Sufraxio Activo e Censo Electoral
O dereito de sufraxio “activo” é o dereito ao voto e o dereito de sufraxio “pasivo” é o dereito a presentarse como candidato ou candidata e recibir o voto
Tódolos españois e españolas que residen en España e quen reside temporalmente no estranxeiro (ERTA), que sexan maiores de idade e figuren no censo, poderán votar en tódolos procesos convocados.
Os españois e españolas residentes permanentemente no estranxeiro (CERA) poden votar nas eleccións ao Parlamento Europeo, ás Asembleas Lexislativas das Comunidades Autónomas e ás Asembleas de Ceuta e Melilla.
Cidadáns e cidadás da Unión Europea residentes en España. Poden votar nas eleccións ao Parlamento Europeo e nas eleccións locais. Para poder votar deben figurar no censo electoral e para iso requírese: ser maior de idade o día da votación, estar inscrito e inscrita no Padrón municipal e declarar a intención de votar en España nas eleccións ao Parlamento Europeo e/ou nas eleccións municipais. A manifestación de vontade de exercer o dereito de sufraxio en España nas eleccións locais ten carácter permanente mentres a persoa dun país da Unión Europea continúe residindo en España, agás declaración noutro sentido.
Cidadáns e cidadás de países con Acordos de reciprocidade sobre participación nas Eleccións municipais.
Os Estados con Acordos de reciprocidade en vigor, subscritos por España son: Noruega, Ecuador, Nova Zelandia, Colombia, Chile, Perú, Paraguai, Islandia, Bolivia, Cabo Verde, República de Corea e Trinidad e Tobago, Estados que recoñecen o dereito de voto nas súas Eleccións Municipais aos españois e españolas residentes no seu territorio.
Os cidadáns e cidadás dos devanditos Estados, residentes en España, poden votar nas eleccións municipais e nas eleccións a órganos de entidades locais de ámbito territorial inferior ao municipio (EATIM). Para poder votar deben figurar no censo electoral das eleccións municipais logo da súa solicitude. (O prazo de presentación desta solicitude finalizou o día 15 de xaneiro.)
Condicións para o exercicio do dereito de voto nas eleccións municipais españolas por parte dos cidadáns e cidadás dos devanditos Estados:
Os cidadáns e cidadás de Noruega, Ecuador, Nova Zelandia, Colombia, Chile, Perú, Paraguai, Islandia, Bolivia, Cabo Verde, República de Corea e Trinidad e Tobago, maiores de dezaoito anos o día da votación e que gocen do dereito de sufraxio activo, poderán votar nas eleccións municipais (e a EATIM) en España.
Para iso, deberán estar en posesión da correspondente autorización de residencia en España.
Deberán residir legalmente en España o tempo esixido no correspondente Acordo (cinco anos no momento da solicitude de inscrición no censo electoral e, no caso dos nacionais de Noruega, tres anos o día da votación).
Exercerán o dereito de voto no municipio da súa residencia habitual, en cuxo padrón municipal deberán figurar.
Electores e electoras que non poderán votar:
- As persoas condenadas, por sentenza xudicial firme, a pena de privación do dereito de sufraxio.
En España, non. Ningunha persoa pode ser obrigada nin coaccionada baixo ningún pretexto no exercicio do seu dereito de sufraxio, nin a revelar o seu voto.
O voto (o exercicio do dereito de sufraxio) é universal, libre, igual, directo e secreto.
- Universal, porque tódalas persoas maiores de idade en pleno uso dos seus dereitos civís e políticos poden exercitalo.
- Libre, porque ninguén pode ser obrigado a votar.
- Igual, porque tódolos votos teñen o mesmo valor na circunscrición.
- Directo, porque mediante o noso voto se designa a aquelas persoas que queremos que nos representen nos asuntos públicos.
- Secreto, porque ninguén pode ser obrigado a revelar o sentido do seu voto.
O censo electoral é unha base de datos que contén a inscrición de quen reúne os requisitos para votar e non está privado definitiva ou temporalmente do dereito de sufraxio.
O censo electoral é único e permanente, e a súa actualización é mensual.
O censo electoral no caso das eleccións ao Parlamento Europeo está composto por:
- Censo Electoral de residentes en España (CER)
- Censo Electoral de Residentes Ausentes que viven no estranxeiro que manifestaron a súa intención de votar (CERA)
- Censo de cidadáns e cidadás da Unión Europea residentes en España que manifestaron a súa intención de votar (CERE)
A inscrición no censo electoral é obrigatoria para poder votar.
