O día das eleccións e o desenvolvemento da votación
O Presidente ou Presidenta, as persoas designadas vocais e os seus suplentes reúnense ás 8:00 h. no lugar fixado para a votación.
Se o Presidente ou Presidenta non acudiu, substitúelle o seu primeiro ou primeira suplente. En caso de fallar tamén, substitúelle o segundo ou segunda suplente, e se esta persoa tampouco acudiu toma posesión como Presidente ou Presidenta o primeiro ou primeira vocal, ou o segundo ou segunda vocal, por esta orde. De igual modo, os vocais que non acudiron, ou que toman posesión como Presidente ou Presidenta, son substituídos polos seus suplentes.
Non pode constituírse a Mesa sen a presenza dun Presidente ou Presidenta e dous vocais. No caso de que non poida constituírse a Mesa, estenderase unha declaración dos feitos e enviarase por correo certificado á Xunta Electoral de Zona, a quen xa antes se comunicou esta circunstancia telegráfica ou telefonicamente.
A Xunta, nese caso, designará libremente ás persoas que haberán de constituír a Mesa electoral, e poderá ata ordenar que forme parte dela algún dos electores ou electoras que se atopen presentes no local.
Se, pese ao indicado, non se puidese constituír a Mesa unha hora logo da legalmente establecida para o comezo da votación, comunicarase á Xunta Electoral de Zona, que convocará para unha nova votación na Mesa dentro dos dous días seguintes.
Constituída a Mesa e levantada a súa acta de constitución, non procede dar posesión a aquelas persoas que formando parte da Mesa electoral se presenten tarde para o desempeño das súas funcións, e que foron substituídas por suplentes. Unha vez constituída a Mesa electoral, os suplentes que non a tiveron que integrar quedan libres de calquera obrigación respecto diso.
O Presidente ou Presidenta da Mesa electoral é a autoridade en materia de orde pública dentro do local electoral; ten autoridade exclusiva para conservar a orde, asegurar a liberdade das persoas votantes e manter a observancia da Lei.
Para estes efectos as forzas de policía destinadas a protexer os locais electorais prestarán á Presidencia da Mesa, dentro e fóra deles, o auxilio que requira.
Nin nos locais electorais nin nas súas inmediacións poderá realizarse propaganda electoral de ningún xénero. A Presidencia da Mesa tomará a este respecto as medidas que estime convenientes.
Pódese pechar un local electoral antes da hora prevista?
Si, sempre que voten tódalas persoas censadas na Mesa.
Dentro do Local electoral pode haber carteis ou propaganda electoral o día da votación?
Non pode haber carteis nin propaganda electoral dentro dos locais electorais o día da votación.
Se os hai, o Presidente ou Presidenta (ou, na súa falta, a Xunta Electoral de Zona) deberá ordenar ás Forzas e Corpos de Seguridade a súa retirada.
Non se considerarán propaganda electoral os emblemas ou símbolos que porten os interventores e interventoras ou apoderados e apoderadas para a súa identificación.
Que facer se se produce algún incidente de orde pública?
O Presidente ou Presidenta teñen, dentro do local electoral, a autoridade exclusiva de cara ao mantemento da orde pública. Para iso poderán requirir a intervención das Forzas e Corpos de Seguridade, se é necesario.
Os incidentes que xurdan, e o nome e apelidos de quen os provocaron, reflectiranse na acta de sesión.
Como se identifica o elector ou electora ante a Mesa?
A identificación realízase mediante:
- Documento nacional de identidade (DNI).
- Pasaporte (con fotografía).
- Permiso (carné) de conducir (con fotografía). Tarxeta de identidade de estranxeiro, no caso de nacionais de países cos que España subscriba un tratado de reciprocidad para o recoñecemento do dereito de sufragio nas eleccións municipais
- Tarxeta de residencia, no caso dos cidadáns da Unión Europea que a posúan.
- Tarxeta de identidade de estranxeiro, no caso de nacionais de países cos que España subscriba un tratado de reciprocidade para o recoñecemento do dereito de sufraxio nas eleccións municipais.
Os devanditos documentos poden ser españois ou emitidos polo país de orixe, sempre que inclúan a fotografía da persoa que vai votar. Non importa que estes documentos estean caducados, pero deben ser os orixinais, non valen fotocopias.
Se malia mostrar estes documentos aparecen dúbidas sobre a identidade do elector ou electora, a Mesa, tendo en conta os documentos achegados e o testemuño que poidan presentar, decidirá por maioría dos seus compoñentes.
Que sucede se o elector ou electora non figura na lista do censo?
Nese caso, só poderá votar na Mesa se presenta algún destes documentos:
- SENTENZA XUDICIAL que recoñeza o dereito do votante a estar inscrito no censo da Mesa.
- CERTIFICACIÓN CENSUAL ESPECÍFICA DE ALTA, expedida pola Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral, que lle habilite para facer efectivo o seu dereito ao voto.
