A Presentación de candidaturas nas Eleccions Locais 2019
A Xunta Electoral competente para todas as operacións en relación coa presentación e proclamación de candidaturas nas eleccións Locais é a Xunta Electoral de Zona (artigo 187 Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Poden presentar candidatos e candidatas ou listas de candidatos e candidatas (artigo 44 Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral):
- Os partidos e federacións inscritos no Rexistro de Partidos Políticos do Ministerio do Interior.
- As coalicións constituídas que así o teñan comunicado á Xunta Electoral correspondente, nos 10 días seguintes á convocatoria (entre os días 3 e 12 de abril) facendo constar a denominación da coalición, as normas polas que se rexe e as persoas titulares dos seus órganos de dirección ou coordinación.
- As agrupacións de electores e electoras que reúnan os requisitos establecidos no artigo 187.3 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
Ningún elector ou electora ou cargo electo pode dar a súa sinatura para a presentación de varias candidaturas.
O Secretario ou Secretaria da Xunta Electoral outorgará un número correlativo por orde de presentación a cada candidatura presentada e esta orde gardarase en todas as publicacións (artigo 46.9 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
Son elixíbeis nas eleccións Municipais todas as persoas residentes en España que, sen ter adquirido a nacionalidade española, teñan a condición de cidadáns ou cidadás da Unión Europea ou de países con convenio de reciprocidade e que, posuíndo a calidade de elector ou electora, non se atopen inculpados nalgunha das causas previstas nos artigos 6 e 177 (eleccións Municipais) da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.
O prazo para presentar candidaturas é do 17 ao 22 de abril. As candidaturas presentadas e as candidaturas proclamadas publícanse no Boletín Oficial da Provincia os días 24 de abril e 30 de abril respectivamente (artigos 47.1 e 187.2 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Os partidos e federacións que establezan un pacto de coalición para concorrer conxuntamente a unhas eleccións deben comunicarllo á Xunta Electoral competente nos dez días seguintes á convocatoria (entre os días 3 ao 12 de abril).
Nesta comunicación débese facer constar a denominación da coalición, as normas polas que se rexe e as persoas titulares dos seus órganos de dirección e coordinación (artigo 44.2 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral
As agrupacións de electores e electoras son formacións políticas que se constitúen co aval dun número determinado de sinaturas de electores e electoras e só e exclusivamente para poder presentar candidatura nun proceso electoral concreto e determinado. Artigo 187.3 Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral (eleccións Municipais)
Non teñen, por tanto, vocación de permanencia ou natureza de asociación e non necesitan inscribirse no Rexistro de Partidos Políticos.
Cada agrupación de electores e electoras é autónoma e independente de calquera outra. O seu ámbito territorial de actuación é a circunscrición electoral -sen que caiban candidaturas colectivas, nin que abarquen máis dunha circunscrición, nin federacións ou coalicións entre elas- e o seu ámbito temporal de validez é o proceso electoral concreto para o que se constituíu, sen que poida estenderse máis alá do mesmo.
Para presentar candidaturas, as agrupacións de electores e electoras necesitan un número determinado de sinaturas das persoas que figuran no censo electoral do Municipio, que deberán ser autenticadas notarialmente polo Secretario ou Secretaria da Corporación municipal correspondente conforme ao seguinte baremo:
- Nos municipios de menos de 5.000 habitantes non menos do 1% das persoas inscritas sempre que o número de asinantes sexa máis do dobre que o de Concelleiros e Concelleiras a eli.
- Nos comprendidos entre 5.001 e 10.000 habitantes polo menos 100 sinaturas.
- Nos comprendidos entre 10.001 e 50.000 habitantes polo menos 500 sinaturas.
- Nos comprendidos entre 50.001 e 150.000 habitantes polo menos 1.500 sinaturas.
- Nos comprendidos entre 150.001 e 300.000 habitantes polo menos 3.000 sinaturas.
- Nos comprendidos entre 300.001 e 1.000.000 habitantes polo menos 5.000 sinaturas.
- Nos demais casos polo menos 8.000 sinaturas.
Acordo XEC 11/02/2015. Consulta en relación coa recollida e presentación de sinaturas de avais para as agrupacións de electores en relación coa presentación de candidatura nas eleccións locais e a interpretación do artigo 187.3 da LOREG.
Á presentación da candidatura (que se realiza no formularios que poden descargarse desta web) debe acompañarse a documentación recollida na Instrución da Xunta Electoral Central, de 15 de marzo de 1999.