Guía sobre accesibilidade: Eleccións Maio 2019
Toda persoa poderá exercer o seu dereito de sufraxio activo, consciente, libre e voluntariamente, calquera que sexa a súa forma de comunicalo e cos medios de apoio que requira (artigo 3.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral).
A Administración debe velar polo respecto ao dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade no acceso aos locais e ás Mesas electorais, e pola súa non discriminación (artigo 2 do Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais).
A accesibilidade dos procesos electorais ten dúas vertentes: accesibilidade para as persoas que acoden ao local electoral a votar e accesibilidade para as persoas designadas para formar parte das Mesas electorais.
Os locais e as Mesas electorais deberán ser accesibles.
As persoas que integran as Mesas electorais velarán por que as persoas con discapacidade poidan exercer o seu dereito de voto coa maior autonomía posible adoptando para iso os axustes razoables que resulten necesarios.
Nos procesos electorais cuxa xestión sexa competencia da Administración Xeral do Estado e se constate a ausencia de transporte público accesible ao local electoral, a Administración Xeral do Estado proporcionará medios de transporte gratuítos adecuados para as persoas con discapacidade motriz que o soliciten, a condición de que existan dispoñibilidades orzamentarias. A estes efectos, pódese contactar coa Xunta Electoral de Zona competente ou, directamente, coa Delegación ou Subdelegación do Goberno correspondente.
Calquera queixa ou solicitude sobre accesibilidade, durante o período electoral, pódese enviar á Xunta Electoral de Zona competente.
Considérase escusa suficiente que exime da obrigación de formar parte dunha Mesa electoral a situación de discapacidade, declarada de acordo co artigo 4 do Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.
A achega polo interesado da declaración de discapacidade, calquera que sexa o seu grado, bastará para a aceptación da escusa pola Xunta Electoral de Zona, sen que resulte necesario achegar certificado médico no que se detallen as limitacións que impidan ou dificulten o desempeño das funcións de membro dunha Mesa Electoral (Instrución 6/2011, do 28 de abril, da Xunta Electoral Central)
Se non quixesen facer uso deste dereito, a Administración ofrece servizos gratuítos para persoas xordas ou con discapacidade auditiva designadas para formar parte da Mesa electoral:
- Servizo gratuíto de interpretación de lingua de signos tanto para titulares coma para suplentes (xa se trate de lingua de signos española ou, de ser o caso, das linguas de signos propias das comunidades autónomas).
Estas persoas poderán solicitar á Xunta Electoral de Zona, por escrito e no prazo de sete días desde a notificación do seu nomeamento, o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos.
A Xunta Electoral de Zona poñerá en coñecemento da correspondente Delegación / Subdelegación do Goberno os supostos nos que resolva que se debe proporcionar o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos.
A Subdelegación do Goberno correspondente comunicará estes casos ao Ministerio do Interior, a quen corresponde a coordinación dos procesos electorais de ámbito estatal, e de xeito simultáneo poñerase en coñecemento da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) ao teléfono; especialmente habilitado pola Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE), en colaboración co Ministerio do Interior e o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, para os efectos de seleccionar aos intérpretes oficiais de lingua de signos que prestarán o citado servizo durante a xornada electoral.
- Servizo gratuíto de bucle de indución magnética para persoas xordas ou con discapacidade auditiva (usuarias de próteses auditivas, tanto titulares coma suplentes).
As ditas persoas poderán solicitar á Xunta Electoral de Zona, por escrito e no prazo de sete días desde a notificación do seu nomeamento, o servizo gratuíto de bucle de indución magnética.
A Xunta Electoral de Zona poñerá en coñecemento da correspondente Delegación / Subdelegación do Goberno os supostos nos que resolva que se debe proporcionar o citado servizo gratuíto, e esta comunicará os casos ao Ministerio do Interior, que levará a cabo as xestións necesarias coa FIAPAS (Confederación Española de Familias de Persoas Xordas) para dotar a estas persoas do servizo solicitado.
