O domingo 10 de novembro celébranse en España eleccións a Cortes Xerais, isto é, ao Congreso dos Deputados e ao Senado.
A Constitución de 1978 establece que a soberanía nacional reside no pobo español, do que emanan os poderes do Estado (Lexislativo, Executivo e Xudicial).
As Cortes Xerais (Congreso e Senado) ostentan o poder lexislativo, o Goberno representa o poder executivo e os Xuíces e Xuízas o poder xudicial
Corresponde ás Cortes Xerais aprobar os orzamentos, controlar a acción do Goberno e as demais competencias que lles atribúe a Constitución.
Dende a aprobación da Constitución, celebráronse doce eleccións Xerais: en 1979, 1982, 1986, 1989, 1993, 1996, 2000, 2004, 2008, 2011, 2015, 2016 e o 28 de abril de 2019.
Se desexa coñecer o resultado destas eleccións, pode consultar a base de datos do Ministerio do Interior (ligazón aos resultados).
As eleccións a Cortes Xerais convócanse por real decreto, a proposta do Presidente do Goberno logo da deliberación do Consello de Ministros.
No Real Decreto de convocatoria fíxase a data de celebración das eleccións, o número de Deputados que corresponde a cada provincia, a duración da campaña electoral, a data na que se constituirán as Cámaras elixidas e a normativa aplicable ao proceso electoral.
Nas eleccións do 10 de novembro de 2019, aplícase a Disposición Adicional 7 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (ligazón á DA 7), que establece a duración do período electoral en 47 días en lugar dos 54 días habituais.
Ámbalas dúas Cámaras reuniranse en sesión constitutiva como data límite o 5 de decembro de 2019.