Permisos e dietas
As persoas que integran a Mesa para as eleccións do 26 de maio, deberán cumprir coas súas obrigacións o día da votación, con independencia da xornada de traballo do día anterior.
Os traballadores e traballadoras por conta allea e funcionarios e funcionarias que formen parte da Mesa electoral, teñen dereito a un permiso retribuído da xornada completa durante o día da votación, se é laborábel. En todo caso teñen dereito a unha redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.
Para facilitar o cumprimento dos deberes das persoas que integran a Mesa, a quenda de noite que comeza o día 26 de maio ha de computarse como xornada laboral do día electoral, e o dereito de redución de 5 horas da xornada de traballo pode exercerse na quenda de noite seguinte do traballador, sempre e cando esta quenda se inicie o día inmediatamente posterior ao das eleccións do 26 de maio.
Os membros das Mesas electorais cobrarán unha dieta de 65 €.
Se algunha das persoas suplentes ten que desempeñar a función por ausencia da persoa titular, terá dereito ao permiso retribuído e á redución de xornada, así como á dieta. Non procederá a concesión dos mencionados dereitos se dita persoa non chega a ocupar o seu posto na Mesa electoral.