Recurso contra a designación: Impedimentos e escusas

Recurso contra a designación: Impedimentos e escusas

Os cargos de persoas que integran a Mesa son obrigatorios, e tamén o son os cargos de suplentes.

Nas eleccións do 10 de novembro, os designados disporán de sete días dende a notificación para alegar ante a Xunta Electoral de Zona correspondente unha causa xustificada e documentada que lles impida aceptar o cargo. As persoas maiores de 65 anos que teñan sido nomeadas poden renunciar no prazo de sete días a partir da comunicación da notificación.

A Xunta Electoral resolve as alegacións no prazo de 5 días. Contra esa resolución da Xunta Electoral de Zona non cabe recurso en vía administrativa electoral, sen prexuízo de calquera recurso xurisdicional que o interesado estime pertinente (Acordos da Xunta Electoral Central do 20 de abril, 19 de setembro e 3 de decembro de 2001). Por outra banda, o artigo 8.5 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, que regulamenta a Xurisdición Contencioso-Administrativa, recolle que corresponde aos Xulgados do Contencioso-Administrativo coñecer das impugnacións contra actos das Xuntas Electorais de Zona.

Contémplase a posibilidade de recibir e enviar consultas e recursos por fax, sempre que ademais se envíe a  documentación orixinal por correo ou por calquera outro medio que permita ter constancia da recepción polo interesado (Acordo da Xunta Electoral Central do 9 de febreiro de 2000).

A condición de persoa que integra a Mesa electoral só se perde tras a aceptación pola Xunta Electoral de Zona da escusa alegada pola persoa designada. Ningunha outra persoa ou institución poderá decidir o cambio desta condición.

Se posteriormente calquera das persoas designadas non puidese acudir a desempeñar o seu cargo, debe comunicalo á Xunta Electoral de Zona polo menos 72 horas antes da xornada electoral, aportando as xustificacións pertinentes. Se a imposibilidade de acudir se produce despois deste prazo, o aviso á Xunta Electoral de Zona deberá realizarse de maneira inmediata e, en todo caso, antes da constitución de Mesa electoral (8:00 horas do día da votación). Os suplentes tamén poden alegar escusas que lles impidan formar parte da Mesa.

O cargo da persoa que integra a Mesa non pode ser desempeñado por quen se presente como candidato ou candidata, nin sequera aínda que o faga noutra circunscrición. Considérase causa xustificada o ter a condición inelixible segundo o establecido no artigo 6 da Lei Orgánica 5/1985, do 19 de xuño, do Réxime Electoral Xeral.

A persoa designada pola Administración para recibir unha copia da acta de escrutinio, a efectos de facilitar información provisional para os resultados electorais, non poderá compatibilizar esta función coa de persoa que integra a Mesa.

O Presidente ou Presidenta e os vogais das Mesas electorais, así como os respectivos suplentes, que deixen de concorrer a desempeñar as súas funcións, as abandonen sen causa lexítima ou incumpran sen causa xustificada as obrigas de escuso ou aviso previo, incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.

Instrución 1/2018, do 14 de marzo, da Xunta Electoral Central, sobre impedimentos e escusas xustificadas para os cargos de Presidente e Vogal das Mesas Electorais.