Outros procedementos de votación
O persoal dos buques da Armada, mariña mercante ou flota pesqueira de altura, abandeirados en España, que deba permanecer embarcado desde a convocatoria das eleccións ata a súa celebración e que durante o devandito período toque portos, previamente coñecidos, no territorio nacional, poderá exercer o seu dereito ao sufraxio electoral da maneira seguinte:
A través do servizo de radiotelegrafía, correo electrónico ou fax ou por calquera outro medio que poida habilitarse para estes efectos, poderase solicitar da Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral onde estea inscrito o certificado de inscrición no censo.
Na mensaxe faranse constar os datos seguintes:
- Nome e dous apelidos da persoa interesada.
- Número do documento nacional de identidade ou número de tarxeta de estranxeiro.
- Data, provincia e municipio de nacemento.
- Municipio de residencia, no que figure no Censo Electoral.
- Nome do buque no que a persoa se atopa embarcada.
- Porto ou portos en que teña previsto aportar o buque, con indicación das datas concretas nas que iso se deba producir.
No caso de que poida recibir a documentación electoral por medio doutro buque, indicarase na radiomensaxe o armador, consignatario ou buque onde debe ser enviada. Para os efectos de solicitude do voto por correo, os servizos de radiotelegrafía dos buques terán a consideración de dependencias delegadas do Servizo de Correos, e os Comandantes e Capitáns ou o Oficial no que expresamente deleguen a de persoal encargado da recepción da solicitude.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición da persoa interesada, considerará para tódolos efectos como recibida a solicitude e procederá a remitir a documentación pertinente ao porto ou, de ser o caso, ao armador, consignatario ou buque do que xa designase o seu nome.
Recibida pola persoa interesada a documentación, procederá a remitir por correo certificado e urxente, desde calquera dos portos en que o buque atraque, a documentación electoral á Mesa electoral en que lle corresponda votar.
Para o exercicio do dereito do voto por correo do persoal das Forzas Armadas destacado fóra do territorio nacional, en operacións vinculadas coa seguridade e defensa de España e dos seus aliados, no marco de organizacións internacionais das que España forme parte, así como para contribuír ao mantemento da paz, a estabilidade e seguridade e apoiar a axuda humanitaria, desde a data da publicación da convocatoria e ata a súa celebración seguirase o procedemento seguinte:
O Comandante do buque ou responsable da Unidade remitirá a relación do persoal que desexa exercer o seu dereito de sufraxio á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa, a través da Xefatura do Estado Maior da Defensa e das Xefaturas de Estado Maior dos Exércitos e a Armada.
Por cada solicitante farase constar:
- Nome e dous apelidos.
- Número do documento nacional de identidade.
- Data, municipio e provincia de nacemento.
- Municipio de residencia, no que figure no censo electoral.
A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio da Defensa, a partir da data da publicación da convocatoria no boletín oficial correspondente e antes do décimo día anterior ao da votación, dará traslado desta relación á Oficina do Censo Electoral que a remitirá ás súas correspondentes Delegacións Provinciais.
A Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral correspondente, unha vez comprobada a inscrición da persoa interesada, considerará para tódolos efectos a solicitude como recibida e procederá a remitir a documentación correspondente á Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa para que, polo procedemento máis urxente posible, lla achegue.
A persoa que solicitou o voto procederá a exercer o seu dereito unha vez recibida a documentación a que fai referencia o punto anterior. Dos votos emitidos farase cargo quen exerza o mando do buque ou responsable da Unidade, que os custodiará, garantindo a súa seguridade, integridade e segredo, ata que sexan recollidos pola persoa encargada do seu transporte a territorio nacional. A Dirección Xeral de Persoal do Ministerio de Defensa achegará os votos recibidos á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, antes do segundo día previo ao da celebración das eleccións, que os remitirá con carácter urxente á Mesa electoral correspondente.
O persoal interno en Centros Penitenciarios que non estea privado do dereito de sufraxio vota por correo segundo o procedemento seguinte:
En tódolos Centros Penitenciarios expoñeranse ante a poboación interna as normas electorais que regulan o voto por correo, e organizaranse sesións informativas de explicación e aclaración do procedemento de votación.
Para iso, a Dirección de cada Centro Penitenciario -ou a persoa en quen se delegue- solicitará nos tres primeiros días desde a publicación da convocatoria á Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A. que una persoa deste servizo se desprace nunha data determinada ao Centro, provisto dos impresos de solicitude de certificado para o voto por correo que puidesen ser necesarios para que, alí mesmo, sexan cubertos polo persoal interno que queira exercer o seu dereito ao voto.
Se algunha persoa carecese de DNI, bastará co Documento de Identidade Interior que teñen tódolos internos e internas a condición de que nel apareza a súa fotografía.
A Oficina do Censo Electoral deberá remitir ao Centro Penitenciario en que se atope sobres e papeletas suficientes para cada proceso, que lle serán entregadas persoalmente pola persoa responsable de Correos.
Elixirá a papeleta correspondente para cada proceso, introduciraa no sobre de votación correspondente (ou non incluirá ningunha papeleta se o que desexa é votar en branco) e pecharao. Incluirá o sobre ou sobres de votación e o certificado de inscrición no censo no sobre dirixido á Mesa e pecharao.
O servizo de Correos achegará estes sobres ás correspondentes Mesas electorais o día da votación.
A Lei Orgánica 5/1985, do 19 do xuño, do Réxime Electoral Xeral establece que a solicitude de voto por correo, no caso de que non se poida presentar de xeito persoal por enfermidade ou discapacidade (que deberá acreditarse por medio de certificación médica oficial e gratuíta), poderá ser efectuada no seu nome por outra persoa autorizada, notarial ou consularmente, mediante documento que se estenderá individualmente en relación con cada persoa e sen que se poidan incluír nel a varios votantes, nin que unha mesma persoa poida representar a máis de un. A Xunta Electoral comprobará, en cada caso, a concorrencia de todas estas circunstancias.
Este servizo é totalmente gratuíto.
O notario ou notaria desprazarase ao domicilio do elector ou electora, xa sexa un hospital, residencia de maiores , ou o domicilio dun familiar. Posteriormente, seguirase o mesmo procedemento que para o voto por correo ordinario. É dicir: a persoa que o representa ou apodera poderá ir –desde a convocatoria das eleccións e ata o día en que finalice o prazo para a solicitude do voto por correo desde España- persoalmente, co seu DNI e o poder notarial, a calquera Oficina de Correos e solicitar o impreso para votar por correo.
Os servizos de Correos remitirán toda a documentación á Oficina do Censo Electoral. Esta anota nas listas do censo que se solicitou votar por correo -de modo que a persoa que solicita o voto por correo xa non poderá votar de xeito presencial na Mesa electoral o día das eleccións- e remite á persoa que o
representa ou apodera por correo certificado ao domicilio que lle indicou ou, na súa falta, ao que figure no censo:
- Para cada proceso electoral convocado, unha papeleta de cada unha das formacións políticas que se presente ás eleccións e un sobre de votación, no que se introducirá a papeleta correspondente, ou non incluirá ningunha papeleta se o que desexa é votar en branco.
- O certificado de inscrición no censo electoral.
- Un sobre no que figurará a dirección da Mesa onde lle correspondería votar.
- Unha folla explicativa.
Esta documentación tamén debe ser recollida persoalmente pola persoa que o apodera, previa acreditación da súa identidade. Se non estivese no seu domicilio, terá que ir persoalmente recollela á Oficina de Correos correspondente.