- CANDIDATURAS NAS ELECCIÓNS XERAIS DO 10 DE NOVEMBRO DE 2019

- CANDIDATURAS NAS ELECCIÓNS XERAIS DO 10 DE NOVEMBRO DE 2019

MOI IMPORTANTE: Disposición Adicional Sétima da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral

Para as eleccións Xerais do próximo 10 de novembro cómpre ter en conta as previsións e prazos recollidos expresamente na Disposición Adicional Sétima da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.

A continuación recóllense algunhas consideración xerais de interese para as formacións políticas, nas que se tivo en conta o contido da referida Disposición.

A Xunta Electoral competente para todas as operacións en relación coa presentación e proclamación de candidaturas nas eleccións Xerais é a Xunta Electoral Provincial (artigo 169 Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).

Poden presentar candidaturas (artigo 44 e 169.3 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electora Xeral):

  • Os partidos e federacións inscritos no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio do Interior.
  • As agrupacións de electores.
  • As coalicións constituídas que así o teñan comunicado á Xunta Electoral correspondente nos prazos previstos.

Instrución 1/2010, do 9 de setembro, da Xunta Electoral Central, sobre aplicación do artigo 44.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral no relativo á constitución de coalicións electorais 

Nesta comunicación debe facerse constar a denominación da coalición, as normas polas que se regulamenta e as persoas titulares dos seus órganos de dirección e coordinación (artigo 44.2 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).

Importante: Disposición Adicional Sétima da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral 

A constitución da coalición deberá comunicarse á Xunta Electoral Central ou á Xunta Electoral Provincial se o seu ámbito se reduce á circunscrición, entre o 25 e o 30 de setembro ata as 14:00 horas, (Instrución 9/2019 da XEC)  facendo constar a denominación da coalición, as normas polas que se regulamenta e as persoas titulares dos seus órganos de dirección e coalición.

No caso en que se queira manter nos mesmos termos o pacto de coalición co que se concorreu ás eleccións Xerais do pasado 28 de abril 2019, bastará con comunicar expresamente a referida vontade mediante escrito dirixido á Xunta Electoral Central ou á Xunta Electoral Provincial se o seu ámbito se reduce á circunscrición.

Son elixibles os españois maiores de idade que posúan a calidade de elector e non se atopen incursos nalgunha das causas previstas nos artigos 6 e 154 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.

Importante: Disposición Adicional Sétima da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.

É posible presentar nova candidatura ou manter a presentada para as eleccións do pasado 28 de abril de 2019.

O prazo en todo caso é do 2 ao 7 de outubro.

Se se trata de manter a candidatura, os representantes e promotores deberán así manifestalo entre os días 2 e 7 de outubro mediante escrito dirixido á Xunta Electoral Provincial. Ao escrito de mantemento debe acompañarse a declaración de aceptación da candidatura mantida, así como os documentos acreditativos das súas condicións de elixibilidade.

No caso de presentación de novas candidaturas ou modificación nalgún extremo das presentadas para as eleccións Xerais do 28 de abril, os representantes e promotores deberán presentar, entre o 2 e o 7 de outubro, a documentación correspondente nos termos aos que alude o artigo 46 da Lei Orgánica. A presentación da candidatura, realízase nos formularios que se poden descargar desta web) e debe acompañarse a documentación recollida na Instrución da Xunta Electoral Central, do 15 de marzo de 1999.

As agrupacións de electores, partidos, federacións e coalicións que non tivesen obtido representación parlamentaria en ningunha das Cámaras non precisarán obter de novo as sinaturas que esixe o apartado 3 do artigo 169 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral, para presentar candidaturas cando xa as tivesen presentado para as eleccións inmediatamente anteriores a Cortes Xerais (28 de abril) e o número de sinaturas válidas tivese superado o número esixido.

Ningún elector poderá prestar a súa sinatura a máis dunha candidatura.

As candidaturas presentadas, así como as expresamente mantidas, publicaranse no Boletín Oficial do Estado o día 9 de outubro e as candidaturas proclamadas o 15 de outubro.

Apartado 2. e), f), g) e h) da disposición adicional 7ª. da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño do Réxime Electoral Xeral (Lei Orgánica 2/2016, do 31 de outubro, de modificación da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño do Réxime Electoral Xeral, para o suposto de convocatoria automática de eleccións en virtude do disposto no apartado 5 do artigo 99 da Constitución)

Artigo 171 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electora Xeral

  1.  As candidaturas para o Senado son individuais a efectos de votación e escrutinio aínda que poden agruparse en listas a efectos de presentación e campaña electoral.
  2. Cada candidatura a Senador debe incluír dous candidatos suplentes facendo constar a orde na que deban asumir a suplencia. Os nomes dos candidatos suplentes figurarán na publicación das candidaturas no Boletín Oficial do Estado e en toda a documentación electoral, pero non se incluirán nas papeletas electorais

Para a determinación dos gastos e subvencións electorais, atenderase ao disposto no artigo 175 da presente Lei Orgánica, coas seguintes modificacións:

1.º As cantidades previstas no apartado 1 para subvencionar os gastos que orixinen as actividades electorais reduciranse, en función dos votos e escanos obtidos por cada candidatura, nun trinta por cento.

2.º O límite dos gastos electorais previsto no apartado 2 reducirase nun cincuenta por cento. As porcentaxes de gasto previstas no apartado 3 do artigo 55 e no apartado 1 do artigo 58 entenderanse referidos a este límite reducido.