Sufraxio activo e censo electoral

Sufraxio activo e censo electoral

O “dereito de sufraxio activo” é o dereito ao voto e o “dereito de sufraxio pasivo” é o dereito a presentarse como candidato ou candidata e ser votado.

Nas eleccións ás Cortes Xerais poden votar todos os españois maiores de idade inscritos no censo electoral (tanto residentes en España como residentes no estranxeiro).

Non obstante, non poderán votar:

  • Persoas condenadas por sentenza xudicial firme á pena de privación do dereito de sufraxio. 
  • Persoas declaradas incapaces por sentenza xudicial firme, sempre que a devandita sentenza declare expresamente a incapacidade para o exercicio do dereito de sufraxio. 
  • Persoas internadas nun hospital psiquiátrico con autorización xudicial, durante o período que dure o internamento e sempre que na autorización o xuíz declare expresamente a incapacidade para o exercicio do dereito de sufraxio.

Non. Ninguén pode ser obrigado nin coaccionado baixo ningún pretexto no exercicio do seu dereito de sufraxio, nin a revelar o seu voto.

O voto (o exercicio do dereito de sufraxio) é universal, libre, igual, directo e segredo.

  • Universal, porque todas as persoas maiores de idade en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos poden exercitalo.
  • Libre, porque ninguén pode ser obrigado ou obrigada a votar.
  • Igual, porque todos os votos teñen o mesmo valor.
  • Directo, porque mediante o noso voto se designan aquelas persoas que queremos que nos representen nos asuntos públicos.
  • Segredo, porque ninguén pode ser obrigado a revelar o sentido do seu voto.

O censo electoral é unha base de datos que contén a inscrición de quen reúne os requisitos para votar e non está privado definitiva ou temporalmente, do dereito de sufraxio.

O censo electoral é único e permanente, e a súa actualización é mensual.

O censo electoral no caso das eleccións ás Cortes Xerais está composto por:

a) Censo de Electores Residentes en España (CER)

b) Censo de Electores Residentes- Ausentes que viven no estranxeiro (CERA)

A inscrición no censo electoral é obrigatoria para poder votar.

O censo electoral é elaborado pola Oficina do Censo Electoral, órgano encadrado no Instituto Nacional de Estatística (Ministerio de Economía e Empresa), que exerce as súas competencias baixo a dirección e supervisión da Xunta Electoral Central.

Os Concellos, as Oficinas Consulares de España no estranxeiro, e as Seccións Consulares das Misións Diplomáticas tramitan de oficio a inscrición dos electores e a Oficina do Censo Electoral é o órgano encargado da formación do censo electoral.

Para a elaboración do censo, a Oficina:

  • Coordina o proceso de elaboración do censo electoral e, con tal fin, pode dirixir instrucións aos Concellos e Consulados, así como aos responsables do Rexistro Civil e do Rexistro de Penados e Rebeldes.
  • Supervisa o proceso de elaboración do censo electoral e para tal efecto pode inspeccionar os Concellos e Consulados.
  • Controla e revisa de oficio as altas e baixas tramitadas polos órganos competentes e elabora un ficheiro nacional de electores.
  • Elimina as inscricións múltiples dun mesmo elector que non foran detectadas polos Concellos e Consulados.

O censo que se utiliza en cada proceso electoral é aquel que se pecha no día primeiro do segundo mes anterior ao da data da convocatoria.

No caso das Eleccións do 10 de novembro, o censo será aquel que se peche a 1 de xullo de 2019.

Non obstante, a Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral contempla un período de rectificación unha vez que xa foran convocadas as eleccións.

Os Concellos e Consulados expoñerán as listas electorais vixentes dos seus respectivos municipios do 30 de setembro ao 7 de outubro.

Ademais, a Oficina do Censo Electoral remitirá a todos os electores unha tarxeta censual cos datos actualizados da súa inscrición no censo electoral e da Sección e Mesa na que lles corresponde votar e comunicará igualmente aos electores afectados as modificacións de Seccións, Locais ou Mesas electorais.

Así mesmo poderase acceder á consulta dos datos de locais e mesas electorais por Internet, a través da páxina web do INE (www.ine.es) sen necesidade de dispoñer de certificado dixital.

Para as consultas dos datos de inscrición individuais de cada elector, que incluirán tamén os da mesa e local onde lle corresponde votar, será necesaria a utilización dun certificado dixital e se poderá acceder a través da páxina web do INE (www.ine.es) desde o día da publicación da convocatoria.

Se durante o período de exposición das listas (do 30 de setembro ao 7 de outubro), calquera persoa observa que está incluída ou excluída indebidamente do censo electoral, pode presentar unha reclamación ante a Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral.

Esta, no prazo de tres días, resolve as reclamacións e ordena as rectificacións, que terán que ser expostas ao público o 11 de outubro. Ademais, tamén notificará a resolución adoptada a cada un dos reclamantes, Concellos e Consulados correspondentes.

As persoas que cambiaran de domicilio ou voten por primeira vez deben comprobar especialmente se os seus datos están correctos.