Entrega na Mesa electoral da documentación complementaria en braille para electores cegos ou con discapacidade visual grave que o solicitaron en tempo e forma ao teléfono gratuíto do Ministerio do Interior: 900 150 000 (do 2 ao 29 de abril de 2019).
Se o día das eleccións vai votar unha persoa cega que solicite utilizar este procedemento, atoparase na Mesa electoral a documentación seguinte:
- Una listaxe co DNI das persoas que soliciten o voto accesible.
- Un kit/maletín de votación accesible para as Eleccións ao Parlamento Europeo.
- Un kit/maletín de votación accesible para as Eleccións ás Asembleas das Comunidades Autónomas
O contido concreto de cada maletín/kit de votación accesible será o seguinte:
- Unha guía explicativa en braille sobre como utilizar a documentación que hai dentro do maletín.
- Un sobre grande cunha etiqueta en braille e tinta que di, segundo o caso, “Eleccións ao Parlamento Europeo 2019” ou “Eleccións á Asemblea da Comunidade Autónoma”.
Cada un destes sobres contén:
- Un sobre pequeno (tamaño cuartilla) por cada candidatura que concorra ás Eleccións ao Parlamento Europeo ou á Asemblea da Comunidade Autónoma. Cada un deses sobres pequenos ten pegada unha etiqueta na que consta, en braille e tinta, o nome e as siglas da candidatura cuxa papeleta electoral inclúe (estándar, non en braille).
- Un sobre de votación normalizado, non rotulado en braille, para as Eleccións ao Parlamento Europeo ou á Asemblea da Comunidade Autónoma
Os locais electorais dispoñerán dun espazo, accesible e adecuado, situado o máis cerca posible da Mesa electoral na que lles corresponda votar a aquelas persoas que solicitaron o procedemento de voto accesible. Nese lugar daranse as condicións de privacidade necesarias para que poidan elixir a súa opción de voto en segredo.
1. Actúe con naturalidade e respecto.
As persoas con discapacidade son persoas autónomas e independentes e coma tales han de ser tratadas.
Non ha de presupoñerse que unha persoa, polo mero feito de ter unha discapacidade, necesita axuda. Se a contorna é accesible, as persoas con discapacidade adóitanse manexar sen dificultade.
Guíese en todo caso polo sentido común e polo principio de igualdade e non discriminación.
2. Pregunte antes de axudar.
Pregunte se é necesaria a súa axuda só se o elector ou a electora con discapacidade parecen necesitala. E se esa persoa a acepta, antes de actuar, pregúntelle de que modo concreto pode vostede axudarlla.
Diríxase directamente á persoa con discapacidade, non ao seu acompañante (Ex. Persoa da súa confianza, intérprete de lingua de signos, etc.), de ser o caso.
3. Utilice o sentido común.
Por exemplo, parta da idea de que unha persoa en cadeira de rodas é unha persoa sentada, e ante unha persoa sentada o habitual é agacharse para estar á súa altura, ou sentarse nunha cadeira fronte a ela.
Se ante unha incidencia concreta suscitada por unha persoa con discapacidade non sabe como actuar, contacte co Responsable da Administración do local electoral ou coa Xunta Electoral de Zona.
Se se forma unha cola á hora de votar, recoméndase que as persoas con discapacidade teñan preferencia para emitir o seu voto.
Os cans-guía, e os cans de asistencia para persoas con discapacidade, serán sempre admitidos, non poderán ser separados da persoa que os necesita e non serán molestados, nin distraídos.
4. Sexa cauto co contacto físico.
Algunhas persoas con discapacidade dependen dos seus brazos para manter o equilibrio. Tomalas do brazo, ata se a súa intención é axudar, podería facerlles perder o equilibrio, ou asustalas, porque non esperaban ese contacto.
Evite tocar as cadeiras de rodas ou, de ser o caso, o bastón: as persoas con discapacidade consideran que estes elementos son parte do seu espazo persoal.
