Voto e Accesibilidade
Toda persoa poderá exercer o seu dereito de sufraxio activo, consciente, libre e voluntariamente, calquera que sexa a súa forma de comunicalo e cos medios de apoio que requira (artigo 3.2 da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral)
A Administración debe velar polo respecto ao dereito á igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade no acceso aos locais e ás Mesas electorais, e pola súa non discriminación (artigo 2 do Regulamento sobre as condicións básicas para a participación das persoas con discapacidade na vida política e nos procesos electorais).
A accesibilidade dos procesos electorais ten dúas vertentes: accesibilidade para as persoas que acoden ao local electoral a votar e accesibilidade para as persoas designadas para formar parte das Mesas electorais.
A solicitude de voto por correo, no caso de que un elector ou electora non poida presentar esa solicitude de xeito persoal na Oficina de Correos por causa de enfermidade ou discapacidade (que deberá acreditarse por medio de certificación médica oficial e gratuíta) poderá ser efectuada no seu nome por outra persoa autorizada, notarial ou consularmente, mediante documento que se estenderá individualmente en relación con cada elector ou electora e sen que nel poidan incluírse a varios electores ou electoras, nin unha mesma persoa representar a máis dun elector ou electora.
A Xunta Electoral competente comprobará, en cada caso, a concorrencia de todas estas circunstancias.
O procedemento é o seguinte:
As persoas interesadas han de contactar cun Notario que actuará, de xeito gratuíto (Consello Xeral do Notariado), e entregaranlle o certificado médico oficial e gratuíto ao que se refire o artigo 72.c) da LOREG.
O Notario desprazarase ao domicilio do elector ou electora, xa sexa un hospital, residencia de maiores, ou o domicilio dun familiar. Posteriormente, seguirase o mesmo procedemento que para o voto por correo ordinario.
É dicir: A persoa que lle representa poderá ir —dentro do prazo de solicitude do voto por correo: do 2 de abril ao 16 de maio— persoalmente, co seu D.N.I. e o poder notarial, a calquera Oficina de Correos e solicitará o impreso para votar por correo.
Os servizos de Correos remitirán toda a documentación á Oficina do Censo Electoral, que anota nas Listas do Censo que se solicitou votar por correo -de modo que XA NON POIDA VOTAR PERSOALMENTE- e remite ao apoderado por correo certificado ao domicilio que lle indicou ou, na súa falta, ao que figure no Censo, a documentación seguinte:
- Unha papeleta de cada unha das formacións políticas que se presente en cada un dos procesos convocados;
- Un sobre de votación ou sobres de votación.
- o certificado de inscrición no censo electoral;
- un sobre no que figurará a dirección da Mesa onde lle correspondería votar;
- unha folla explicativa.
- Esta documentación tamén debe ser recollida persoalmente pola persoa que lle representa, logo de acreditar a súa identidade. Se non estivese no seu domicilio, terá que ir persoalmente recollela á Oficina de Correos correspondente.
As persoas cegas ou con discapacidade visual grave que se inscribiron no Censo Electoral que saiban utilizar o braille e teñan recoñecido un grado de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou estean afiliadas á Organización Nacional de Cegos Españois poden solicitar o maletín/kit de votación accesible que se lles entregará na Mesa electoral o día da xornada electoral para as Eleccións ao Parlamento Europeo 2019 e para as Eleccións Autonómicas: o domingo 26 de maio.
- En que consiste este procedemento de votación presencial?
O procedemento de votación accesible consiste na entrega, na Mesa electoral o día das eleccións, ás persoas cegas ou con discapacidade visual que o solicitaron en prazo, dun maletín/kit de votación accesible que contén: papeletas e sobres de votación normalizados (é dicir, sobres e papeletas idénticos aos que utiliza o resto de electores) e unha documentación complementaria en braille (guía explicativa en braille, adhesivos en braille e tinta que identifican contidos…) que permite á persoa cega ou con discapacidade visual usuaria de braille a identificación da opción de voto desexada con plena autonomía e coa garantía do segredo do sufraxio.
