Voto por correo desde España

Voto por correo desde España

Unha vez convocadas as eleccións, e ata o día 31 de outubro, data na que finaliza o prazo para solicitar o voto por correo, poderase acudir a calquera oficina de Correos e solicitar o impreso para votar por correo.

Debidamente cumprimentado, entregarao persoalmente en calquera oficina de Correos, acreditando a súa identificación ante a persoa de dita oficina coa presentación do seu DNI, pasaporte ou carné de conducir ( xa que inclúen fotografía do titular e sinatura; en ningún caso fotocopia), que así o requirirá para a comprobación da súa sinatura.

Lembre: o prazo para poder solicitar o voto por correo finaliza o día 31 de outubro

Os servizos de Correos remiten a solicitude debidamente cumprimentada á Oficina do Censo Electoral, que fai a anotación correspondente nas listas do censo. Daquela, a persoa que solicita o voto por correo, unha vez foi admitida a súa solicitude, XA NON PODE VOTAR PERSOAMENTE

A continuación a Oficina do Censo Electoral envía por correo certificado ao domicilio indicado no impreso de solicitude un sobre coa seguinte documentación:

  • papeletas e sobres de votación;
  • o certificado de inscrición no censo;
  • un sobre no que figurará o enderezo da Mesa onde lle correspondería votar;
  • unha folla explicativa.
Esta documentación tamén debe ser recollida pola persoa que o solicitou, previa acreditación da súa identidade Se non estivese no seu domicilio, terá que ir persoalmente a recollela á Oficina de Correos correspondente.

O elector ou electora deberá seleccionar a súa opción de voto:

  • Para a elección de Deputados, introducirá a papeleta correspondente á candidatura elixida dentro do sobre de votación de cor branca.
  • Para a elección de Senadores, marcará o/os candidatos da súa elección atendendo ás instrucións que se recollen na propia papeleta. Despois meterá esta papeleta no sobre de votación de cor sepia.

A continuación, introducirá no sobre dirixido á Mesa electoral o seguinte:

  • Sobres de votación coas papeletas.
  • O certificado de inscrición no censo.
Ten ata o día 6 de novembro, para remitir este sobre por correo certificado. Este envío é gratuíto, xa que será o Ministerio do Interior a través do presuposto electoral o que se fará cargo de compensar o operador postal por estes envíos.

Debe terse en conta que non é necesario que acuda persoalmente á Oficina de Correos a certificar o sobre de votación, senón que poderá facelo outra persoa no seu nome (Acordo XEC 10 maio 1995).

O Servizo de Correos conservará ata o día da votación toda a correspondencia dirixida ás Mesas electorais e trasladaraa a ditas Mesas ás nove da mañá.

Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse en dito día, ata as vinte horas do mesmo. O Servizo de Correos levará un rexistro de toda a documentación recibida, que estará a disposición das Xuntas Electorais.

Os sobres recibidos despois das vinte horas do día fixado para a votación remitiranse á Xunta Electoral de Zona ( e destruiranse).
 

É moi importante que se vostede está censado nalgún dos lugares onde se van celebrar eleccións Locais Parciais o 17 de novembro (locais) e desexa votar por correo nesas eleccións, ademais de nas eleccións Xerais do 10 de novembro, solicite o voto por correo de maneira independente para cada unha delas, indicando á man “LOCAIS PARCIAIS” na solicitude de voto para ditas eleccións. Os prazos de cada proceso son os seguintes:
 
Eleccións Xerais 10 de novembro
  • Solicitude do voto por correo ata o 31 de outubro.
  • Remisión do voto por correo ata o 6 de novembro
 Eleccións Locais Parciais 17 de novembro 
  • Solicitude do voto por correo ata o 7 de novembro.
  • Remisión do voto por correo ata o 13 de novembro

O 10 de novembro, ás 20 horas, unha vez que votase o último elector na Mesa electoral, procederase a introducir na urna respectiva os sobres que conteñan as papeletas do voto remitidas por correo.
Para isto, deben seguirse os seguintes pasos:

  1. Abrir, de un en un, os sobres remitidos á Presidencia da Mesa e comprobar que conteñen o certificado de inscrición no censo e o sobre ou sobres de voto por correo.
  2. Comprobar que está inscrito no censo da Mesa.
  3. Introducir na urna correspondente o sobre ou sobres de votación.
  4. Anotar o elector ou electora na lista numerada de votantes (os e as vogais realizan a anotación).

Voto por correo desde España