Os cargos de membros de Mesa son obrigatorios, e sono tamén os cargos de suplentes.
Nas eleccións do 26 de xuño, os designados dispoñerán de sete días desde a notificación para alegar ante a Xunta Electoral de Zona correspondente unha causa xustificada e documentada que lles impida aceptar o cargo. As persoas maiores de 65 anos que fosen nomeadas poden renunciar no prazo de sete días a partir da comunicación da notificación.
A Xunta Electoral de Zona resolve as alegacións no prazo de 5 días. Contra esta resolución da Xunta Electoral de Zona non cabe recurso en vía administrativa electoral, sen prexuízo de calquera recurso xurisdicional que o interesado estime pertinente (Acordos da Xunta Electoral Central do 20 de abril, 19 de setembro e 3 de decembro de 2001). Por outra banda, o artigo 8.5 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa, recolle que corresponde resolver aos Xulgados do Contencioso-Administrativo as impugnacións contra actos das Xuntas Electorais de Zona.
Existe a posibilidade de recibir e enviar consultas e recursos por fax, sempre que ademais se envíe a documentación orixinal por correo ou por calquera outro medio que permita ter constancia da recepción polo interesado (Acordo da Xunta Electoral Central do 9 de febreiro de 2000).
A condición de membro dunha Mesa electoral só se perde logo da aceptación pola Xunta Electoral de Zona da escusa alegada pola persoa designada. Ningunha outra persoa ou institución poderá decidir o cambio desta condición.
Se posteriormente calquera dos designados non puidese acudir a desempeñar o seu cargo de membro de Mesa, debe comunicalo á Xunta Electoral de Zona polo menos 72 horas antes da xornada electoral, achegando as xustificacións pertinentes. Se a imposibilidade de acudir se produce despois dese prazo, o aviso á Xunta Electoral de Zona deberá realizarse de maneira inmediata e, en todo caso, antes da constitución da Mesa electoral (8:00 horas do día da votación). Os suplentes tamén poden alegar escusas que lles impidan formar parte da Mesa.
O cargo de membro de Mesa non pode ser desempeñado por quen se presente como candidato, nin sequera aínda que o faga noutra circunscrición. Considérase causa xustificada ter a condición de inelixible segundo o establecido no artigo 6 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
A persoa designada pola Administración para recibir unha copia da acta de escrutinio, para os efectos de facilitar información provisional para os resultados electorais, non poderá compatibilizar esta función coa de membro de Mesa.
O Presidente ou Presidenta e os vogais das Mesas electorais, así como os respectivos suplentes, que deixen de concorrer a desempeñar as súas funcións, as abandonen sen causa lexítima ou incumpran sen causa xustificada as obrigacións de escusarse ou avisar de maneira previa, incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.
© 2016 Ministerio del Interior