A documentación electoral distribúese en tres sobres:
- O sobre número 1: debe incluír o orixinal da acta de constitución da Mesa, o orixinal da acta de sesión e todos os documentos aos que se faga referencia na acta de sesión. En particular, incluiranse os documentos seguintes: lista numerada de votantes, certificacións censuais achegadas, talóns das credenciais dos interventores, lista do censo electoral utilizada e as papeletas nulas ou que fosen obxecto de reclamación. Incluiranse tamén, de ser o caso, as solicitudes de reintegro de gastos do voto por correo.
- Os sobres números 2 e 3: cada un deles debe incluír unha copia da acta de constitución da Mesa e unha copia da acta de sesión.
Unha vez pechados os sobres o Presidente ou Presidenta, os vogais e interventores poñerán as súas firmas neles cruzando as solapas.
O Presidente ou Presidenta e os vogais e interventores que o desexen desprazaranse inmediatamente á sede do Xulgado de Primeira Instancia ou de Paz, dentro de cuxa demarcación estea situada a Mesa, para facer entrega dos sobres primeiro e segundo. A Forza Pública acompañará, e se fose preciso facilitará, o desprazamento destas persoas.
O Xuíz ou Xuíza recibirá a documentación e asinará o correspondente recibo (que debe atoparse entre a documentación da Mesa).
Un dos vogais, polo menos, debe permanecer no local electoral ata que se efectúe a entrega do sobre número 3. O Servizo de Correos enviará un empregado ou empregada á Mesa electoral que se fará cargo do sobre e asinará o correspondente recibo (que tamén debe atoparse entre a documentación da Mesa).
Os membros das Mesas electorais que haxan de desprazarse ata os Xulgados de Primeira Instancia ou de Paz para entregar a documentación electoral ao finalizar a xornada electoral poderán reclamar os gastos derivados deste desprazamento á Delegación ou Subdelegación do Goberno.
Unha vez entregado o terceiro sobre ao empregado de Correos, finalizan as funcións do vogal que permanecese no local electoral.
O percorrido do voto