Pódese pechar un local electoral antes da hora prevista?
Si, sempre que votasen todos os electores censados na mesa.
Dentro do local electoral pode haber carteis ou propaganda electoral o día da votación?
Non pode haber carteis nin propaganda electoral dentro dos locais electorais o día da votación.
Se os hai, o Presidente ou Presidenta (ou na súa falta a Xunta Electoral de Zona) deberá ordenar á Policía a súa retirada.
Non se considerarán propaganda electoral os emblemas ou símbolos que leven os interventores ou apoderados para a súa identificación.
Que facer se se produce algún incidente de orde pública?
O Presidente ou Presidenta teñen, dentro do local electoral, a autoridade exclusiva no que concirne ao mantemento da orde pública. Para iso poderán requirir a intervención das Forzas e Corpos de Seguridade, se é necesario.
Os incidentes que xurdan, e o nome e apelidos de quen os provocase, reflectiranse na acta de sesión.
Como se identifica o elector ou electora ante a Mesa?
A identificación realízase mediante:
- Documento nacional de identidade (DNI).
- Pasaporte (con fotografía).
- Permiso (carné) de conducir (con fotografía).
Non importa que estes documentos estean caducados, pero deben ser os orixinais; non valen fotocopias.
Se a pesar de mostrar estes documentos, aparecen dúbidas sobre a identidade do elector ou electora, a mesa, tendo en conta os documentos achegados e o testemuño que poidan presentar os electores presentes, decidirá por maioría dos seus membros.
Que sucede se o elector ou electora non figura na lista do censo?
Nese caso, só poderá votar na mesa se presenta algún destes documentos:
- SENTENZA XUDICIAL que recoñeza o dereito do votante para estar inscrito no censo da mesa.
- CERTIFICACIÓN CENSUAL ESPECÍFICA DE ALTA, expedida pola Delegación Provincial da Oficina do Censo electoral, que o habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto.
Será válido para a votación tanto o orixinal da certificación censual específica como a recibida por fax a través do concello respectivo.
As certificacións censuais específicas deben terse en conta na lista numerada de votantes, para despois computalas debidamente nas actas de escrutinio e sesión.
Como votan as persoas con discapacidade?
Os electores que non saiban ler, ou que por discapacidade estean impedidos para elixir a papeleta ou colocala dentro do sobre e para entregala ao Presidente ou Presidenta da mesa, poden servirse para estas operacións dunha persoa da súa confianza.
Cando votan os membros da mesa e os interventores?
Finalizada a votación, e introducidos na urna os sobres que conteñan as papeletas de voto remitidas por correo, votan os membros da mesa e os interventores acreditados ante ela. O Presidente ou Presidenta introducirá os sobres na urna.
Na lista numerada de votantes hase de indicar a Sección e mesa electoral dos interventores que non figuren no seu censo.
Que sucede se durante a xornada electoral faltan sobres ou papeletas?
Cando a mesa advirta a ausencia de papeletas dalgunha candidatura, os interventores ou apoderados da correspondente candidatura poderán fornecelas.
Se non é posible, o Presidente ou Presidenta da mesa deberá interromper a votación e comunicalo á Xunta Electoral de Zona, para que esta as forneza inmediatamente.
A interrupción non pode durar máis dunha hora; a votación prorrogarase tanto tempo como estivese interrompida.
Que ocorre se se interrompe a votación durante máis dunha hora?
A regra xeral é que a interrupción da votación non debe durar máis dunha hora. Con todo, se a mesa acorda continuar a votación ante unha interrupción levemente superior a unha hora (coa consecuente prórroga durante o tempo que esta estivese interrompida), non pode entenderse como unha irregularidade que invalide a elección.
Agora ben, se a interrupción é substancialmente superior a unha hora, deberá ser a Xunta Electoral de Zona a que valore se se renova a votación ou ha de suspenderse.
