A mesa electoral forma parte da Administración electoral, xunto coas Xuntas Electorais.
Está composta por tres cidadáns –un Presidente ou Presidenta de Mesa e dous vogais que sexan menores de setenta anos e saiban ler e escribir.
Os membros da mesa serán elixidos por sorteo entre as persoas censadas na mesa.
O Presidente debe ter o título de Bacharel ou o de Formación Profesional de segundo grao ou subsidiariamente o de Graduado Escolar ou equivalente.
A selección dos membros das mesas corresponde aos Concellos, mediante sorteo realizado en sesión plenaria, aínda que o sorteo pode realizarse ante a Xunta de Goberno Local, no caso de que o Pleno do Concello delegase nela esa competencia e sempre que leve a cabo en sesión pública. Os sorteos celebraranse entre o 30 de marzo e o 3 de abril.
Os Presidentes e vogais das mesas, así como os suplentes que resulten finalmente designados como membros titulares da mesa:
Os cargos de Presidente ou Presidenta e vogais das mesas electorais son obrigatorios. Non poden ser desempeñados por quen se presente como candidato.
O Presidente ou Presidenta, os vogais e suplentes que non acudan a desempeñar as súas funcións incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.
A designación como Presidentes e vogais das mesas debe ser notificada aos interesados entre o 30 de marzo e o 6 de abril (3 días desde o sorteo). Coa notificación entregarase un Manual de Instrucións para os membros das mesas electorais supervisado pola Xunta Electoral Central e aprobado por Acordo do Consello de Ministros.
Quen fose designado Presidente e vogai da mesa dispoñe dun prazo de sete días para alegar ante a Xunta Electoral de Zona causa xustificada e documentada que lle impida a aceptación do cargo. A Xunta resolve sen ulterior recurso no prazo de cinco días e comunica, se é o caso, a substitución producida ao primeiro suplente.
Se posteriormente, calquera dos designados estivese en imposibilidade de acudir ao desempeño do seu cargo, debe comunicalo á Xunta Electoral de Zona, polo menos 72 horas antes do día das eleccións, achegando as xustificacións pertinentes.
Se o impedimento sobrevén despois dese prazo, o aviso á Xunta haberá de realizarse de maneira inmediata e, en todo caso, antes da hora de constitución da mesa. En tales casos, a Xunta comunica a substitución ao correspondente suplente, se hai tempo para facelo, e procede a nomear a outro, se fose preciso.
O Presidente ou Presidenta, os dous vogais de cada mesa electoral e os respectivos suplentes, se os houbese, reúnense ás oito horas do día 28 de abril no local correspondente.
Se o Presidente ou Presidenta non acudiu, substitúelle o seu primeiro suplente. En caso de faltar tamén este, substitúelle un segundo suplente, e se este tampouco acudiu, toma posesión como Presidente ou Presidenta o primeiro vogal, ou o segundo vogal, por esta orde. Os vogais que non acudiron ou que toman posesión como Presidentes son substituídos polos seus suplentes.
Non pode constituírse a mesa sen a presenza dun Presidente ou Presidenta e dous vogais. No caso de que non poida cumprirse este requisito, os membros da mesa presentes, os suplentes que acudisen ou, no seu defecto, a autoridade gobernativa, estenden e subscriben unha declaración dos feitos acaecidos e envíana por correo certificado á Xunta Electoral de Zona, a quen comunica tamén estas circunstancias telegráfica ou telefonicamente.
A Xunta, en tal caso, designa libremente ás persoas que haberán de constituír a mesa electoral, podendo mesmo ordenar que forme parte dela algún dos electores que se atope presente no local. En todo caso, a Xunta informa o Ministerio Fiscal do sucedido para o esclarecemento da posible responsabilidade penal dos membros da mesa ou dos seus suplentes que non compareceron.
Se a pesar do establecido no parágrafo anterior non puidese constituírse a mesa unha hora despois da legalmente establecida para o inicio da votación, as persoas designadas no parágrafo terceiro deste artigo comunicarán esta circunstancia á Xunta Electoral de Zona, que convocará para nova votación na mesa, dentro dos dous días seguintes. Unha copia da convocatoria fixarase inmediatamente na porta do local electoral e a Xunta procederá de oficio ao nomeamento dos membros da nova mesa.