Os representantes de cada candidatura poden outorgar poder a favor de calquera cidadán, maior de idade e que se ache en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos, ao obxecto de que exerza a representación da candidatura nos actos e operacións electorais. Trátase do apoderado.
Os apoderados poden acceder libremente a todos os locais electorais, examinar o desenvolvemento da votación e do escrutinio en calquera mesa, formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.
Os apoderados, se non hai interventores da súa candidatura, poden actuar como tales ante a mesa, participando nas súas deliberacións con voz e sen voto.
Os apoderados deben identificarse como tales exhibindo as súas credenciais e o seu Documento Nacional de Identidade aos membros da mesa.
Os apoderados non votan na mesa se non figuran no censo da mesma.
O representante de cada candidatura pode nomear, ata tres días antes da elección, dous interventores por cada mesa electoral, mediante a expedición de credenciais talonarias, coa data e firma ao pé do nomeamento.
Estes interventores poden asistir á mesa e participar nas súas deliberacións con voz pero sen voto. Para estes efectos, os interventores de cada candidatura acreditados ante a mesa poden substituírse entre si.
Desempeñan a súa función só na mesa ante a que están acreditados.
Poden formular reclamacións e protestas e pedir certificacións.
Votan na mesa ante a que están acreditados, aínda que non estean incluídos no censo electoral da mesma, a condición de que figuren inscritos no censo da circunscrición correspondente a esa mesa. En caso contrario, só poderán votar por correo na mesa en cuxo censo figuren inscritos.
"O voto dos interventores deberá facerse na mesa na que estean acreditados cando a devandita Mesa forme parte da circunscrición electoral na que lle corresponda votar en todos os procesos electorais convocados, debendo en cambio facelo por correspondencia en todos eles se nalgún de ditos procesos non se dá esa circunstancia" (Instrucción 1/2019 da Xunta Electoral Central, do 23 de xaneiro