O persoal dos buques da Armada, mariña mercante ou frota pesqueira de altura, abandeirados en España, que deba permanecer embarcado desde a convocatoria das eleccións ata a súa celebración e que durante o devandito período toque portos, previamente coñecidos, no territorio nacional, poderá exercitar o seu dereito ao sufraxio electoral da seguinte forma:
A través do servizo de radiotelegrafía, correo electrónico, fax ou por calquera outro medio que poida habilitarse a estes efectos, poderase solicitar da Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral onde o interesado estea inscrito o certificado de inscrición no censo.
Na mensaxe faranse constar os datos seguintes:
No caso de que poida recibir a documentación electoral por medio doutro buque, indicarase na radiomensaxe o armador, consignatario ou buque onde debe ser enviada. Para os efectos da solicitude do voto por correo, os servizos de radiotelegrafía dos buques terán a consideración de dependencias delegadas do Servizo de Correos e os Comandantes e Capitáns ou o Oficial no que expresamente deleguen a de persoal encargado da recepción da solicitude.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición do interesado, considerará para todos os efectos como recibida a solicitude e procederá a remitir a documentación pertinente ao porto ou, no seu caso, armador, consignatario ou buque cuxo nome xa designase o elector.
Recibida polo elector esta documentación, procederá a remitir por correo certificado e urxente, desde calquera dos portos nos que o buque atraque, a documentación electoral á Mesa electoral na que lle corresponda votar.
Amplíase o prazo para o depósito do voto por correo do persoal militar destacado fóra do territorio nacional ata o 25 de abril, sempre que o depósito dos envíos se realice antes das 14 horas na Oficina principal de Correos en Madrid.
Para o exercicio do dereito do voto por correo do persoal das Forzas Armadas destacado fóra do territorio nacional, en operacións vinculadas coa seguridade e defensa de España e dos seus aliados, no marco de organizacións internacionais das que España forme parte, así como para contribuír ao mantemento da paz, a estabilidade e seguridade e apoiar a axuda humanitaria, desde a data da publicación da convocatoria e ata a súa celebración seguirá o seguinte procedemento:
O Comandante do buque ou o Xefe de Unidade remitirá a relación do persoal que desexa exercer o seu dereito de sufraxio ao Director Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a través do Xefe do Estado Maior da Defensa e dos Xefes de Estado Maior dos Exércitos e a Armada.
Por cada solicitante farase constar:
O Director Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a partir da data da publicación da convocatoria no boletín oficial correspondente e antes do décimo día anterior ao da votación, dará traslado desta relación á Oficina do Censo Electoral, que as remitirá ás súas correspondentes Delegacións Provinciais.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición do interesado, considerará para todos os efectos a solicitude como recibida e procederá a remitir a documentación correspondente á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa para que, polo procedemento máis urxente posible, a achegue ao destinatario.
O elector procederá a exercer o seu dereito ao voto unha vez recibida a documentación á que fai referencia o punto anterior. Dos votos emitidos farase cargo o Comandante do buque ou Xefe da Unidade, que os custodiará, garantindo a súa seguridade, integridade e segredo, ata que sexan recollidos polo encargado do seu transporte a territorio nacional. A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa achegará os votos recibidos á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos antes do segundo día previo ao da celebración das eleccións, que os remitirá con carácter urxente á Mesa electoral correspondente.
Os internos en Centros Penais que non estean privados do dereito de sufraxio, votan por correo seguindo o procedemento seguinte:
En todos os Centros Penais expoñeranse ante a poboación interna as normas electorais que regulan o voto por correo e organizaranse sesións informativas de explicación e aclaración do procedemento de votación.
Para iso, o Director de cada Centro Penal -ou a persoa na que delegue- solicitará nos tres primeiros días desde a publicación da convocatoria á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos que un empregado deste servizo se desprace nunha data determinada ao Centro, provisto dos impresos de solicitude de certificado para o voto por correo que puidesen ser necesarios para que, alí mesmo, sexan cubertos polos internos que queiran exercer o seu dereito ao voto.
Se algún dos reclusos carecese de DNI, bastará co Documento de Identidade Interior que teñen todos os internos a condición de que nel apareza a fotografía do titular.
A Oficina do Censo Electoral deberá remitir ao Centro Penal no que se atope o recluso sobres e papeletas suficientes que lle serán entregadas persoalmente polo empregado de Correos ao elector.
O elector elixirá a papeleta correspondente, introduciraa no sobre (ou non incluirá papeleta algunha se o que desexa é votar en branco), e este noutro sobre que irá dirixido á Mesa electoral que corresponda.
O empregado de Correos achegará estes sobres ás correspondentes Mesas electorais o día da votación.