Cando e quen suspende a votación? Interrupción da votación durante máis dunha hora ou circunstancia que faga imposible o acto da votación
A suspensión da votación deberá ser ordenada pola Presidencia da mesa nos casos seguintes:
- Interrupción superior a unha hora.
- Cando por calquera motivo sexa imposible o acto da votación.
É conveniente que antes de adoptar esta decisión, a Presidencia solicite o parecer de todos os membros da mesa e, se as circunstancias o permiten, consulte por teléfono á Xunta Electoral de Zona.
Que ocorre cando se suspende a votación?
En caso de suspensión da votación, o Presidente ou Presidenta deberá facelo constar así en escrito razoado, que deberá unirse ao expediente electoral.
Enviarase inmediatamente unha copia, en man ou por correo certificado, á Xunta Electoral de Zona, para que esta comprobe a certeza e suficiencia dos motivos e declare ou esixa as responsabilidades que resulten.
No caso de suspensión da votación, non se teñen en conta os votos xa emitidos nin se realiza o seu escrutinio. O Presidente ou Presidenta ordena inmediatamente a destrución das papeletas depositadas na urna e fai constar este aspecto no escrito antes mencionado.
Suspendida a votación nunha mesa electoral, a Xunta Electoral de Zona convocará novas eleccións na mesa dentro dos dous días seguintes.
Pode votar o elector que acredite o seu dereito mediante sentenza e non figure na listas do censo electoral?
Si. O Presidente ou Presidenta da mesa poderá admitir o seu voto sempre que ademais acredite que o seu domicilio se corresponde coa mesa á que vai votar.
Un elector pode ser representado por outra persoa?
Nunca. O acto de votar ten carácter persoal e intransferible. No caso dunha persoa con algún tipo de discapacidade si pode acompañarse por unha persoa da súa confianza en todo o proceso, desde a elección da papeleta ata a entrega do sobre de votación ao Presidente ou Presidenta da mesa.
Que ocorre se un elector que votou por correo non consta que solicitase a documentación para votar por este sistema?
O voto non poderá ser aberto nin introducirse na urna, pero deberá conservarse para o caso de posibles reclamacións ou recursos.
Pódese suspender a votación dun elector que votou por correo e faleceu posteriormente?
Si, a condición de que se presente ante a mesa o certificado de defunción correspondente a fin de que non sexa introducido o seu voto na urna.
Que facer no caso de que os sobres co voto por correo cheguen á mesa no momento en que se atopan votando os interventores ou posteriormente?
Neste caso, estes votos NON poden computarse.
Quen pode informar ao elector da forma de emitir o voto?
Os membros da mesa son os únicos que poden facilitar esta información ao elector que o solicite.
Pode haber policías no interior dun local electoral?
Si, cando acudan a requirimento do Presidente ou Presidenta da mesa.
Poden levar os interventores e apoderados emblemas ou adhesivos dalgunha coalición ou partido?
Si, sempre que se limiten unicamente a recoller as siglas do partido ou coalición.
Poden presentar reclamacións os interventores e apoderados?
Si, e deben incorporarse á acta de sesión, pero iso non significa que a mesa participe desa reclamación.
Debe a mesa entregar aos apoderados, aínda que non se presentaron no momento de constitución da mesa, copia da acta de escrutinio?
Si, a mesa ten a obrigación de expedirlles de maneira inmediata e gratuíta unha copia da acta de escrutinio.
Debe a mesa entregar aos representantes dos partidos unha copia da lista numerada de votantes?
Non, nunca, porque iso podería atentar contra os dereitos constitucionalmente protexidos dos votantes.
Poden os medios de comunicación realizar actividades informativas nos locais electorais?
Deben realizarse normalmente desde o exterior do local electoral, aínda que poden emitir imaxes do desenvolvemento da votación no interior, para o que necesitarán acreditación ante a mesa. A gravación de imaxes non deberá en ningún caso interferir no desenvolvemento da votación.