Xestión Electoral
Ao Ministerio do Interior correspóndelle a preparación e execución da política do Goberno en relación coa promoción das condicións para o exercicio dos dereitos fundamentais, nos termos establecidos na Constitución Española e nas leis que os desenvolven.
É a Dirección Xeral de Política Interior, dependente da Subsecretaría do Ministerio do Interior, a que ten encomendadas, entre outras, as seguintes funcións:
- A xestión das competencias do Ministerio do Interior respecto aos procesos electorais e ás consultas directas ao electorado.
- O mantemento das relacións necesarias coa Administración Electoral e, en particular, coa Xunta Electoral Central.
- A xestión das relacións cos órganos competentes das Comunidades Autónomas en materia electoral.
- A coordinación coas Unidades dependentes doutros Ministerios con competencias en materia electoral.
- O rexistro e a aplicación do réxime xurídico dos Partidos Políticos.
- A xestión das subvencións estatais anuais e das subvencións por gastos electorais das formacións políticas, nos termos establecidos na lexislación vixente.
- A dirección e coordinación dos desenvolvementos informáticos e de comunicacións para a modernización da xestión dos procesos electorais.
- A posta a disposición da información relativa aos procesos electorais, agás os datos relativos ao censo electoral, así como a custodia e difusión pública dos resultados electorais.
- As relacións do Ministerio coas Delegacións e Subdelegacións do Goberno.
Ademais do Ministerio do Interior, participan activamente o Ministerio de Economía e Empresa (do que depende a Oficina do Censo Electoral), o Ministerio de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación (no relativo ao exercicio do dereito de sufraxio dos españois no exterior), e a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos, S.A. (para o exercicio do voto por correo).
Tamén a Secretaría de Estado de Comunicación (Presidencia do Goberno e Portavoz do Goberno) desempeña importantes funcións no proceso electoral (relacións cos medios de comunicación, rodas de prensa o día das eleccións, etc.)