O Congreso dos Deputados e Deputadas é unha das dúas Cámaras que conforman as Cortes Xerais, á que a Constitución reservou unha serie de importantes funcións e facultades.
O Congreso autoriza a formación do Goberno, pode provocar o seu cesamento, coñece en primeiro lugar a tramitación dos proxectos lexislativos e dos orzamentos e debe confirmar ou rexeitar as emendas ou vetos do Senado sobre estes textos lexislativos.
O número de deputados é de 350.
A distribución de deputados por provincias faise da maneira seguinte:
A cada unha das cincuenta provincias correspóndelle un mínimo inicial de dous deputados e deputadas. As cidades de Ceuta e Melilla elixen un deputado ou deputada cada unha.
OOs restantes 248 deputados e deputadas repártense entre as cincuenta provincias proporcionalmente á súa poboación.
O Real Decreto de Convocatoria das eleccións concreta o número de deputados e deputadas a elixir en cada provincia.
Todos os deputados e deputadas son elixidos por sufraxio universal, libre, igual, directo e segredo. En cada provincia, elíxense tantos deputados como corresponda, segundo o fixado no real decreto de convocatoria.
Os partidos políticos presentan os seus candidatos e candidatas en listas pechadas e bloqueadas, de forma que o día das eleccións, o electorado non pode seleccionar candidatos ou candidatas individuais ou alterar a orde das listas, senón que escollerá a papeleta do partido elixido e introduciraa no sobre correspondente.