Será válido para a votación tanto o orixinal da certificación censual específica coma a recibida por fax a través do concello respectivo.
As certificacións censuais específicas de alta deben terse en conta na lista numerada de votantes, para despois computalas debidamente nas actas de escrutinio e sesión.
Como votan as persoas con discapacidade?
Os electores e electoras que non saiban ler, ou que por discapacidade estean impedidos para elixir a papeleta ou colocala dentro do sobre e para entregala ao Presidente ou Presidenta da Mesa, poden servirse para estas operacións dunha persoa da súa confianza.
Cando votan as persoas que integran a Mesa e os interventores e interventoras?
Finalizada a votación, e introducidos na urna os sobres que conteñan as papeletas de voto remitidas por correo, votan os membros da Mesa e os interventores e interventoras acreditados ante ela e que teñan dereito a votar nela. O Presidente ou Presidenta introducirá os sobres na urna.
Na lista numerada de votantes hase de indicar a Sección e Mesa electoral dos interventores que non figuren no censo da Mesa.
Que sucede se durante a xornada electoral faltan sobres ou papeletas?
Cando a Mesa advirta a ausencia de papeletas dalgunha candidatura, os interventores e interventoras ou apoderados e apoderadas da correspondente candidatura poden fornecelas.
Se non é posible, o Presidente ou Presidenta da Mesa deberá interromper a votación e comunicalo á Xunta Electoral de Zona, para que esta as forneza inmediatamente.
A interrupción non pode durar máis dunha hora; a votación prorrogarase tanto tempo coma estivese interrompida.
Que ocorre se se interrompe a votación durante máis dunha hora?
A regra xeral é que a interrupción da votación non debe durar máis dunha hora. Con todo, se a Mesa acorda continuar a votación ante unha interrupción levemente superior a unha hora (coa conseguinte prórroga durante o tempo en que a votación estivese interrompida), non se pode entender como unha irregularidade que invalide a elección.
Agora ben, se a interrupción é substancialmente superior a unha hora, deberá ser a Xunta Electoral de Zona a que valore se se renova a votación ou se ha de suspender.
Cando e quen suspende a votación? Interrupción da votación durante máis dunha hora ou circunstancia que faga imposible o acto da votación
A suspensión da votación deberá ser ordenada pola Presidencia da Mesa nos casos seguintes:
- Interrupción superior a unha hora.
- Cando por calquera motivo sexa imposible o acto da votación.
É conveniente que, antes de adoptar esta decisión, a Presidencia solicite o parecer de tódalas persoas que compoñen a Mesa e, se as circunstancias o permiten, consulte por teléfono á Xunta Electoral de Zona.
Que ocorre cando se suspende a votación?
En caso de suspensión da votación, o Presidente ou Presidenta deberá facelo constar así en escrito razoado, que deberá unirse ao expediente electoral.
Enviarase inmediatamente unha copia, en man ou por correo certificado, á Xunta Electoral de Zona, para que esta comprobe a certeza e suficiencia dos motivos e declare ou esixa as responsabilidades que resulten.
No caso de suspensión da votación, non se teñen en conta os votos xa emitidos nin se realiza o seu escrutinio. O Presidente ou Presidenta ordena inmediatamente a destrución das papeletas depositadas na urna, e fai constar este aspecto no devandito escrito.
Suspendida a votación nunha Mesa electoral, a Xunta Electoral de Zona convocará novas eleccións na Mesa dentro dos dous días seguintes.
Pode votar o elector ou electora que acredite o seu dereito mediante sentenza e non figure nas listas do censo electoral?
Si. O Presidente ou Presidenta da Mesa poderá admitir o seu voto sempre que ademais acredite que o seu domicilio se corresponde coa Mesa á que vai votar.
Pode outra persoa representar a un elector ou electora?
Nunca. O acto de votar ten carácter persoal e intransferible. No caso dunha persoa con algún tipo de discapacidade, pódese acompañar dunha persoa da súa confianza en todo o proceso, desde a elección da papeleta ata a entrega do sobre de votación ao Presidente ou Presidenta da Mesa.
Que ocorre se unha persoa que votou por correo non consta que solicite a documentación para votar por este sistema?
O voto non poderá ser aberto nin introducirse na urna, pero deberá conservarse para o caso de posibles reclamacións ou recursos.
Pódese suspender a votación se unha persoa que votou por correo faleceu posteriormente?
Si, a condición de que se presente ante a Mesa o certificado de defunción correspondente a fin de que non sexa introducido o seu voto na urna.
Que facer no caso de que os sobres co voto por correo cheguen á Mesa no momento en que se atopan votando os interventores ou interventoras, ou posteriormente?
Neste caso, estes votos NON poden computarse.
Quen pode informar á persoa que vai votar de como facelo?
As persoas que forman parte da Mesa son as únicas que poden facilitar esta información a quen o solicite.