O censo electoral no caso das eleccións Locais e Autonómicas está composto por:
- Censo Electoral de Residentes en España (CER).
- Censo Electoral de Estranxeiros e Estranxeiras residentes en España (CERE) para as eleccións municipais. Poden votar nas eleccións municipais (e EATIM).
- Censo Electoral de españois e españolas que residen permanentemente no estranxeiro (CERA) poden votar nas eleccións ás Asembleas de Ceuta e Melilla e nas eleccións ás Asembleas Lexislativas das Comunidades Autónomas.
O CERE inclúe aos cidadáns e cidadás da Unión Europea residentes en España e dos seguintes países con Acordos de reciprocidade en vigor: Noruega, Ecuador, Nova Zelandia, Colombia, Chile, Perú, Paraguai, Islandia, Bolivia, Cabo Verde, República de Corea e Trinidad e Tobago, Estados que recoñecen o dereito de voto nas súas Eleccións Municipais aos españois e españolas residentes no seu territorio.
As inscricións no CERE das persoas dos países con acordos de reciprocidade en vigor serán válidas exclusivamente para as eleccións municipais para as que se realicen as solicitudes de inscrición no CERE (O prazo de solicitude de inscrición no CERE finalizou o día 15 de xaneiro).
Os cidadáns e cidadás da Unión Europea, para a súa inscrición no CERE, han de figurar no Padrón Municipal e facer unha declaración formal sobre a súa vontade de exercer o dereito de sufraxio en España nas eleccións municipais. Esa manifestación de vontade ten carácter permanente mentres o cidadán e cidadá dun país da Unión Europea continúe residindo en España, agás declaración noutro sentido.
O censo electoral é elaborado pola Oficina do Censo Electoral, órgano encadrado no Instituto Nacional de Estatística (Ministerio de Economía e Empresa) que exerce as súas competencias baixo a dirección e supervisión da Xunta Electoral Central.
Os Concellos, as Oficinas Consulares de España no estranxeiro, e as Seccións Consulares das Misións Diplomáticas son os organismos encargados de tramitar de oficio a inscrición dos electores e as electoras.
Para a elaboración do censo, a Oficina do Censo Electoral:
- Coordina o proceso de elaboración do censo electoral e con tal fin pode dirixir instrucións aos Concellos e Consulados, así como aos responsables do Rexistro Civil e do Rexistro de Penados e Rebeldes.
- Supervisa o proceso de elaboración do censo electoral e para ese efecto pode inspeccionar os Concellos e Consulados.
- Controla e revisa de oficio as altas e baixas tramitadas polos órganos competentes e elabora un ficheiro nacional de electores.
- Elimina as inscricións múltiples dunha mesma persoa que non sexan detectadas polos Concellos e Consulados.
O censo que se utiliza en cada proceso electoral é o pechado o día primeiro do segundo mes anterior ao da data da convocatoria.
No caso das eleccións do 26 de maio, o censo será o pechado o 1 de febreiro .
No entanto, a Lei Orgánica 5/1985, do Réxime Electoral Xeral, recolle un período de rectificación, xa convocadas as eleccións, entre os días 8 e 15 de abril.
Os Concellos e Consulados expoñerán as listas electorais vixentes dos seus respectivos municipios do 8 ao 15 de abril.
Ademais, a Oficina do Censo Electoral remitirá a tódolos electores e electoras unha tarxeta censual cos datos actualizados da súa inscrición no censo electoral e da Sección e Mesa na que lles corresponde votar.
Así mesmo, poderase acceder á consulta dos datos de locais e Mesas electorais por Internet, a través da páxina web do INE (www.ine.es) sen necesidade de dispoñer de certificado dixital.
Para as consultas dos datos de inscrición individuais de cada persoa, que incluirán tamén os da Mesa e local onde lle corresponde votar, será necesaria a utilización dun certificado dixital e poderase acceder a través da páxina web do INE (www.ine.es) desde o día da publicación da convocatoria.
Se durante o período de exposición das listas (do 8 ao 15 de abril), calquera persoa observa que está incluída ou excluída indebidamente do censo electoral, pode presentar unha reclamación ante a Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral.
Esta, no prazo de tres días, resolve as reclamacións e ordena as rectificacións que deberán ser expostas ao público o 19 de abril . Ademais, tamén notificará a resolución adoptada a cada reclamante, Concellos e Consulados correspondentes.
As persoas que cambiaron de enderezo ou votan por primeira vez deben comprobar especialmente se os seus datos son correctos.