5. O acceso ao local electoral e o itinerario ata a Mesa electoral: acompañamento e información.
A petición dos electores e as electoras con discapacidade, só cando o soliciten, na entrada ao local electoral, o representante da Administración ou as Forzas e Corpos de Seguridade poderán acompañarlles no itinerario ata a Mesa electoral correspondente, sen empuxar ou tocar, de ser o caso, a cadeira de rodas agás que o solicite a persoa con discapacidade.
Se se trata dunha persoa con discapacidade visual, pódeselle ofrecer que se suxeite ao noso brazo. Neste caso, adaptaremos o noso paso ao da persoa con discapacidade visual e tendo en conta as características do medio polo que nos despracemos, para que camiñe comodamente.
Para atender as eventuais demandas de información, e orientación, suscitadas polas persoas con discapacidade, tanto sobre o acceso ao local electoral coma sobre o desprazamento polo interior do local electoral para chegar ata a mesa electoral, teranse en conta as pautas especificadas no apartado seguinte.
6. Pautas para facilitar a comunicación: comuníquese con claridade.
En relación coas persoas xordas, ou con discapacidade auditiva, é recomendable: falar de fronte, non mover a cabeza; evitar falarlles cando esteamos de costas, agachados ou escribindo, non gritar, vocalizar de forma normal, é dicir, falarlles co ritmo normal de calquera conversación sen ter obxectos na boca, nin obstaculizando a visión clara do rostro e, se é necesario, pode axudarse da escritura, de xestos naturais ou chamar a atención cun lixeiro contacto no brazo; o lugar debe dispoñer de boa iluminación e a persoa xorda ou con discapacidade auditiva non deberá estar de fronte ao sol; a contraluz dificulta a visibilidade do rostro.
Non se comunique con palabras soltas, xa que poden inducir a erro. As persoas xordas necesitan o contido íntegro dunha frase para entender o contexto.
Cando a interacción sexa cunha persoa con discapacidade visual, evite o uso de indicacións xenéricas coma “aquí”, “alí”, “isto”… Nestes casos, é preferible empregar expresións máis orientadoras , coma: “á súa esquerda”, “detrás de vostede”. No caso de que se desexe dar información sobre un obxecto, pódese conducir, previo aviso, a man da persoa con discapacidade visual cara ao obxecto sobre o que lle está dando información, e indicarlle de que se trata.
Se estamos falando cunha persoa con discapacidade visual, avisarémoslle se imos ausentarnos, xa que, pola contra, pode seguir dirixíndose a nós pensando que aínda permanecemos ao seu lado. Do mesmo xeito, se regresamos, é conveniente indicarllo.
Verifique que a persoa con discapacidade comprendeu o que trata de comunicarlle.
7. Persoas con discapacidade que forman parte da Mesa electoral.
Como se sinalou anteriormente, é posible que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva (usuaria de lingua de signos) sexa designada para formar parte da Mesa electoral. Para iso, pode contar cun servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos, previa solicitude á Xunta Electoral competente, seguindo o procedemento descrito no apartado correspondente desta guía.
No caso de que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva se comunique por lingua oral, teranse en conta igualmente as pautas de comunicación sinaladas no apartado 6. É posible que unha persoa que forme parte da Mesa electoral utilice un medio de apoio á comunicación oral: o bucle de indución magnética. É un “produto de apoio”, un dispositivo do tamaño dun folio que só necesita conectarse á rede eléctrica.
- Artigos 3, 72 c) e 87 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral (LOREG).
- Artigos 1 e 8 do Real Decreto 605/1999, do 16 de abril, de regulación complementaria dos procesos electorais.
- Real Decreto 422/2011, do 25 de marzo, polo que se aproba o Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais.
- Real Decreto 1612/2007, do 7 de decembro, polo que se regula un procedemento de voto accesible que facilita ás persoas con discapacidade visual o exercicio do dereito de sufraxio.
- Orde INT/3817/2007, do 21 de decembro, pola que se desenvolve o procedemento de voto accesible que facilita ás persoas con discapacidade visual o exercicio do dereito de sufraxio, regulado no Real Decreto 1612/2007, do 7 de decembro.
- INSTRUCCIÓN JEC 7/2019, de 18 de marzo