Unha vez termina a votación, comeza o escrutinio nas Mesas.
O escrutinio realízase extraendo o Presidente, un a un, os sobres da urna correspondente e lendo en voz alta a denominación da candidatura ou, no seu caso, o nome dos candidatos ou candidatas votados. O Presidente amosará cada papeleta, unha vez lida, aos vogais, interventores e apoderados.
Segundo establece a normativa, en primeiro lugar efectúase o escrutinio correspondente ás eleccións ao Congreso dos Deputados e en segundo lugar, das eleccións ao Senado.
Terminado o reconto, resolveranse por maioría as posibles dúbidas e/ou protestas que puidese haber. Posteriormente, a Presidencia anunciará en voz alta o resultado, especificando o número de electores censados, o de certificacións censuais achegadas, o número de papeletas nulas, o de votos en branco e o dos votos obtidos por cada candidatura ou candidato.
A Mesa fai públicos os resultados por medio dunha acta de escrutinio, da que dará unha copia ao representante da Administración e aos representantes de cada candidatura, aos interventores, apoderados e candidatos que a soliciten.
Si, dado que é un acto público, pero as persoas que asistan carecen de voz e voto, polo que non poden formular nin reclamacións nin protestas, nin interferir no normal desenvolvemento do proceso.
Calquera persoa, sexa ou non votante, ten dereito a estar presente no devandito acto sempre que o permita o local onde está situada a Mesa. Non haberá neste sentido máis restricións que as que poida expor o Presidente ou Presidenta para a conservación da orde pública.