• Accesibilidade
  • Guía sobre accesibilidade: Eleccións Xerais 2019

Guía sobre accesibilidade: Eleccións Xerais 2019

Guía sobre accesibilidade: Eleccións Xerais 2019
Toda persoa poderá exercer o seu dereito de sufraxio activo, consciente, libre e voluntariamente, calquera que sexa a súa forma de comunicalo e cos medios de apoio que requira (artigo 3.2. da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral).

A Administración debe celar polo respecto ao dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade no acceso aos locais e ás Mesas electorais, e pola súa non discriminación (artigo 2 do Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais).

A accesibilidade dos procesos electorais ten dúas vertentes: accesibilidade para as persoas que acoden ao local electoral a votar e accesibilidade para as persoas designadas para formaren parte das Mesas electorais.
Os locais e as Mesas electorais deberán de ser accesibles.

As persoas que integran as Mesas electorais celarán por que as persoas con discapacidade poidan exercer o seu dereito de voto coa maior autonomía adoptando para iso os axustes razoables que se entendan necesarios.

Nos procesos electorais cuxa xestión sexa competencia da Administración Xeral do Estado e se constate a ausencia de transporte público accesible ao local electoral, a Administración Xeral do Estado proporcionará os medios de transporte gratuítos adecuados para as persoas con discapacidade motriz que o solicitaren, sempre e cando existan dispoñibilidades orzamentarias. Para o efecto, pódese contactar coa Xunta Electoral de Zona competente ou, directamente, coa Delegación ou Subdelegación do Goberno correspondente. 

Calquera queixa ou solicitude sobre accesibilidade, durante o período electoral, pódese enviar á Xunta Electoral de Zona competente.

 www.juntaelectoralcentral.es  
Considérase como escusa suficiente que exime da obriga de formar parte dunha Mesa electoral a situación de discapacidade, declarada de acordo co artigo 4 do Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.

A presentación polo interesado da declaración de discapacidade, calquera que sexa o grao da mesma, bastará para que sexa aceptada a escusa pola Xunta Electoral de Zona, sen que se entenda necesario achegar certificado médico no que se detallen as limitacións que impidan ou dificulten o desempeño das funcións de membro dunha Mesa Electoral (Instrución 6/2011, de 28 de abril, da Xunta Electoral Central)

Se non quixesen facer uso deste dereito, a Administración ofrece servizos gratuítos para persoas xordas ou con discapacidade auditiva designadas para formaren parte da Mesa electoral:

1. Servizo gratuíto de interpretación de lingua de signos tanto para titulares, coma para suplentes (xa se trate de lingua de signos española ou, no seu caso, das linguas de signos propias das comunidades autónomas).

Estas persoas poderán solicitar á Xunta Electoral de Zona, por escrito e no prazo de sete días desde a notificación do seu nomeamento, o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos.
A Xunta Electoral de Zona porá en coñecemento da correspondente Delegación / Subdelegación do Goberno os supostos nos que aquela teña resolvido que se debe proporcionar o servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos. 

A Subdelegación do Goberno correspondente comunicará estes casos ao Ministerio do Interior, a quen corresponde a coordinación dos procesos electorais de ámbito estatal e, de xeito simultáneo, porase en coñecemento da Confederación Estatal de Persoas Xordas (CNSE) en colaboración co Ministerio do Interior e o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, ao efecto de seleccionar os intérpretes oficiais de lingua de signos que prestarán o devandito servizo durante a xornada electoral.

2. Servizo gratuíto de bucle de indución magnética para persoas xordas ou con discapacidade auditiva (usuarias d e próteses auditivas, tanto titulares, coma suplentes.

