Os designados membros de Mesa para as eleccións do 28 de abril deberán cumprir coas súas obrigas o día da votación, con independencia da xornada de traballo do día anterior.
Os traballadores por conta allea e os funcionarios nomeados membros de Mesa teñen dereito a un permiso retribuído da xornada completa durante o día da votación, se é laborable. En todo caso teñen dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.
Para facilitar o cumprimento dos deberes dos membros de Mesa, a quenda de noite que comeza o día 28 de abril computarase como xornada laboral do día electoral, e o dereito de redución de 5 horas da xornada de traballo pode exercerse na quenda de noite seguinte do traballador, a condición de que esta quenda comece o día inmediatamente posterior ao das eleccións do 28 de abril.
Os membros das Mesas electorais cobrarán unha dieta de 65 €.
Se algún dos suplentes ten que desempeñar a función por ausencia do titular, terá dereito ao permiso retribuído e á redución de xornada, así como á dieta. Non procederá a concesión dos devanditos dereitos se o suplente non chega a ocupar o seu posto na Mesa electoral.