Voto das persoas que residen temporalmente no estranxeiro (ERTA)
As persoas que se atopen temporalmente no estranxeiro entre a convocatoria dun proceso e a súa celebración, e desexen votar, deberán solicitalo previamente.
Poderá atopar o impreso de solicitude nos Consulados e Embaixadas, e descargalo aquí.
A solicitude cuberta deberá entregarse persoalmente no Consulado ou Embaixada.
Para poder formular a solicitude, deberá estar inscrito no Rexistro de Matrícula Consular como non residente. Ámbolos trámites (solicitude e inscrición) pódense realizar no mesmo acto.
O prazo para presentar a solicitude finaliza o día 27 de abril.
Unha vez proclamadas as candidaturas e finalizado o prazo de recursos, a Oficina do Censo Electoral enviaralle a documentación para votar.
Os envíos deberanse realizar en todo caso non máis tarde do 14 de maio. Sumarase a este prazo o tempo que tarde en chegar a documentación ao enderezo no estranxeiro.
En que consiste esta documentación electoral que remite a Oficina do Censo Electoral?
- Unha folla informativa.
- Unha papeleta de votación en branco no caso das eleccións locais e papeletas de tódalas candidaturas no resto de procesos.
- Copia da páxina ou páxinas do "Boletín Oficial" da provincia no que figuren as candidaturas proclamadas no Municipio (no caso de eleccións locais)
- O certificado de inscrición no censo electoral.
- O sobre ou sobres de votación.
- Un sobre dirixido á Mesa electoral que lle corresponda.
- Impreso para a devolución dos gastos de envío do voto por correo.
No caso das eleccións locais, escribirá na papeleta o nome do partido, federación, coalición ou agrupación cuxa candidatura desexa votar e introducirá a papeleta no sobre de votación; nos demais procesos introducirá no sobre a papeleta da candidatura elixida.
A continuación, introducirá no sobre dirixido á Mesa electoral o seguinte:
- Sobre ou sobres de votación coa papeleta correspondente para cada proceso (ou non incluirá ningunha papeleta se o que desexa é votar en branco)
- O certificado de inscrición no censo.
- Se así o desexa, o impreso cuberto para a devolución dos gastos de envío.
Ten ata o día 22 de maio para remitir este sobre por correo certificado.
Será indispensable para a validez destes votos que conste claramente no sobre un cuño ou outra inscrición oficial dunha Oficina de Correos do Estado correspondente, que certifique que se remitiu dentro do prazo previsto.
O servizo de Correos conservará ata o día da votación a correspondencia dirixida á Mesa e trasladaraa ás 9 da mañá e ata as 20 horas do mesmo día. Máis información na Embaixada ou Consulado e en www.exteriores.gob.es, www.ine.es