Pode haber policías no interior dun local electoral?
Si, cando acudan a requirimento do Presidente ou Presidenta da Mesa.
Poden ostentar os interventores e interventoras e apoderados ou apoderadas emblemas ou adhesivos dalgunha coalición ou partido?
Si, sempre que se limiten unicamente a recoller as siglas do partido ou coalición.
Poden presentar reclamacións os interventores e interventoras e apoderados ou apoderadas?
Si, e deben incorporarse á acta de sesión, pero iso non significa que a Mesa participe desa reclamación.
Debe a Mesa entregar aos apoderados ou apoderadas, aínda que non se presentaron no momento de constitución da Mesa, copia da acta de escrutinio?
Si, a Mesa ten a obrigación de expedirlles de maneira inmediata e gratuíta unha copia da acta de escrutinio.
Debe a Mesa entregar ás persoas que representan aos partidos unha copia da lista numerada de votantes?
Non, nunca, porque iso podería atentar contra os dereitos constitucionalmente protexidos dos votantes.
Poden os medios de comunicación realizar actividades informativas nos locais electorais?
Débense realizar normalmente desde o exterior do local electoral, aínda que poden emitir imaxes do desenvolvemento da votación no interior, para o que necesitarán acreditación ante a Mesa. A gravación de imaxes non deberá en ningún caso interferir no desenvolvemento da votación.
Cando un voto é válido?
Os votos depositados na urna coas esixencias legais poden ser válidos ou nulos.
Considérase voto válido:
- o voto a candidatura e
- o voto en branco
Que é un voto en branco?
Son votos en branco:
- Os sobres que non conteñan papeleta.
- O voto emitido a favor dunha candidatura legalmente retirada.
- As papeletas nas que non se marcou ningún candidato ou candidata no caso de eleccións a municipios de ata 250 habitantes ou en réxime de Concello Aberto, ou a EATIM.
- As papeletas nas que non se escribiu o nome da candidatura, candidato ou candidata, no caso de electores ou electoras temporalmente no estranxeiro nas eleccións Municipais e a EATIM.
Cando un voto é nulo?
Son votos nulos:
- Os que se emiten en sobres ou papeletas diferentes do modelo oficial.
- As papeletas sen sobre.
- Os sobres que conteñan máis dunha papeleta de distintas candidaturas (se se inclúen varias papeletas da mesma candidatura, cóntanse como un só voto válido).
- Os que se emiten en sobres alterados.
- As papeletas nas que se modificou, engadiu ou riscou o nome dos candidatos e candidatas, alterado a súa orde de colocación, así como aquelas nas que se introduciu calquera lenda ou expresión, ou produciu calquera outra alteración de carácter voluntario ou intencionado.
- No caso de eleccións municipais, as papeletas nas que se marcaron máis de catro candidatos ou candidatas en municipios entre 101 e 250 habitantes, ou máis de dous en municipios de ata 100 habitantes.
- No caso de eleccións correspondentes a municipios en concello aberto ou EATIM, as papeletas nas que se marcaron máis dun candidato ou candidata.
Serán computados como válidos aqueles votos emitidos en papeletas que conteñan un sinal, cruz ou aspa á beira dalgún dos candidatos ou candidatas, na medida en que estas non teñan transcendencia ou entidade suficiente para considerar que con elas se alterou a configuración da papeleta ou se manifestou reproche dalgún dos candidatos ou candidatas ou da formación política a que pertenzan.
Quen decide sobre a validez ou nulidade dun voto?
Exclusivamente a Mesa electoral, formada polo Presidente ou Presidenta e os seus vocais.
Hanse de conservar os votos nulos da Mesa?
Si, aos efectos de posteriores reclamacións ou recursos.
É válido o voto que contén varias papeletas da mesma candidatura?
Si, porque resulta clara e inequívoca a vontade do elector. Pola contra, se as papeletas fosen de distinta candidatura o voto sería nulo.
Son válidos os votos emitidos con papeletas de diferente ton, tamaño ou erros tipográficos, respecto ao modelo oficial?
Si, as pequenas diferenzas non alteran a validez do voto.
Son válidos os votos emitidos con sobres de diferente ton, tamaño ou erros tipográficos, respecto ao modelo oficial?
Si, a condición de que non poña en risco o segredo do voto.
Un voto por correo que chega a través de correo ordinario considérase válido?
Non, considérase nulo, xa que para que o voto por correo sexa válido ha de remitirse obrigatoriamente por correo certificado.
É válido o voto emitido en sobre bilingüe na zona non bilingüe dunha Comunidade?
Si.
É válida unha papeleta en castelán nunha Comunidade bilingüe?
Si, porque queda clara a vontade do elector ou electora.
É válida unha papeleta na que figura una persoa, candidato ou candidata, que con posterioridade á súa proclamación foi excluída?
Si; considérase como voto válido, pero referido aos candidatos e candidatas validamente proclamados.