidos ou nulos.
Considérase voto válido:

  • o voto a candidatura e
  • o voto en branco
Que é un voto en branco?
O voto en branco é:
  • Nas eleccións ao Congreso dos Deputados, o sobre que non contén papeleta e o voto emitido a favor dalgunha candidatura legalmente retirada.
  • Nas eleccións ao Senado, o sobre que non contén papeleta e as papeletas que non teñan marcado ningún candidato ou candidata.
Cando un voto é nulo?
É nulo o voto emitido en sobre diferente do modelo oficial ou alterado, ou papeleta diferente do modelo oficial, alterada, rota ou gaduñada, así como o emitido en papeleta sen sobre e aquel no que non se poida dilucidar a vontade do elector (por exemplo, sobre que conteña máis dunha papeleta de distintas candidaturas).

No caso de que o sobre de votación conteña máis dunha papeleta da mesma candidatura, computarase como un só voto válido.

No caso de eleccións ao Congreso dos Deputados, serán tamén nulos os votos emitidos en papeletas nas que se modificou, engadiu ou riscou nomes dos candidatos ou alterou a súa orde de colocación, así como aquelas nas que se produciu calquera outro tipo de alteración (por exemplo, no símbolo da candidatura).

No caso de eleccións ao Senado serán tamén nulos os votos emitidos en papeletas nas que se sinalaron máis de tres nomes nas circunscricións provinciais; máis de dous, nas circunscricións insulares de Gran Canaria, Mallorca e Tenerife e nas poboacións de Ceuta e Melilla, e máis dun no resto das circunscricións insulares.

Serán computados como válidos aqueles votos emitidos en papeletas que conteñan un sinal, cruz ou aspa á beira dalgún dos candidatos, na medida en que non teñan transcendencia ou entidade suficiente para considerar que con elas se alterou a configuración da papeleta ou se manifestou o rexeitamento dalgún dos candidatos ou da formación política a que pertenzan.

Quen decide sobre a validez ou nulidade dun voto?
Exclusivamente a mesa electoral, formada polo Presidente ou Presidenta e os vogais.

Han de conservarse os votos nulos da mesa?
Si, para os efectos de posteriores reclamacións ou recursos.

É válido o voto que contén varias papeletas da mesma candidatura?
Si, porque resulta clara e inequívoca a vontade do elector. Pola contra se as papeletas fosen de distinta candidatura, o voto sería nulo.

Son válidos os votos emitidos con papeletas de diferente ton, tamaño ou erros tipográficos, respecto ao modelo oficial?
Si, as pequenas diferenzas non alteran a validez do voto.

Son válidos os votos emitidos con sobres de diferente ton, tamaño ou erros tipográficos, respecto ao modelo oficial?
Si, a condición de que non poña en risco o segredo do voto.

Un voto por correo que chega a través do correo ordinario considérase válido?
Non, considérase nulo, xa que para que o voto por correo sexa válido ha de remitirse obrigatoriamente por correo certificado.

É válido o voto emitido en sobre bilingüe na zona non bilingüe dunha Comunidade?
Si.

É válida unha papeleta en castelán nunha Comunidade bilingüe?
Si, porque queda clara a vontade do elector.

É válida unha papeleta na que figura un candidato que con posterioridade á súa proclamación foi excluído?
Si, considérase como voto válido, pero referido aos candidatos validamente proclamados.