As devanditas persoas poderán solicitar á Xunta Electoral de Zona, por escrito e no prazo de sete días desde a notificación do seu nomeamento, o servizo gratuíto de bucle de indución magnética.
A Xunta Electoral de Zona porá en coñecemento da correspondente Delegación / Subdelegación do Goberno os supostos nos que teña resolvido que se debe proporcionar o referido servizo gratuíto, e esta comunicará os casos ao Ministerio do Interior, que levará a cabo as xestións necesarias con FIAPAS (Confederación Española de Familias de Persoas Xordas) para dotar estas persoas do servizo solicitado.
Entrega na Mesa Electoral da documentación complementaria en braille para electores cegos ou con discapacidade visual grave que o tivesen solicitado en tempo e forma no teléfono gratuíto do Ministerio do Interior: 900 150 000 (do 5 de marzo ao 1 de abril de 2019).
Se no día das eleccións vai votar unha persoa cega que teña solicitado utilizar este procedemento, na Mesa electoral encontrará a seguinte documentación:
  1. Unha lista co DNI das persoas que teñan solicitado o voto accesible.
  2. Un kit/maletín de votación accesible para as Eleccións a Cortes Xerais, que contén:
  • Unha guía explicativa en braille sobre como utilizar a documentación contida no maletín.
  • Un sobre de votación normalizado, non rotulado en braille, para as Eleccións ao Senado
  • Un modelo troquelado, que conterá a papeleta electoral estándar correspondente ás Eleccións ao Senado
  • Unha lista en braille cos nomes dos candidatos e das candidatas ao Senado.
  • Un sobre grande cunha etiqueta en braille e tinta que di, Eleccións ao Congreso dos Deputados.
    Este sobre grande contén:
    • Un sobre pequeno (tamaño cuartilla) por cada candidatura que concorra ás Eleccións ao Congreso. Cada un deses sobres pequenos ten pegada unha etiqueta na que consta, en braille e tinta, o nome e as siglas da candidatura. No interior do referido sobre vai incluída a papeleta electoral en tinta (non en braille).
    • Un sobre de votación normalizado, non rotulado en braille, para as Eleccións ao Congreso dos Deputados
Os locais electorais disporán dun espazo, accesible e adecuado, situado o máis próximo posible da Mesa electoral na que lle corresponda votar a aquelas persoas que solicitaron o procedemento de voto accesible. Nese lugar daranse as condicións de privacidade precisas para que poida elixir a súa opción de voto en segredo.
1. Actúe con naturalidade e respecto.

As persoas con discapacidade son persoas autónomas e independentes e deben de ser tratadas como tales.

Non se deberá de prexulgar que unha persoa, polo simple feito de ter unha discapacidade, precise de axuda. Se a contorna é accesible, as persoas con discapacidade adoitan manexarse sen dificultade.
Guíese, en todo caso, polo sentido común e polo principio de igualdade e non discriminación.

2. Pregunte antes de axudar.

Pregunte se é necesaria a súa axuda só se o elector ou a electora con discapacidade semellan precisar dela. E se a persoa a acepta, antes de actuar, pregúntelle de que modo concreto pode vostede axudarlle.

Diríxase directamente á persoa con discapacidade, non a quen a acompañe (Ex. Persoa da súa confianza, intérprete de lingua de signos, etc.), no seu caso.

3. Utilice o sentido común.

Por exemplo, parta da idea de que unha persoa en cadeira de rodas é unha persoa sentada, e perante unha persoa sentada o habitual é agacharse para estar á altura dela, ou sentar nunha cadeira en fronte dela.

Se perante unha incidencia concreta comunicada por unha persoa con discapacidade non sabe como actuar, contacte co Responsable da Administración do local electoral ou coa Xunta Electoral de Zona.
Se se forma unha fila á hora de votar recoméndase que as persoas con discapacidade teñan preferencia para emitiren o seu voto.

Os cans-guía e os cans de asistencia para persoas con discapacidade, serán sempre admitidos, non poderán ser separados da persoa que precisa deles, e non serán molestados, nin distraídos.

