A presentación de candidaturas nas eleccións ao Parlamento Europeo 2019
A Xunta Electoral competente para todas as operacións en relación coa presentación e proclamación de candidatos e candidatas nas eleccións ao Parlamento Europeo é a Xunta Electoral Central (artigo 220 Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Os partidos, federacións, coalicións, e agrupacións de electores e electoras poden presentar candidaturas ás Eleccións ao Parlamento Europeo.
Para iso necesitan acreditar as sinaturas de 15.000 electores e electoras ou poden substituír este requisito (agás as agrupacións de electores e electoras) pola presentación das sinaturas de 50 cargos electos, xa sexan Deputados e Deputadas, Senadores e Senadoras, Deputados e Deputadas españois do Parlamento Europeo, integrantes das Asembleas Lexislativas das Comunidades Autónomas ou das Corporacións Locais e alcaldes e alcaldesas pedáneos.
Ningún elector ou electora ou cargo electo pode dar a súa sinatura para a presentación de varias candidaturas.
O Secretario ou Secretaria da Xunta Electoral outorgará un número correlativo por orde de presentación a cada candidatura presentada, e esta orde gardarase en todas as publicacións (artigo 46.9 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Os partidos, federacións, coalicións, e agrupacións de electores e electoras poden facer constar, no momento de presentación das candidaturas perante a Xunta Electoral Central, o ámbito territorial no que desexan a difusión das súas papeletas, cando sexa inferior ao estatal e sempre que coincida polo menos coas seccións electorais existentes nunha Comunidade Autónoma. Art. 221.4 LOREG
Son elixíbeis os cidadáns e a cidadás da Unión Europea maiores de idade que, tendo a calidade de elector ou electora, non se atopen inculpados ou inculpadas nalgunha das causas previstas nos artigos 6, e 210.bis (Eleccións ao Parlamento Europeo) da Ley Orgánica 5/1985, de 19 de junio, del Régimen Electoral General.
O prazo para presentar candidaturas é do 17 ao 22 de abril. As candidaturas presentadas e as candidaturas proclamadas publícanse no "Boletín Oficial do Estado" os días 24 e 30 de abril respectivamente (artigos 47.1 e 220.5 da Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral).
Os partidos e federacións que establezan un pacto de coalición para concorrer conxuntamente a unha elección deben comunicarllo á Xunta Electoral Central nos dez días seguintes á convocatoria (entre os días 3 a 12 de abril).
Nesta comunicación débese facer constar a denominación da coalición, as normas polas que se rexen e as persoas titulares dos seus órganos de dirección e coordinación.
As agrupacións de electores e electoras son formacións políticas que se constitúen co aval dun número variábel de sinaturas de electores e electoras e só e exclusivamente para poder presentar candidatura nun proceso electoral concreto e determinado.
Non teñen, polo tanto, vocación de permanencia ou natureza de asociación e non necesitan inscribirse no Rexistro de Partidos Políticos.
Cada agrupación de electores e electoras é autónoma e independente de calquera outra. O seu ámbito espacial de actuación é a circunscrición electoral (sen que caiban candidaturas colectivas, nin que abarquen máis dunha circunscrición, nin federacións ou coalicións entre elas) e o seu ámbito temporal de validez é o proceso electoral concreto para o que se constituíu (sen que poida estenderse máis alá do mesmo).
Para presentar candidaturas ás eleccións ao Parlamento Europeo, as agrupacións de electores e electoras precisan acreditar as sinaturas de 15.000 electores e electoras.
Á presentación da candidatura (que se realiza nos formularios que poden descargarse desta web) debe acompañarse a seguinte documentación (Instrución da Xunta Electoral Central de 15 de marzo de 1999).
Fotocopia simple do DNI de cada candidato e candidata.
Escrito en papel común asinado por cada candidato e candidata no que declare baixo xuramento non estar suxeito ou suxeita a penas de inhabilitación para ser candidato ou candidata e non estar inculpados ou inculpadas en causa de inelixibilidade e formule, ademais, expresamente, a aceptación da súa candidatura. . Este escrito pode ser un só documento asinado por todos os candidatos e candidatas ou un só asinado de forma individual. . A declaración apórtase con fórmula de xuramento ou promesa de non estar suxeito ou suxeita a penas de inhabilitación para ser candidato ou candidata, aínda que pode substituírse polo certificado negativo de antecedentes penais (Acordo da Xunta Electoral Central de 3 de maio de 1999)
Pola súa parte e segundo o Real Decreto 100/2014, de 21 de febreiro, polo que se establecen determinadas disposicións sobre o exercicio do dereito de sufraxio pasivo nas eleccións ao Parlamento Europeo:
“1.- Os cidadáns e cidadás da Unión Europea residentes en España nacionais ou doutro Estado membro que presenten a súa candidatura perante a Xunta Electoral Central para exercer o dereito de sufraxio pasivo nas eleccións ao Parlamento Europeo deberán aportar, ademais dos documentos esixidos aos candidatos e candidatas de nacionalidade española unha declaración formal na que conste:
- A súa nacionalidade, data e lugar de nacemento, o seu último domicilio no Estado membro de orixe e o seu domicilio en España;
- Que non se presenten simultaneamente como candidatos e candidatas na eleccións ao Parlamento Europeo noutro Estado membro;
- No seu caso, a entidade local ou a circunscrición de Estado membro de orixe en cuxo censo electoral estiveron inscritos en último lugar;
- Que non teñan sido privados do dereito de sufraxio pasivo no seu Estado membro de orixe mediante resolución xudicial ou decisión administrativa de carácter individual, sempre que esta sexa recorríbel perante os tribunais.
A Xunta Electoral Central realizará tamén as comprobacións do cumprimento dos requisitos de elixibilidade previstos na LOREG”.
“Ademais esíxeselles certificado de inscrición no censo electoral en virtude da manifestación de vontade de exercer o dereito de sufraxio en España nas eleccións de que se trate. (Directiva 93/109/CE do Consello de 6 de decembro de 1993, modificada pola Directiva 2013/1/UE do Consello de 20 de decembro de 2012, e Instrución da Xunta Electoral Central de 15 de marzo de 1999, BOE núm. 67 de 19 de marzo de 1999).
As candidaturas presentaranse con toda a súa documentación en papel, se ben non necesariamente no modelo oficial, sendo válido polo tanto, a presentación en papel común, sempre que se cumpran todos os requisitos esixidos ao efecto (Acordos da Xunta Electoral Central de 13 de maio de 1999 e de 23 de abril de 2009).
A Administración Electoral (Xunta Electoral) ten o deber de colaborar cos partidos para arranxar irregularidades, pois está en xogo o Dereito fundamental a acceder en condicións de igualdade aos cargos públicos que se manifestan aquí no exercicio do dereito de sufraxio pasivo, que recibirá un trato respectuoso e favorábel no curso do proceso electoral. (STC 86/1987 de 1 de xuño)
Non se publicarán no Boletín Oficial correspondente (Ac. XEC de 10 de xaneiro de 1996) as candidaturas non proclamadas, notificándose ao representante ou á representante o acordo motivado de non proclamación, con indicación dos recursos.