As Mesas Electorais
A Mesa electoral forma parte da Administración electoral, xunto coas Xuntas Electorais.
Está composta por tres persoas, un Presidente ou Presidenta de Mesa e dous vocais, que sexan menores de setenta anos e saiban ler e escribir.
Serán elixidas por sorteo entre o censo da Mesa.
O Presidente ou a Presidenta debe ter o título de Bacharelato ou o de Formación Profesional de segundo grado ou subsidiariamente o de Graduado Escolar ou equivalente.
A selección corresponde aos Concellos, mediante sorteo realizado en sesión plenaria, aínda que o sorteo pode realizarse ante a Xunta de Goberno Local, no caso de que o Pleno do Concello delegue nela esa competencia e sempre que se leve a cabo en sesión pública. Os sorteos celebraranse entre o 27 de abril e o 1 de maio.
Os Presidentes ou presidentas e vocais das Mesas, así como os suplentes que finalmente resulten designados e designadas como titulares da Mesa, terán os dereitos seguintes:
- Percibirán unha dieta de 65 euros.
- Redución da súa xornada de traballo de cinco horas o día inmediatamente posterior.
- Incluiranse no sistema da Seguridade Social para facer fronte ás continxencias e situacións que poidan derivarse da súa participación nas eleccións.
Os cargos de Presidente ou Presidenta e vocais das Mesas electorais son obrigatorios. Non poden ser desempeñados por quen se presente como candidato ou candidata.
O Presidente ou a Presidenta, os e as vocais e suplentes que non acudan a desempeñar as súas funcións incorrerán en pena de prisión de tres meses a un ano ou multa de seis a vinte e catro meses.
A designación como Presidentes ou Presidentas e vocais das Mesas debe ser notificada ás persoas interesadas entre o 27 de abril e o 4 de maio (3 días desde o sorteo). Coa notificación entregarase un Manual de Instrucións para os membros das Mesas electorais supervisado pola Xunta Electoral Central e aprobado por Acordo do Consello de Ministros.
As persoas designadas dispoñen dun prazo de sete días para alegar ante a Xunta Electoral de Zona causa xustificada e documentada que lles impida a aceptación do cargo. A Xunta resolve sen ulterior recurso no prazo de cinco días e comunica, de ser o caso, a substitución producida ao primeiro ou primeira suplente.
Se, posteriormente, calquera das persoas designadas estivese en imposibilidade de acudir ao desempeño do seu cargo, debe comunicalo á Xunta Electoral de Zona polo menos 72 horas antes do día das eleccións, achegando as xustificacións pertinentes.
Se o impedimento sobrevén logo dese prazo, o aviso á Xunta deberá realizarse de xeito inmediato e, en todo caso, antes da hora de constitución da Mesa. En tales casos, a Xunta comunica a substitución ao ou á correspondente suplente, se hai tempo para facelo, e procede a nomear a outro ou outra, se for preciso.
O Presidente ou Presidenta, vocais e suplentes de cada Mesa electoral reúnense ás oito horas do día 26 de maio no local correspondente.
Se o Presidente ou Presidenta non acudiu, substitúelle o seu primeiro ou primeira suplente. En caso de faltar tamén, substitúelle o seu segundo ou segunda suplente e, se tampouco acudiu, toma posesión como Presidente ou Presidenta o primeiro ou primeira vocal, ou o segundo ou a segunda vocal, por esta orde. Os e as vocais que non acudiron ou que toman posesión como Presidentes ou Presidentas son substituídos polos seus suplentes.
Non pode constituírse a Mesa sen a presenza dun Presidente ou Presidenta e dous vocais. No caso de que non poida cumprirse este requisito, as persoas que forman parte da Mesa presentes, e suplentes que acudisen, ou na súa falta a autoridade gobernativa, estenden e subscriben unha declaración dos feitos acaecidos e envíana por correo certificado á Xunta Electoral de Zona, a quen comunican tamén estas circunstancias telegráfica ou telefonicamente.
A Xunta, en tal caso, designa libremente ás persoas que deberán constituír a Mesa electoral, e pode ata ordenar que forme parte dela algún dos electores e electoras que se atope presente no local. En todo caso, a Xunta informa ao Ministerio Fiscal do sucedido para o esclarecemento da posible responsabilidade penal das persoas designadas á Mesa ou dos seus suplentes que non compareceron.
Se, pese ao establecido no parágrafo anterior, non puidese constituírse a Mesa unha hora logo da legalmente establecida para o inicio da votación, as persoas presentes ou a autoridade gobernativa comunicarán esta circunstancia á Xunta Electoral de Zona, que convocará para nova votación na Mesa, dentro dos dous días seguintes. Unha copia da convocatoria fixarase inmediatamente na porta do local electoral e a Xunta procederá de oficio ao nomeamento da nova Mesa.