Administración Electoral
A Administración Electoral é a encargada de garantir a transparencia e obxectividade do proceso electoral e do principio de igualdade.
Integran a Administración electoral as Mesas Electorais e as Xuntas Electorais, de composición semi-xudicial (Central, Provincial, de Zona e, no seu caso, de Comunidade Autónoma).
A Xunta Electoral Central ten a súa sede en Madrid e é a única de carácter permanente. Está integrada por 8 Maxistrados e Maxistradas do Tribunal Supremo e 5 Catedráticos e Catedráticas en activo de Dereito ou Ciencias Políticas e Socioloxía.
As Xuntas Electorais Provinciais teñen a súa sede nas capitais de provincia e están integradas por tres vogais, Maxistrados e Maxistradas da Audiencia Provincial correspondente, e dous vogais que a Xunta Electoral Central elixe entre Catedráticos e Catedráticas e Profesores e Profesoras Titulares de Dereito ou de Ciencias Políticas e de Socioloxía ou xuristas de recoñecido prestixio residentes na provincia.
As Xuntas Electorais de Zona teñen a súa sede nas localidades cabeza dos partidos xudiciais e están compostas por tres vogais, Xuíces e Xuízas de Primeira Instancia ou Instrución e dous vogais designados e designadas pola Xunta Electoral Provincial, entre Licenciados e Licenciadas en Dereito ou en Ciencias Políticas e en Socioloxía, residentes no partido xudicial.
As Xuntas de Zona de Ceuta e Melilla acumulan nos seus respectivos distritos as funcións correspondentes ás Xuntas Electorais Provinciais.
Ademais da Xunta Electoral Central, que ten a súa sede en Madrid, en cada provincia existe unha Xunta Electoral Provincial.
Por último, as Xuntas Electorais de Zona sitúanse nas 303 localidades cabeza de partido xudicial establecidas nas eleccións de 1979. As Xuntas de Zona de Ceuta e Melilla acumulan nos seus respectivos distritos as funcións correspondentes ás Xuntas Electorais Provinciais.
As Xuntas Provinciais e de Zona que se constitúan serán administración competente para todos os procesos electorais convocados.
Nas eleccións do Parlamento Europeo, a Xunta Electoral competente para a realización de todas as operacións en relación á presentación e proclamación de candidatos e candidatas, así como as de escrutinio xeral, é a Xunta Electoral Central.
Para as eleccións municipais, a Xunta Electoral competente para a realización de todas as operacións en relación á presentación e proclamación de candidatos e candidatas, así como as de escrutinio xeral, é a Xunta Electoral de Zona.