IMPORTANTE: O procedemento de votación accesible, ao ser votación presencial na Mesa electoral, é incompatible co procedemento de voto por correo. A normativa electoral establece que se se solicita o voto por correo xa non se pode exercer o voto de xeito presencial na Mesa electoral.
- Como se solicita o maletín/kit de votación accesible?
As persoas con discapacidade visual que desexen utilizar o procedemento de votación accesible nas Eleccións ao Parlamento Europeo e nas Eleccións Autonómicas, han de chamar ao teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000, no que se recibirán as chamadas de solicitude do procedemento de votación accesible desde o día 2 ata o día 29 de abril L-V de 09:00 a 17:30 e sábados de 09:00 a 14:00. (Este servizo de atención telefónica non estará dispoñible os días 19 e 20 de abril.)
- Que datos deben aportar as persoas que soliciten o maletín /kit de votación accesible?
As persoas que soliciten o procedemento de votación accesible deberán facilitar, dentro de prazo, a través do Teléfono gratuíto do Ministerio do Interior 900 150 000, os datos seguintes:
- Nome e apelidos
- Data de nacemento
- Número do Documento Nacional de Identidade (DNI)
- Domicilio
- Teléfono de contacto
Ademais, deberán manifestar que cumpren cos requisitos seguintes:
- Que saben ler en Braille.
- Que teñen recoñecido un grado de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento ou que son afiliados á Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE).
A Administración poderá requirir en calquera momento a verificación destes datos.
- Información que se ofrece a estes votantes a través do teléfono gratuíto 900 150 000.
No teléfono gratuíto 900 150 000, ademais de poder solicitar o maletín/ kit de votación accesible (do 2 ao 29 de abril), poderán dirixir consultas (do 2 de abril ao 26 de maio, ambos os dous incluídos), sobre cuestións relacionadas con:
- O procedemento de votación accesible regulado no Real Decreto 1612/2007, do 7 de decembro.
- A documentación necesaria.
- As candidaturas proclamadas: das Eleccións ao Parlamento Europeo 2019 e das Eleccións Autonómicas (O 30 de abril publícanse no BOE as candidaturas proclamadas).
Os días 19 e 20 de abril e 1 de maio non estará dispoñible o servizo de atención telefónica.
- Cal é o contido concreto do maletín/kit de votación accesible?
a) Material de votación estándar.
- Un sobre de votación
- Unha papeleta electoral de cada unha das candidaturas proclamadas.
b) Documentación complementaria en braille.
- Etiquetas en braille na solapa exterior do maletín/kit identificando o proceso.
- Unha guía explicativa en tinta e en braille sobre como utilizar a documentación contida no maletín/kit.
- Un sobre grande, que incluirá: un sobre pequeno por cada candidatura proclamada. Cada un deses sobres pequenos terá pegada unha etiqueta na que constará, en tinta e en braille, a denominación da candidatura cuxa papeleta electoral (estándar, non en braille) estará dentro.
O sobre grande irá identificado cunha etiqueta co texto rotulado en Braille e impreso en tinta: “Eleccións ao Parlamento Europeo”.
Cada un dos sobres de tamaño pequeno antes citados conterá a papeleta normalizada de votación correspondente a unha candidatura proclamada. Co fin de que poida coñecer o contido de cada sobre, adherirase en cada un deles unha etiqueta que, en braille e tamén en tinta, especificará o nome e as siglas da candidatura cuxa papeleta estea dentro do sobre.
IMPORTANTE: Onde se celebren tamén Eleccións Autonómicas existirán dous maletíns/kit de votación. Un para as eleccións ao Parlamento Europeo e outro para as Eleccións Autonómicas.
- Quen garante que as traducións ao braille son correctas?
Os textos en braille incluídos no maletín/kit de voto accesible son supervisados pola Comisión Braille Española, que emitirá os correspondentes certificados, e o correcto funcionamento do procedemento de voto accesible é supervisado pola Administración Electoral (Xuntas Electorais e Mesas Electorais).