4. Sexa prudente co contacto físico.

Algunhas persoas con discapacidade dependen dos seus brazos para manteren o equilibrio. Tomalas polo brazo, mesmo se a súa intención é axudar, podería facer que perdan o equilibrio, ou asustalas, porque non agardaban ese contacto.

Evite tocar as cadeiras de rodas ou, no seu caso, o bastón: as persoas con discapacidade consideran que estes elementos son parte do seu espazo persoal.

5. O acceso ao local electoral e o itinerario ata a Mesa electoral: acompañamento e información.

A pedido dos electores e as electoras con discapacidade, só cando o soliciten, na entrada do local electoral, o representante da Administración ou as Forzas e Corpos de Seguridade poderán acompañalos no itinerario ata a Mesa electoral correspondente, sen empurrar ou tocar, no seu caso, a cadeira de rodas a menos que a persoa con discapacidade o solicite.

Se se trata dunha persoa con discapacidade visual, pódeselle ofrecer que se suxeite ao noso brazo. Neste caso, adaptaremos o noso paso ao da persoa con discapacidade visual e tendo en conta as características do medio polo que nos despracemos, para que camiñe comodamente.
Para atender as eventuais demandas de información, e orientación, formuladas polas persoas con discapacidade, tanto sobre o acceso ao local electoral como sobre o desprazamento polo interior do local electoral para chegar ata a mesa electoral, deberán de se ter en conta as pautas especificadas no seguinte apartado.

6. Pautas para facilitar a comunicación: comuníquese con claridade.

En relación coas persoas xordas, ou con discapacidade auditiva, é recomendable: falar de fronte, non mover a cabeza, evitar falarlles cando esteamos de costas, agachados ou escribindo, non berrar, vocalizar de forma normal, é dicir, falarlles co ritmo normal de calquera conversa sen ter obxectos na boca, nin obstaculizando a visión clara do rostro e, se fose preciso, pode botar man da escritura, de xestos naturais ou chamar a atención cun lixeiro contacto no brazo; o lugar debe dispor de boa iluminación e a persoa xorda ou con discapacidade auditiva non deberá de estar de fronte ao sol, a contraluz dificulta a visibilidade do rostro.

Non se comunique con palabras soltas, pode inducir a erro. As persoas xordas precisan do contido íntegro dunha frase para comprenderen o contexto.

Cando a interacción sexa cunha persoas con discapacidade visual, evite o uso de indicacións xenéricas como “aquí”, “alí”, “isto”... nestes casos, é preferible botar man de expresións máis orientativas, como: “á súa esquerda”, “detrás súa”. No caso de que se desexe dar información sobre un obxecto, pódese conducir, previo aviso, a man da persoa con discapacidade visual cara ao obxecto sobre o que lle está a dar información, e indicarlle de que se trata.

Se estivermos a falar cunha persoa con discapacidade visual, avisarémola se nos ausentarmos xa que, do contrario, pode seguir dirixíndose a nós pensando que aínda permanecemos ao seu carón. Do mesmo modo, se regresamos, convén indicarllo.

Verifique que a persoa con discapacidade comprendeu o que trata de lle comunicar.

7. Persoas con discapacidade que forman parte da Mesa electoral.

Como se sinalou anteriormente, é posible que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva (usuaria de lingua de signos) teña sido designada para formar parte da Mesa electoral. Para iso, pode contar cun servizo gratuíto de intérprete de lingua de signos, previa solicitude á Xunta electoral competente, seguindo o procedemento descrito no apartado correspondente desta guía.

Igualmente, no caso de que unha persoa xorda ou con discapacidade auditiva se comunique por lingua oral, teranse en conta as pautas de comunicación sinaladas no apartado 6. É posible que unha persoa que forme parte da Mesa electoral utilice un medio de apoio á comunicación oral: o bucle de indución magnética. É un “produto de apoio”, un dispositivo do tamaño dun folio que só precisa de se conectar á rede eléctrica.

Máis información

infoelectoral@interior.es
www.infoelectoral.mir.es
http://www.interior.gob.es/