Resolva as súas dúbidas

Electores  /  Resolva as súas dúbidas  /  Voto presencial (Voto en Mesa)

Voto presencial (Voto en mesa)

Onde se vota?
 

Cada elector recibirá da Oficina do Censo Electoral unha tarxeta censual cos datos actualizados da súa inscrición no censo electoral e da Sección e Mesa na que lle corresponde votar. A Oficina do Censo Electoral comunicaralles igualmente aos electores afectados as modificacións de Seccións, locais ou Mesas que se produzan.

A que hora abren e pechan os locais electorais?
 

A votación comeza ás 9 horas do día 26 de xuño, aínda que os locais están abertos antes para que se poidan presentar os membros das Mesas electorais e as constitúan, verifiquen que non hai problemas co material electoral (urnas, cabinas, soportes sinalizadores, sobres, papeletas, impresos...), acrediten apoderados e interventores, etc.

A votación termina ás 20 horas, momento no que o Presidente da Mesa electoral anuncia o final da votación. Con todo, se aínda queda alguén dentro do local electoral, o Presidente da Mesa permitiralle votar.

Como se identifica o elector?
 

A identificación realízase mediante:

  • Documento nacional de identidade (DNI).
  • Pasaporte (con fotografía).
  • Permiso (carné) de conducir (con fotografía).
Non importa que estes documentos estean caducados, pero deben ser os orixinais, non valen as fotocopias.

Como se desenvolve a votación?
 

A votación comeza ás 9 horas, aínda que os locais están abertos antes para que poidan presentarse os membros das Mesas electorais e as constitúan, verifiquen que non hai problemas co material electoral, acrediten apoderados e interventores, etc.

Só se pode votar na Mesa electoral que corresponda a cada elector, salvo os interventores que exercen o seu dereito de sufraxio na Mesa ante a que están acreditados se pertence á mesma circunscrición na que están inscritos.

Os electores achegaranse á Mesa de un en un e manifestaranlle o seu nome e apelidos ao Presidente. Os vogais e interventores comprobarán a través das listas do censo o dereito a votar e a identidade do elector, que lle entregará pola súa propia man ao Presidente o sobre ou sobres de votación pechados, quen sen ocultalos en ningún momento á vista do público dirá en voz alta o nome do elector e, engadindo “Vota”, lle entregará o sobre ou sobres ao elector, quen os depositará na urna ou urnas.

A votación termina ás 20 horas, momento no que o Presidente da Mesa electoral anuncia o final da votación. Con todo, se aínda queda alguén dentro do local, o Presidente permitiralle votar.

Se o día 26 é para min laborable, teño dereito a ausentarme do meu traballo para poder ir votar?
 

A Administración do Estado ou, no seu caso, a das Comunidades Autónomas que teñan atribuídas competencias en materia laboral, previo acordo cos Delegados do Goberno respecto dos traballadores por conta allea, e as Administracións públicas respecto do seu persoal, adoptarán as medidas precisas para que os electores que presten os seus servizos o día das eleccións poidan dispoñer no seu horario laboral de ata catro horas libres para o exercicio do dereito do voto, que serán retribuídas. Cando o traballo se preste en xornada reducida, efectuarase a correspondente redución proporcional do permiso.

En caso de persoas que por estar realizando funcións lonxe do seu domicilio habitual ou noutras condicións das que se deriven dificultades para exercer o dereito de sufraxio o día das eleccións, as medidas precisas a adoptar irán encamiñadas a que estas persoas poidan votar por correo e conten para iso cun permiso de ata catro horas libres para poder solicitalo seguindo o procedemento establecido no artigo 72 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral.